CCOO reclama que o Goberno cumpra cos compromisos adquiridos
A Lei 39/2022, do 30 de decembro, do deporte, establece na súa disposición final sexta que o Goberno debía presentar, nun prazo de seis meses desde a súa entrada en vigor, un proxecto de lei que regulase o exercicio das e dos profesionais do deporte, determinando a reserva de actividade da profesión titulada e colexiada das persoas licenciadas e graduadas en Ciencias da Actividade Física e o Deporte (CCAFD). En definitiva, regular as condicións en que se desempeña a profesión por parte das persoas capacitadas para facelo.
O Anteproxecto de Lei de ordenación do exercicio profesional no deporte foi confirmado na axenda lexislativa estatal do Goberno español para 2025, impulsado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Esta norma buscará regular as titulacións necesarias, establecer reservas de actividade, garantir a seguridade do consumidor e fomentar a práctica saudable, unificando o mercado nacional.
Porén, a día de hoxe, este mandato segue sen se cumprir. A falta dunha lei estatal de ordenación do sector:
- Manteno nun baleiro legal que afecta o ámbito profesional, educativo, laboral e social.
- Permite que persoas sen formación universitaria específica exerzan funcións con impacto directo na saúde, a seguridade e o benestar da cidadanía.
- Alimenta propostas que equiparan titulacións situadas en niveis distintos do Marco Español de Cualificacións, o que desvaloriza un grao universitario de catro anos de formación científica especializada.
Ao tempo, ata dez comunidades autónomas foron aprobando as súas propias leis autonómicas de profesionais do deporte, o que, aínda que supuxo un avance importante, xerou criterios dispares, requisitos distintos e niveis desiguais de protección segundo o territorio. O resultado é un mapa fragmentado que produce inseguridade xurídica, desigualdade entre profesionais e confusión para a cidadanía e para as propias familias que confían nos servizos deportivos.
Nesta situación, unha lei estatal limitada ás profesións tituladas de ámbito universitario permitiría ordenar o sistema de forma coherente, garantindo seguridade xurídica, calidade e garantías éticas nas intervencións profesionais e avanzaría na dignificación tanto das ensinanzas universitarias como do colectivo profesional.
Non actuar lexislativa e executivamente nos sentidos anteriormente expostos sería dunha enorme gravidade, con consecuencias negativas para a seguridade e a saúde da cidadanía usuaria dos servizos deportivos, así como para o sistema formativo, a ordenación profesional e o desenvolvemento futuro do sector e a industria dos servizos deportivos.
CCOO reclama a necesidade de que o anteproxecto de lei se materialice axiña e que sexa o resultado do diálogo e a negociación entre a Administración e as partes afectadas (universidades públicas que imparten esta docencia, colectivos afectados, representación legal das persoas traballadoras, etc.), todo isto no marco del diálogo social.

