No día de hoxe, 13 de maio de 2026, celebrouse a mesa sectorial docente non universitaria.
Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
1. Aprobación, se procede, de actas anteriores
Intervención de CCOO Ensino
- Na acta da Mesa Sectorial do 10 de febreiro, solicitamos a eliminación da frase da páxina 20 en rolda final de intervencións, “Consello Nuclear de Radón case en toda Galicia, agás Lugo.”
Xa se recolle a nosa solicitude de medición de radón na totalidade de centros máis abaixo nesa mesma páxina.
Quedan aprobadas as actas do 10 de febreiro e do 10 de marzo de 2026.
2. Orde do concurso de dirección do Centro Residencial Docente de Ourense
Intervención de CCOO Ensino
- Aproveitamos que esta orde pasa por Mesa Sectorial para facer dúas reflexións sobre os Centros Residenciais Docentes, xunto coas residencias existentes actualmente en centros ordinarios (nomeadamente CIFP Vilamarín e CIFP A Granxa de Ponteareas).
En primeiro lugar, existe unha falta de regulamentación moi flagrante sobre as condicións laborais do profesorado destinado nestes centros, principalmente horarios de traballo, que deberiamos acometer, xa que este profesorado, respectando a súa singularidade, debe ter as mesmas condicións horarias de permanencia fixa e non fixa semanal que o resto de profesorado de secundaria. - Ao mesmo tempo, aínda que xa foi tratado nunha mesa anterior de forma sucinta, debería acometerse unha modificación da Orde do 7 de xuño de 2018 do CADP.
O curso que vén, a totalidade do profesorado da especialidade de Prácticas e Actividades previsiblemente pasará a situación de xubilación, polo que é preciso clarificar ao profesorado da especialidade de Servizos á Comunidade, que será quen siga sendo destinado neste tipo de centros.
Ademais, debería acometerse a negociación nesta Mesa do catálogo de postos de traballo docente neste tipo de centros. - Xa en canto a emendas concretas ao articulado, consideramos que:
- No apartado 3.2, o Proxecto que se esixe para o candidato/a a director/a debería incluír tamén contidos en materia de igualdade entre mulleres e homes, non discriminación e prevención da violencia de xénero, tal e como recolle como esixencia para o proxecto de dirección a orde de convocatoria de concurso de direccións deste ano. ACEPTADO
- Debería tamén explicitarse unha rúbrica de corección como na orde de nomeamento de direccións de centros ordinarios. NON ACEPTADO
- No apartado 5.1 solicitamos que un dos vogais da comisión de selección debería ser un director/a de centros públicos da provincia de Ourense, tal e como recolle o Decreto 222/22 de nomeamento de direccións de centros públicos. NON RESPONDEN
- No artigo 9.1 debería especificarse o máximo de períodos de renovación que podería ter o director/a electo, propomos unha renovación tras avaliación positiva, ainda que é certo que o Decreto 222/22 recolle ata tres mandatos seguidos, por tanto dúas renovacións se hai avaliación positiva. NON RESPONDEN
3. Orde do calendario escolar 2026-2027
Intervención de CCOO Ensino
CCOO manifesta por enésima vez que o proxecto de orde de calendario escolar que se nos presenta obvia por completo o debate sobre os tempos escolares. Ano tras ano pónsenos como desculpa que non é o momento, por falta de tempo, pero ao longo do curso obviase ese debate serio e sosegado sobre este tema.
Este ano vólvesenos presentar unha proposta de carácter clásico, que non parece a máis acaída para os tempos que corren, dado que existe un desequilibrio de duración de cada trimestre debido a interpor períodos de vacacións mediatizados por festividades de índole relixiosa.
En concreto do primeiro trimestre fronte aos outros dous, cunha gran diferenza, máis de 20 días hábiles entre 1º e 2º trimestre (case un mes en días hábiles). Desta forma, o primeiro trimestre contaría con 71, o segundo con 49 e o terceiro trimestre con 59 días lectivos.
