Seguimos loitando por unha xubilación parcial xusta e digna

Onte, luns, 15 de setembro de 2025, as organizacións sindicais FSIE, UGT, CCOO, FEUSO e SNEP fomos recibidas polo director xeral de Centros e Recursos Humanos tras a solicitude que presentamos hai dúas semanas. A unión sindical e a mobilización do pasado 26 de xuño fronte ás dependencias da Consellería foron determinantes para lograr este encontro e a disposición para facer novas propostas.

O director xeral de Centros, despois de escoitar novamente as nosas reivindicacións dun Acordo de xubilación digno e xusto, que non deixe a ninguén atrás e que forme parte dun Acordo global de negociación dos temas pendentes (homologación retributiva, paga de antigüidade, complementos de xefaturas de departamento e dinamización lingüística, etc.), mostrouse receptivo.

Recordounos, unha vez máis, que o Acordo de baixada de ratios, que tamén se aplica na concertada, impediu o peche de numerosas unidades e moitos despedimentos.

O compromiso máis inmediato da Consellería é abordar un Acordo de xubilación parcial en condicións máis favorables ca o borrador que nos presentaron no mes de abril e co obxectivo de que estea vixente xa para o mes de xaneiro. Volveranse reunir connosco a mediados de outubro, despois de falar coas patronais e con Facenda, e darannos máis información.

Estando aberto o proceso negociador e tendo en conta a posición da Consellería de mellorar o borrador actual do Acordo de xubilación parcial, as organizacións sindicais que participamos na reunión consideramos que non é o momento de continuar coas medidas de presión programadas. Imos darlle unha oportunidade á negociación, loitando por un Acordo de xubilación parcial digno e xusto e co compromiso de abordar un Acordo global onde se negocien as materias tanto tempo reivindicadas.

Estaremos pendentes e vixiantes desta nova convocatoria e dos compromisos adquiridos, e informaremos puntualmente.

Comunicado conxunto en PDF