O pasado 28 de xullo participamos, xunto coas organizacións sindicais CIG e UGT e coas asociacións empresariais AEDIGAL e IN-RED, nun encontro no que abordamos a grave situación que vive o sector de atención ás persoas con discapacidade en Galicia. Ao remate da xuntanza, asinamos unha declaración conxunta na que reclamamos á Xunta de Galicia actuacións urxentes ante a falta de financiamento e a precariedade laboral que sofre o persoal dos centros concertados.
Coincidimos todas as organizacións asinantes en que é imprescindible dignificar os salarios, reducir a rotación de persoal e garantir a estabilidade dos servizos. As novas táboas salariais recollidas no XVI Convenio estatal da discapacidade seguen a estar moi por baixo das retribucións que a propia Xunta aplica nos centros públicos da súa titularidade.
Queremos denunciar, ademais, que cada vez resulta máis difícil atopar persoal cualificado para os centros do sector, debido á competencia con outras administracións ou entidades que ofrecen mellores condicións laborais. Esta realidade compromete seriamente a continuidade e a calidade da atención prestada ás persoas con discapacidade.
Por todo isto, esiximos:
- O financiamento completo dos incrementos salariais establecidos no Convenio estatal para o período 2025–2027, de acordo co artigo 35 da convocatoria do concerto social.
- A creación dun complemento salarial autonómico, que permita achegar os salarios á realidade galega e reter profesionais.
- A posta en marcha dun espazo permanente de diálogo coa Xunta de Galicia, no que poidamos abordar a situación do sector e avanzar cara a unha negociación colectiva autonómica que garanta a súa viabilidade.
Somos claras: sen condicións laborais dignas non hai servizo público de calidade. Esixímoslle á Xunta que asuma a súa responsabilidade e actúe con urxencia para garantir a atención ás persoas con discapacidade e os dereitos laborais do persoal que a fai posible.