A pesar de que no artigo 10 se faculte aos centros, no uso da súa autonomía, a concretar as datas das tres sesións das avaliacións parciais para equilibar a duración de cada período. Consideramos tal medida como unha desculpa para non debater o reparto equilibrado dos tempos de forma global. Este debate xa foi aberto noutras comunidades autónomas, e, como xa fixemos nelas, CCOO ofrécese, unha vez máis, para discutir unha organización máis racional do calendario escolar.
A LOMLOE establece un mínimo de 175 días lectivos e, tradicionalmente, viñamos establecendo calendarios con eses 175 días. Nos últimos anos, xa con 176. Esta proposta sobrepasa en dous días os 175 (179 menos festivo local/ libre disposición do centro, TOTAL 177). Polo que propoñemos reducir dous días lectivo dos seguintes: o 21 de decembro, o 7 de xaneiro ou o 21 de xuño.
TEÑEN QUE REVISAR O CALENDARIO LABORAL PARA O ANO 2027 PARA FACILITARNOS INFORMACIÓN EXACTA E QUE SE POIDAN ADAPTAR ESTES DÍAS ÁS PETICIÓNS DE TODAS AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS. COMUNICARÁN POR CORREO ANTES DE IR O DOCUMENTO AO DOG
Esiximos que se amplíe o período de incorporación gradual do alumnado de cuarto de infantil. No borrador actual só se extendería cinco días hábiles, ata o 15 de setembro. Entendemos que se está a incumprir a Orde do 30 de maio de 2023 que establece a ordenación e currículo de Educación Infantil. Nela recóllese a posibilidade de extensión durante a totalidade do mes de setembro de tal período, deixando á autonomía dos centros docentes en función das características do seu alumnado a fixación dunha extensión inferior.
Solicitamos que se incorpore ao borrador esta medida da Orde do 30 de maio de 2023, xa que o período de adaptación faise en beneficio do alumnado e nunca debe supeditarse a cuestións de conciliación familiar nin intereses corporativos.
Tanto o profesorado como as familias deben estar supeditados na toma de decisións ás necesidades e benestar do alumnado. NON ACEPTADO
Con respecto a FP, a data de inicio e remate do curso debe ser “de acordo cos requirimentos de cada ciclo formativo”, tal como se recollía fai anos no calendario escolar. De feito, os cursos de especialización sempre empezan máis tarde de setembro.
No Anexo 1 de conmemoracións propomos incluír as seguintes:
- Día da Clase Obreira Galega (10 de marzo).
- Día da memoria democrática (31 de outubro).
- Débense enumerar do mesmo xeito as datas nas que hai celebracións internacionais referidas ao recoñecemento efectivo dos dereitos LGBTIQA+, e non deixalo de modo xenérico, o que favorece a invisibilización.
- 15 de marzo – Día da visibilidade transexual
- 26 de abril – Día da visibilidade lésbica
- 17 de maio – Día internacional contra a LGTBIfobia
- Todos eles en tempo lectivo
NON PODEMOS FACER UNHA RELACIÓN EXHAUSTIVA DE TODAS AS CONMEMORACIÓNS POSIBLES. NOS CENTROS PÓDESE FALAR E CELEBRAR CALQUERA DESTAS TEMÁTICAS E MESMO SERÍA MOMENTO DE SACAR ESTA LISTAXE ATENDENDO A ESA
Días lectivos curso 2026/27
- Setembro 16
- Outubro 21
- Novembro 21
- Decembro 13
- 1º trimestre 71 días
- Xaneiro 17
- Febreiro 17
- Marzo 14 (SAN XOSÉ SERÁ FESTIVO EN 2027)
- 2º trimestre 48 días
- Marzo 2
- Abril 22
- Maio 20
- Xuño 15
- 3º trimestre 59 días
- Días lectivos totais 178 (- 2 festivos locais): 176 días
Para finalizar, somos conscientes de que para poder levar a cabo a redución horaria lectiva en secundaria, da que falaremos no seguinte punto, precísase derrogar moita normativa anterior e que só pode facerse a través dunha orde.
