As nóminas correspondentes aos meses de xullo e agosto incorporan o incremento retributivo do 0,5 % en todos os conceptos salariais. Trátase do último tramo da suba salarial prevista para 2024 no Acordo Marco para unha Administración do século XXI, asinado por CCOO co Goberno do Estado.
Este incremento conleva tamén o aboamento de atrasos dende xaneiro de 2024, que se perciben dúas fases:
- Na nómina de xullo, inclúense os atrasos correspondentes ao ano 2025 (xaneiro a xuño).
- Na nómina de agosto, aboaranse os atrasos do ano 2024 (xaneiro a decembro).
Esta suba do 0,5% supón un incremento mensual que vai desde os 12,41€ dun mestre ou mestra sen trienios nin sexenios ata os 20,41€ dun catedrático ou catedrática con cinco sexenios e dez trienios. No caso dos atrasos desde xaneiro de 2024 ata xuño de 2025, a contía total a percibir varía entre os 255,99€ para o caso máis baixo (mestre/a sen antigüidade) e os 418,24€ no caso máis alto (catedrático/a con cinco sexenios e dez trienios). Estes datos inclúen todos os conceptos retributivos, incluídas as pagas extraordinarias.
Con esta nova suba, o balance total do acordo supón un incremento salarial acumulado do 9,8 % dende 2022, xunto cunha mellora das contías por itinerancia, que pasan de 0,19 a 0,26 euros por quilómetro.
Porén, aínda queda camiño por percorrer. Desde CCOO seguimos reclamando o cumprimento íntegro dos compromisos asinados:
- A implantación plena do modelo de clasificación profesional vinculado ao Marco Español de Cualificacións Profesionais.
- A negociación das modificacións normativas necesarias para garantir a implantación real dos plans de igualdade e dos protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, de acordo coa Lei Orgánica 3/2007.
- A garantía de atención presencial nos servizos públicos, así como un plan específico de dixitalización para zonas despoboadas ou en risco de exclusión.
- A creación de emprego neto nas Administracións públicas, coa redución da temporalidade e o rexuvenecemento do persoal.
- Medidas para a captación e retención do talento, promoción interna, formación e desenvolvemento da carreira profesional.
- A realización dos cambios lexislativos no EBEP e na Seguridade Social que permitan a xubilación parcial para todo o persoal do sector público.
Desde CCOO seguiremos loitando por unhas condicións laborais dignas e polo cumprimento efectivo de todos os compromisos asumidos coa clase traballadora do sector público.
