Exixencia de negociación real para a mellora das condicións no ensino concertado

Á Dirección Xeral de Recursos Humanos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Xunta de Galicia

Todas as OOSS con representatividade no ensino concertado queremos trasladar formalmente a nosa fonda preocupación pola situación que atravesa o ensino concertado en Galicia e, ao mesmo tempo, reafirmar con firmeza a nosa exixencia de apertura dun proceso de negociación real, efectivo e respectuoso que permita avanzar cara a melloras substanciais para o sector.

A recente concentración do pasado 5 de maio ás portas da Consellería, na que arredor de 400 delegados e delegadas do sector reclamaron o que é de xustiza, evidencia o crecente malestar e a sensación de abandono que existe no colectivo. Esta mobilización non pode ser ignorada nin minimizada: é a expresión clara dun profesorado que esixe ser escoitado e tratado con respecto.

Resulta inaceptable que, de maneira reiterada, se continúe ignorando a un colectivo que representa aproximadamente o 30% do alumnado galego. Esta realidade evidencia que o ensino concertado non é un elemento marxinal do sistema educativo, senón unha peza estrutural do mesmo, que merece consideración, respecto institucional e unha planificación acorde á súa relevancia.

Non obstante, a resposta por parte da Administración vén caracterizándose por unha actitude que percibimos como un claro menosprezo cara ás persoas traballadoras do sector. Esta situación agrávase ao comprobar que o funcionamento do ensino concertado se está a soster, en boa medida, sobre a base dun profesorado en condicións claramente inferiores ás do ensino público, configurando de facto un modelo de profesorado “low cost” que non garante nin a equidade nin a dignidade profesional. Para mostra, o bloqueo sistemático cada ano desde o 2010 da aplicación dun acordo asinado por esta Consellería.

Queremos deixar constancia de que esta dinámica non só resulta inxusta para as persoas traballadoras do sector, senón que tamén repercute directamente na calidade do servizo educativo que recibe unha parte significativa do alumnado galego. Non se pode falar de excelencia educativa mentres se manteñen desigualdades estruturais deste calibre.

Por todo o exposto, solicitamos:

A apertura inmediata dunha mesa de negociación específica para o ensino concertado.

Así mesmo, advertimos de que, no caso de non producirse avances reais nin a apertura inmediata dunha vía de diálogo, as mobilizacións continuarán e intensificaranse nos vindeiros meses. As traballadoras e traballadores do ensino concertado non van permanecer impasibles ante esta situación de agravio e están dispostos a defender os seus dereitos ata que se produzan cambios efectivos.

Reclamamos, en definitiva, respecto e dignidade. Respecto para un colectivo profesional que sostén unha parte esencial do sistema educativo e dignidade para desenvolver o noso labor en condicións xustas.

Quedamos á espera dunha resposta que estea á altura da responsabilidade institucional que representan.

Atentamente,

FSIE, UGT, CCOO, USO, SNEP, CIG

Descarga o documento (PDF)