Preocúpanos principalmente a derrogación por completo da Orde do 17 de xullo de 2007 e non por artigos localizados, xa que por esta orde creábase o complemento de acción titorial que está incluído na práctica totalidade das nóminas do profesorado galego, e que con esta derrogación pode correr perigo a súa percepción.
A ADMINISTRACIÓN CONFIRMA QUE ESE COMPLEMENTO ESTÁ E SEGUIRÁ ESTANDO CONSOLIDADO PARA TODO O PROFESORADO E QUE O LUGAR AXEITADO PARA RECOLLER AS CONDICIÓNS DO SEU PAGAMENTO É A ORDE ANUAL DE CONFECCIÓN DE NÓMINAS.
DE TODOS MODOS, REVISARÁN ESAS DERROGACIÓNS TOTAIS E PARCIAIS.
Ademais, esta orde recollía as funcións dalgunhas coordinacións como por exemplo a coordinación TIC, ou de biblioteca ou de programas internacionais.
En concreto, a coordinación TIC non conta con ningún outro documento no que se recollan as funcións do cargo.
POSTO QUE A RESOLUCIÓN DE HORARIOS PARA O CURSO 26-27 HABERÁ QUE DESENVOLVELA POSTERIORMENTE EN FORMA DE ORDE, NON TEÑEN PROBLEMA EN INCLUÍR UNHA ACLARACIÓN SOBRE AS FUNCIÓNS DE DISTINTAS COORDINACIÓNS
4. Resolución conxunta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Dirección Xeral de Innovación e Ordenación Educativa e da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente no curso académico 2026-2027
O Director Xeral de Centros e Recursos Humanos indica que logo de traballar para desenvolver o Acordo sobre Medidas de Mellora, finalmente tráese esta resolución conxunta das tres direccións xerais á Mesa para chegar á adaptación do horario do profesorado de secundaria, unha medida longamente demenanda polo profesorado.
Intervención de CCOO Ensino
En primeiro lugar e atendendo á intervención previa da CIG Ensino cómpre aclarar diversas cuestións:
- O anuncio feito pola Consellería e as organizacións asinantes do Acordo simplemente recollían as liñas xerais do traballo realizado na comisión de seguimento de dito acordo.
- Á Mesa Sectorial vén unha proposta baseada no traballo desa comisión e para o seu debate e achegas por parte de todas as organizacións sindicais.
- É falso afirmar que a excepcionalidade para chegar ás 20 sesións lectivas non existía na normativa anterior, posto que aparece recollida en toda a normativa de secundaria dos anos 1987, 1997, 2011, 2012 e mesmo no proxecto de lei estatal de redución de xornada e ratios (que non se sabe se chegará a aprobarse).
Levabamos moitos anos reclamando, xa fora pola vía mobilizadora, como nas mesas de negociación, o retorno ao horario lectivo anterior á crise para as etapas de ensino secundario. Unha das principais reinvindicacións no noso programa, coa que concurrimos ano tras ano ás eleccións. Convén lembrar que esta medida puxo de acordo a todas as organizacións sindicais na última folga con unidade sindical, aló por decembro de 2019.
Por todas esas razóns, e por outras que enumeraremos, sorprende escoitar o rexeitamento de tan importante conquista por parte dos compañeiros e compañeiras da CIG Ensino.
- A proposta que recolle o borrador a tratar hoxe convirte a Galicia na comunidade autónoma co mellor horario lectivo (18 períodos de 50 minutos, 900 minutos lectivos semanais) e de permanencia fixa semanal (23 períodos lectivos de 50 minutos). Castela León e Euskadi, con 17 sesións lectivas de 55 minutos teñen 935 minutos lectivos semanais.
Euskadi con 23 sesións ten 1265 minutos de permanencia fixa no centro, Galicia con 23 sesións ten 1150 minutos, ata dúas horas menos de permanencia fixa semanal. - A redución do horario lectiva suporá centos de docentes máis para os centros galegos o curso que vén ao incrementarse os cupos de profesorado, froito de tal redución.
