CCOO Ensino reclama medidas urxentes ante o incendio do vertedoiro da Rúa e a proximidade do inicio do curso escolar

A poucas semanas do inicio do curso escolar, previsto para o 8 de setembro, en CCOO Ensino queremos expresar a nosa preocupación pola situación de risco derivada do incendio que segue activo no vertedoiro municipal da Rúa, orixinado o pasado 15 de agosto e que continúa sen unha solución definitiva.

O lume, que afectou a unha área próxima ao río e chegou a entrar no termo municipal, mantén en alerta á comunidade educativa dos centros próximos, nomeadamente o IES Cosme López, o CEIP Manuel Respino e o CPR Pablo VI na Rúa, así como a Casa Niño de Petín.

As familias, a través da ANPA do IES Cosme López, xa teñen manifestado publicamente a súa preocupación e veñen de dirixirse por escrito aos concellos con alumnado escolarizado no centro, así como á Consellería de Educación.

Consideramos plenamente xustificadas estas reclamacións, pois non pode comezar o curso con garantías se non se adoptan medidas inmediatas que garantan a saúde e seguridade do alumnado, profesorado e persoal non docente.

Desde CCOO Ensino esiximos a implicación e coordinación inmediata das distintas administracións competentes —Concello da Rúa, Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e, en último caso, Estado— para:

  • Extinguir de forma definitiva o incendio do vertedoiro.
  • Avaliar a calidade do aire e os riscos ambientais e sanitarios na contorna escolar.
  • Informar con transparencia e regularidade á comunidade educativa sobre a evolución da situación.

A saúde do alumnado e do persoal educativo debe ser unha prioridade absoluta. Reclamamos que se actúe con dilixencia e responsabilidade, evitando que a apertura do curso escolar se vexa comprometida pola inacción administrativa.