Sen avances suficientes na negociación salarial: CCOO Ensino e as demais organizacións sindicais mantemos a presión

Negociación do VII Convenio Colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos.

As catro organizacións sindicais na mesa defendemos a necesidade de proceder ao peche inmediato das táboas salariais correspondentes ao VII Convenio Colectivo, especialmente as do PAS e niveis non concertados: non se pode iniciar a negociación dun novo convenio sobre compromisos salariais pendentes do anterior.

A representación patronal expuxo inicialmente unha proposta claramente inmobilista, consistente en non aplicar ningunha suba salarial nin en 2024 (pagamento delegado) nin en 2025 (PAS, niveis concertados e non concertados), baseándose na falta de seguridade xurídica pola falta de módulos. Condicionan calquera suba ao seguinte:

  • No pagamento delegado: a publicación dos módulos económicos por parte da Administración e a súa percepción efectiva en todas as comunidades autónomas.
  • No pagamento directo: a revisión da actualización dos complementos económicos ao profesorado nas saídas con pernoctación e a exclusión da gratuidade do ensino para fillos/as das persoas traballadoras que non cursen estudos no mesmo centro, así como a exclusión tamén da gratuidade das saídas a fillos/as das persoas traballadoras.

As organizacións sindicais cualificamos esta proposta como inasumible e inxusta, ao supeditar dereitos salariais consolidados a condicionantes externos e a cuestións que deben tratarse, se for o caso, no marco da negociación do novo convenio.

Logo dun un receso, a patronal formulou unha nova proposta:

  • Asinar as táboas salariais en pagamento delegado para os anos 2024 e 2025 facendo referencia ao articulado que exclúe as empresas da obriga económica se as Administracións non asumen o pagamento.

Esta vez condicionados a:

  • Conxelación dos complementos de saídas do profesorado con pernoctación.
  • Compromiso de negociación no VIII Convenio sobre a revisión automática ao IPC dos complementos de saídas con pernoctación e a gratuidade das ensinanzas para fillos/as das persoas traballadoras doutros centros.

Esta segunda proposta supón un avance respecto á inicial, segue resultando insuficiente e inasumible nos termos expostos. Non recolle a grave perda de poder adquisitivo acumulada polas categorías cuxos salarios base se sitúan en niveis próximos ou incluso por debaixo do salario mínimo interprofesional, nin corrixe as distorsións derivadas da absorción de complementos e antigüidade.

Así mesmo, as organizacións sindicais non aceptamos vincular a actualización salarial a compromisos que poidan condicionar o desenvolvemento do VIII Convenio. Por todo isto, anunciamos que presentaremos unha contraproposta en materia salarial que permita avanzar cara a unha solución xusta para todas as persoas traballadoras do sector.