A redución horaria lectiva en secundaria e a recuperación do horario anterior á crise que recolle este borrador, foi a primeira reclamación da táboa reinvindicativa das organizacións que convocaron ata seis xornadas de folga só este curso. A totalidade de organizacións con representación puideron estar presentes no dialogo que se levou a cabo na comisión de seguimento do Acordo de Medidas de Mellora que deu lugar a esta proposta que inclúe o borrador, e simplemente non o aceptaron, agás CSIF.
Preferiron seguir coas mobilizacións de forma totalmente lexítima, a pesar de que con trasparencia absoluta lles comunicamos que estabamos en camiño de chegar a bo porto na comisión de seguimento do Acordo. Un acordo que segue desenvolvéndose e que seguirá facéndoo, non temos ningunha dúbida, nos vindeiros cursos.
Esta proposta de redución horaria que se nos presenta hoxe na Mesa Sectorial ten a súa orixe polo tanto no propio Acordo de Medidas de Mellora, en concreto na base 3, e é froito dun esforzo de responsabilidade por parte das organizacións asinantes.
O camiño doado, ao ver que pasaban os meses e que non se avanzaba no desenvolvemento do Acordo tería sido levantarse da mesa da comisión de seguimento e convocar mobilizacións.
Moitas horas de reunións onde se acumulaba a impaciencia e a frustración, pero cun obxectivo claro, recuperar o horario que tiñamos antes da crise.
Decidimos facer o máis difícil, non levantarse da mesa ata conseguir ese obxectivo, demostrando que co diálogo, pódense conseguir avances, sempre que haxa vontade de facelo.
Por todo o dito, non debe estrañar a ninguén que a nosa valoración do borrador que se nos presenta, non pode ser máis que positiva, polas seguintes razóns concretas:
- A proposta respecta as cuestións básicas que presentamos no diálogo na comisión de seguimento do Acordo por parte da totalidade de organizacións asinantes: 18 sesións lectivas e 23 de permanencia fixa, co que podemos dicir que pasamos a ter o mellor horario do Estado.
As dúas sesións anteriormente lectivas, que pasan das 20 ás 18, poderán ser dedicadas a gardas e outras actividades non lectivas en función das necesidades dos centros.
A proposta fortalece entre as actividades lectivas a atención á diversidade reforzando apoios, desdobres e coodocencia. Destacando a importancia de que a codocencia non supón cotitularidade da materia, nin obriga a facer programación, nin ao seguimento da mesma. - Excepcionalmente poderase superar, de forma motivada, as 18 sesións lectivas ata un maximo de 20, pero con compensación a razón de 2 horas complementarias fixas por cada lectiva, ata que se esgoten as fixas, e a partir de aí, con horas complementarias non fixas.
Esta excepcionalidade xa se atopaba recollida na diferente normativa de horarios anteriores a 2012, pero sen compensación de ningún tipo. No proxecto de lei estatal de horarios e ratios recóllese, pero sen concretar con que tipo de complementarias se compensa.
O borrador froito do diálogo recolle que primeiro compénsase co dobre de complementarias fixas e, só tras esgotarse estas, procederase a compensar con non fixas.
Polo tanto, melloramos con esta proposta que pasa hoxe por Mesa a situación anterior á crise, polo que a nosa valoración non pode ser máis que positiva.
- En caso de impartir materias afins, o borrador recolle tamén unha petición nosa, que non se poderán superar os 18 períodos lectivos en ningún caso, salvo que o acepte voluntariamente a persoa docente. Esta medida foi proposta para recoñecer o esforzo e o traballo que debe asumir o persoal docente que ten que impartir materias afíns.
- Outra cuestión moi importante que mantivemos na comisión de seguimento foi que as persoas titoras tivesen un recoñecemento en horas lectivas para axudar a realizar o seu labor, polo que valoramos moi positivamente a incorporación dunha redución lectiva semanal a todas as persoas.
Desta forma as persoas titoras pasan de ter 20 sesións lectivas e ningunha sesión lectiva de dedicación á súa titoria, a ter un máximo de 17 sesións lectivas máis unha sesión de dedicación á titoria.
