CCOO é a organización que, co seu traballo e propostas, está a conseguir os avances e melloras actuais, pero debemos acadar máis.
O sindicato reclama ao Ministerio unha baixada de ratios máis rápida, máis orientadores e especialistas, e que dea resposta á insoportable realidade de vulnerabilidade social do 30 % da poboación infantil.
Moitas das reivindicacións de CCOO derivan directamente do Acordo sobre medidas de mellora asinado en Galicia, no que seguimos traballando para o seu completo desenvolvemento, ao tempo que intensificamos as negociacións a nivel estatal para conseguir progresos máis ambiciosos e duradeiros.
Tras a terceira reunión do grupo de traballo sobre xornada e ratios, CCOO valora os avances logrados —como blindar as 18/23 lectivas, contabilizar o dobre o alumnado con necesidades especiais e reforzar os apoios—, pero advirte de que o ritmo é inaceptable e os recursos, insuficientes.
O sindicato reclama unha baixada de ratios máis rápida, máis orientadores e especialistas, e que se dea resposta á insoportable realidade de vulnerabilidade social do 30 % da poboación infantil, así como a eliminación das sobrecargas lectivas para facer efectiva unha educación pública de calidade.
Nesta reunión co Ministerio de Educación e Formación Profesional, dentro do grupo de traballo sobre xornada e ratios, ademais do que xa estaba incluído:
- Blindar os 18/23 períodos lectivos máximos en todo o Estado.
- Que todo o alumnado con necesidades especiais conte dobre a efectos de ratio en todas as ensinanzas, a partir do próximo curso.
- Unha redución progresiva e xeneralizada das ratios.
Avanzouse nas seguintes cuestións:
- Regularanse as dotacións mínimas de apoios especializados.
- Haberá dotación adicional completa asociada aos desdobres, mesmo cando non se poidan realizar por calquera limitación.
- Modificarase o Real decreto de requisitos mínimos dos centros para mellorar tamén as condicións da escola rural.
Porén, seguen existindo problemas importantes sen resolver que non poden agardar máis, como:
- O calendario de aplicación da baixada xeneralizada de ratios é demasiado lento.
- Deben baixarse as ratios do primeiro ciclo de Infantil, dos grupos mixtos, da Educación Especial, dos centros de educación de persoas adultas e da Formación Profesional.
- Todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e necesidades de compensación educativa debe computar para incrementar os apoios especializados de PT, AL ou compensación educativa e para reducir as ratios dos seus grupos.
- Debe regularse un incremento de recursos da rede de orientación.
- É necesario eliminar calquera excepcionalidade que supere o límite de períodos lectivos, regular todo o que se considera lectivo e establecer a redución adicional do profesorado maior de 55 anos.
Ante a insoportable realidade dunha sociedade cun 30 % de pobreza infantil, é prioritario que o Ministerio elabore con urxencia o “índice de vulnerabilidade” do alumnado afectado. Está amplamente demostrado que a pobreza está directamente relacionada co fracaso educativo e que a condición de “vulnerabilidade” debe ser un criterio básico para a redución das ratios.
O seguinte paso será a Mesa Sectorial.
Co teu apoio, xuntas e xuntos seguiremos presionando para que se inicien todos os grupos de traballo e poidamos negociar o resto dos temas pendentes e urxentes: A1 e subida de nivel, xubilación, burocracia, saúde laboral, formación, ingreso e todo o demais.