- Os equipos directivos ven incrementadas as súas asignacións horarias semanais en 8 horas semanais en total (2 horas por cada membro do equipo), nos IES tipo A, B e C, e 6 periodos lectivos nos D.
A medida busca que coa redución horaria non se lle vexa incrementado o seu horario noutras actividades que non sexa a función directiva e poidan dedicar o cargo ás horas de redución horaria lectiva para facer mellor o seu labor, buscando incrementar o atractivo da función directiva. - Reducións horarias para Xefaturas de Departamento: A proposta busca adaptar as reducións horarias á redución de tarefas nos últimos anos das xefaturas de departamento, xa que hai que considerar que boa parte das funcións destas persoas traspasáronse co tempo ao profesorado integrante do mesmo (elaboración e seguimento de programacións, atención a materias pendentes, etc.).
Garantízase a xefaturas de departamentos non unipersoais unha redución lectiva semanal xunto con horas complementarias fixas que estime o centro, liberándoos de parte ou de todas as gardas. Redución lectiva que antes non estaba garantida, xa que o termo “ATA” incluía tanto tres sesións como cero. Ao mesmo tempo, a redución lectiva pode ser maior en función do tamaño do departamento.
En canto a departamentos unipersoais, a compensación pasa a ser complementaria fixa, aínda así, a situación mellora xa que pasamos dunha situación anterior de 19 sesións lectivas e 1 de xefatura de departamento (que non estaba garantida) a 18 lectivas e 1 complementaria fixa menos (un garda menos).
Polo tanto, é falso que as xefaturas de departamento empeoren a situación con respecto ao horario lectivo coa nova proposta, xa que no peor dos casos, seguirían igual en canto a número total de sesións lectivas.
Da mesma forma, a proposta abre a porta a que se lle reduzan parte ou a totalidade de gardas en función da disponibilidade do centro.
- Garántese unha redución lectiva semanal para a totalidade de coordinacións e dinamizacións, que antes non estaba asegurada, xunto con horas complementarias fixas dependendo da coordinación, liberándoos de gardas; polo que a asunción de responsabilidades pasa a ter recoñecemento SI OU SI.
Algunhas coordinacións, como a de benestar e convivencia, terán dous periodos lectivos e horas complementarias fixas ata o máximo dispoñible no horario da persoa encargada, moi necesarias para realizar as funcións encomendadas.
- Flexibilidade nas ensinanzas de FP para os centros que teñan esas ensinanzas. Os CIFP e as Ensinanzas de Réxime Especial non se ven afectados por esta medida e manterán as súas reducións que viñan sendo habituais.
Independentemente desta valoración positiva, temos por suposto alegacións concretas a aspectos puntuais do borrador que compartimos as organizacións asinantes, tres presentes nesta mesa, ademais de CSIF:
- No apartado segundo, no subapartado 1 é preciso incorporar de forma expresa tamén ao profesorado de ensinanzas de adultos, xa que nas visitas a este tipo de centros o profesorado desta etapa transmítenos o temor de quedar fóra.
- Neste mesmo apartado debe especificarse que a duración das sesións lectivas e complementarias fixas serán cómo máximo a que tiveron por cada tipoloxía de centro no curso 2025/2026.
- No terceiro apartado queremos que se inclúa que a compensación do horario por superar 18 períodos lectivos por dúas horas complementarias por cada lectiva, que tales horas descontaranse das de permanencia fixa semanal, de forma que o que teña que asumir 19 horas lectivas terá 21 horas de permanencia (unha garda e unha hora de atención pais/nais/alumnos), así como, o docente que teña que asumir 20 horas lectivas, non terá que asumir máis horas de permanencia fixa semanal.
- Consideramos que para clarificar mellor esta cuestión a Administración debería incluir aquí un cadro explicativo coas diferentes situacións por superar de forma extraordinaria os 18 periodos lectivos. Achegamos para a súa inclusión en acta o seguinte documento.

- Solicitamos finalmente neste punto que se inclúa que para superar de forma excepcional as 18 sesións lectivas sería preceptivo o informe de conformidade de Inspección Educativa autorizando dita medida excepcional.
- En canto á hora de atención a familias recollido no artigo 4, debe regulamentarse para os casos puntuais que profesorado este a 20 periodos lectivos que esta se realice de forma telemática, xa que non ten máis obriga de permanencia fixa semanal ese docente no centro. Neste caso, sería necesario derrogar así o artigo 68 da Orde de 1 de agosto de 1997.
- Neste mesmo apartado 4, debería eliminarse a frase “con carácter xeral”, para garantir que se respecte a hora de atención a familias ou alumnado.
- Debería detallarse tamén neste apartado 4 que as actividades que se poderían desempeñar en lugar de gardas serían actividades sempre non lectivas.
- Solicitamos a eliminación da última frase antes do apartado 5 relativo ao cómputo semanal das gardas. A maioría dos centros en función das súas disponibilidades horarias están computando na actualidade as gardas ou como unha garda por sesión (en canto a gardas de clase), ou como dúas gardas igual a unha sesión (en canto a gardas de recreo ou transporte), sen maior incidencia. Polo que consideramos que esta frase vai crear un problema que actualmente non había (xa que podería darse a situación paradóxica de que se as gardas de transporte duran 12 minutos ou menos, con esta redación as cinco gardas de toda a semana de inicio de actividades lectivas sería unha sesión e as cinco de saída outra sesión).
- A frase anterior ao punto 6, sobre a obrigatoriedade do profesorado de asistir presencial ou telematicamente ás actividades consideradas como complementarias non fixas, parécenos que non é preciso explicitalo. É parte do horario de permanencia no centro, polo que cando a persoa sexa debidamente convocada deberá asistir e, se non asiste, deberá xustificar a súa asistencia. De manter o parágrafo debe explicitarse que a asistencia é obrigatoria se se trata unicamente da tipoloxía de actividades recollidas nese apartado 5.
- Na base terceira, sobre a asignación horaria para equipos directivos, deberían incluírse os centros CPI e centros EPAPU e EPA. Os CIFP e outros centros de ensinanza de réxime especial consideramos que non deberían ser incluídos, xa que a dedicación horaria dos equipos directivos dos CIFP e centros de ensinanzas de réxime especial soe ser máis vantaxosa, respondendo á súa singularidade propia.
- Xa que hai centros educativos que hoxe están encadrados en tipoloxías que non lle corresponden por número de alumnado, consideramos que debería incluirse nesta base 3 que en caso de discordancia entre número de alumnado e categoría recoñecida, prevalecerá o máis vantaxoso para o equipo directivo.
- No punto 2 da base 3 sobre as xefaturas de departamento deberían incluírse tamén os centros EPA e EPAPU.
- No que respecta ás reducións horarias de xefatura de departamento, en canto a departamentos unipersoais, deberían incluírse unha redución lectiva en caso de departamentos con moitas horas lectivas e con moito alumnado. Non é o mesmo unha redución complementaria fixa para unha xefatura de departamento que conte con poucas horas lectivas no mesmo, que outros departamentos, que aínda que unipersoais, a carga lectiva de clases é maior e que atenden a maior alumnado.
- No resto de departamentos, propomos a seguinte redacción: “disporán dunha hora lectiva semanal, e, adicionalmente, poderán dispoñer das sesións do horario complementario fixo que determine o centro”.
- En caso de departamentos de maior tamaño, habería que engadir tanto “horario lectivo e complementario fixo” no caso da asignación a este tipo de departamentos.
- No punto 3 sobre coordinacións e dinamizacións consideramos que deberían incluírse que serían acumulables con outras reducións horarias, aínda que entendemos que é unha obviedade.
- Neste punto, como no resto, deberían incluírse tamén ao persoal que imparte etapas de secundaria e bacharelato, polo tanto IES, EPAPU/EPA e CPI.
- Neste apartado consideramos que é un erro non dar horas de redución as persoas que imparten seccións bilingües, con dúas finalidades, que fagan atractiva a impartición de seccións bilingües e por outro lado para coordinarse co coordinador de seccións bilingües e centros plurilingües.
- Non entendemos que non estea recollida a posibilidade de horas de redución para os membros de equipo de bibliotecas (NON PLAMBE), mentres que si que está recollida para o equipo de bibliotecas que estea en PLAMBE. Polo que entendemos que debe estar recollido en ambos tipos de equipos.
- Solicitamos que tamén se establezca a asignación horaria a coordinación EDIXGAL con centros de menos de 150 alumnos/as.
- No subapartado l sobre coordinación de programas internacionais deberían incluírse tamén aqueles que en moitos centros están desempeñando a función coa denominación de “responsables”.
- No subapartado m, corrixir un erro tipográfico e eliminar o “s” que sobra na palabra “equipos”.
- Engadir coordinacións que faltan: coordinador/a do clube de ciencia, coordinador/a de formación e coordinador do “Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables”.
- No apartado 4 consideramos que en ciclos de FP, sobre todo en FP Básica, que se debería respetar a singularidade desta etapa en canto a redución horaria de titores, considerando ademais que na Orde de desenvolvemento do ROC dos IES recollíase a “posibilidade de ata tres horas de redución”.
- No apartado 5, tal e como está encadrado ese parágrafo parece que a autonomía dos centros con elevada oferta de FP só se aplica a complementarias fixas e non a lectivas, polo que pedimos que se incorpore tamén referencia á autonomía en asignación de horas lectivas e complementarias fixas.
En definitiva, a proposta consensuada coas organizacións sindicais asinantes do Acordo de Medidas de Mellora que se inclúen neste borrador supón que Galicia pasa a ter as mellores condicións de horario en ensinanzas de secundaria tanto en horario lectivo, como en horario de permanencia fixa semanal. Redución de horario lectivo que suporá un incremento previsible de centos de docentes en secundaria., bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial a partir do 1 de setembro de 2026.
O DIRECTOR XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS INDICA QUE O OBXECTIVO DA CONSELLERÍA É MELLORAR A CALIDADE DO ENSINO PÚBLICO, QUE ESTA PROPOSTA É UNHA INICIATIVA DE GALICIA E NON DERIVA DE NINGÚN PROXECTO DE LEI ESTATAL, QUE NON SE SABE SE VAI SER APROBADO OU NON.
SOLICITAN POR ESCRITO TODAS ESTAS ALEGACIÓNS PARA ESTUDAR A SÚA INCORPORACIÓN AO TEXTO.
INDICA QUE TODAS ESTAS MEDIDAS SUPOÑEN UN COMPROMISO DE INVESTIMENTO MOI ELEVADO EN AUMENTO DOS CADROS DE PERSOAL E QUE UNHA VEZ PECHADO O TEXTO FINAL, FARASE A ANÁLISE CENTRO POR CENTRO PARA VER A DOTACIÓN DE PERSOAL ADICIONAL NECESARIA EN CADA UN.
O PUNTO DE PARTIDA PARA REVISAR OS CUPOS VAI A SER A ASIGNACIÓN QUE HAI
A ACUMULACIÓN DE CARGOS EN MOITOS CENTROS ESTÁN ACEPTADAS, POLO QUE ESA POSIBILIDADE ESTÁ CONTEMPLADA.
PUNTO DO CÓMPUTO DAS GARDAS; O QUE SE PRETENDE É UNIFORMIZAR ESTE TIPO DE CUESTIÓNS PARA PODER MODERNIZAR A XESTIÓN INFORMÁTICA DESTE ASUNTO.
Insistimos en que esta cuestión vai xerar máis problemas que solucións nos centros educativos e que, en caso de afrontar esta “regularización” no cómputo de gardas en Secundaria, deberá facerse tamén en Infantil e Primaria, onde se están detraendo períodos completos dos 24 de imprevistos por unha simple garda de transporte ou de recreo.
RECOLLERÁN O DA DURACIÓN DAS SESIÓNS TAL E COMO ESTÁN NO PRESENTE CURSO PARA QUE QUEDE CLARIFICADO.
AS REFERENCIAS A CPI, EPA E EPAPU HABERÁ QUE REVISALAS EN TODA A RESOLUCIÓN. AQUELAS COORDINACIÓNS QUE NOS CPI ESTEAN DESENVOLTAS POR PERSOAL DE SECUNDARIA, ADAPTARANSE A ESTA RESOLUCIÓN.
5. Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para financiar os gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento ED303A)
Intervención de CCOO Ensino
- Non compartimos que só se poida solicitar reintegro por dúas actividades formativas, indicando mesmo cal é a preferente. Cónstanos que os fondos dedicados a estes reintegros non se soen esgotar, polo que deberían cubrir a totalidade de actividades formativas solicitadas.
INCREMENTAN O NÚMERO DE ACTIVIDADES ATA TRES - Solicitamos que non se restrinxa a posibilidade de reintegro de toda actividade de formación regrada ou equiparable que poidan ser recoñecidas ao abeiro da Orde de 14 de maio de 2013.
- En canto ás persoas beneficiarias, quedaría persoal docente en servizo activo fóra do ámbito de aplicación destas axudas coa actual redacción: deberían incluír ademais de inspección, equipos de orientación específico e de asesorías, os destinados en prazas de convenio e/ou programas específicos. ESTUDARÁN UNHA REDACCIÓN ALTERNATIVA AO TEXTO, MESMO INDICANDO O PROFESORADO EN ACTIVO CON DESTINO EN GALICIA, PARA NON DEIXAR A NINGUÉN FÓRA
- No apartado 4 debe ser actualizado o parágrafo que fai referencia a que a cuantía de orzamento foi duplicada debido á sinatura do Acordo sobre Medidas de Mellora, habería que incluír que tal acordo foi asinado por outra organización sindical, CSIF en decembro de 2025. Solicitamos incluír o nome das organizacións asinantes no texto.
- Esiximos que se cubran os gastos de aloxamento e manutención ademais de matrícula e desprazamento, xa que en moitos exercicios houbo remanente das cantidades destinadas a a este tipo de reintegros. ACEPTADO
- Solicitamos que a documentación a tramitar sexa a similar das actividades xa realizadas con respecto a outras a realizar, xa que consideramos que a documentación é excesiva con respecto ás actividades xa realizadas.
- Esiximos a presenza das organizacións sindicais na comision de valoración.
Rolda final de intervencións
Intervención de CCOO Ensino
- Esiximos unha vez máis a convocatoria do Comité intercentros de seguridade e saúde laboral. Recordamos que é preceptivo por Resolución da Inspección de Traballo convocalo unha vez por trimestre e leva xa máis dun ano sen convocarse. Solicitamos que se constitúan igualmemte os comités de seguridade e saúde das provincias que faltan por constituírse (só Lugo está en funcionamento) e que se convoquen os que xa están constituídos e non se reúnen: A Coruña e Pontevedra (precisamente temos reunión o 20 de maio na provincia de Ourense).
- Volvemos a solicitar, como xa foi aceptado en anteriores mesas sectoriais, que se traia a esta mesa a actualización da relación de centros e postos de especial dificultade (por exemplo para incluír a profesorado de aulas hospitalarias).
- Solicitamos que se nos clarifique se se prevé a convocatoria este ano de concurso de asesorías, CFR e CAFI, prazas de convenio e licenzas por formación. TENTARÁN CONVOCAR ASESORÍAS, CFR e CAFI
- Posto que teremos que negociar noutra Mesa unha modificación do Acordo de catálogos e un incremento de dotación de profesorado de atención á diversidade e orientación, froito do diálogo na comisión de seguimento do Acordo de Medidas de Mellora.
Solicitamos que tras acometer eses cambios estruturais en dotación de PT, AL e Orientación, a Administración debería convocar o concurso de atención preferente para atender necesidades coxunturais dándolle continuidade á persoa de referencia en atención a diversidade.
PRIMEIRO HAI QUE REMATAR CON ESTA REDUCIÓN DE HORARIO DE SECUNDARIA E CONTINUARASE TRAENDO Á MESA ESAS MEDIDAS DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

