CCOO advirte de que haberá mobilizacións se non se culmina o Acordo Marco para unha Administración do Século XXI e se negocia xa un novo

A Área Pública de CCOO demándalle ao Ministerio de Función Pública o cumprimento do pactado e a convocatoria dunha nova mesa de negociación que inclúa un aumento salarial significativo para recuperar o poder adquisitivo perdido

A Área Pública de CCOO advirte de que convocará mobilizacións se non se culmina o comprometido no Acordo Marco para unha Administración do Século XXI e se non se convoca, con urxencia, unha nova mesa de negociación que inclúa un aumento salarial significativo para recuperar o poder adquisitivo perdido polas empregadas e empregados públicos, que se encontran nestes momentos nunha situación de incerteza.

O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, subscrito o 19 de outubro de 2021, foi fundamental para impulsar melloras salariais e de dereitos no sector público:

  • Un aumento salarial acumulado do 9,8 % no período de 2022 a 2024.
  • A implantación da xornada laboral de 35 horas semanais, eliminando as limitacións establecidas na disposición adicional 144 da Lei de orzamentos xerais.
  • A estabilización do emprego público nas Administracións e en case todo o sector público, con ofertas de emprego entre 2022 e 2024, así como a autorización para taxas específicas adicionais, co que se reduciu a temporalidade pero sen alcanzar os obxectivos previstos.
  • A derrogación, nalgúns aspectos importantes, do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade; isto permitiu melloras na negociación colectiva nas diversas Administracións.

Porén, aínda quedan por culminar elementos esenciais neste acordo, polo que a Área Pública de CCOO esixe:

  • A plena implantación do modelo de clasificación profesional conforme o actual Marco Español de Cualificacións Profesionais.
  • A negociación das modificacións normativas para o pleno establecemento e desenvolvemento dos plans de igualdade e os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo, consonte a Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
  • Garantía de atención presencial dos servizos públicos e un plan específico de dixitalización para as zonas de menor poboación ou en risco de exclusión.
  • Creación de emprego neto nas Administracións públicas, redución da temporalidade e rexuvenecemento dos cadros de persoal.
  • Dixitalización, captación e retención do talento, promoción interna, formación e carreira profesional.
  • Levar a cabo os cambios lexislativos no EBEP e na Seguridade Social, antes do 1 de abril, para que a xubilación parcial sexa unha realidade para todos os colectivos do sector público.

Ademais, é crucial abrir unha nova mesa de negociación para impulsar un novo Acordo Marco que nos coloque na senda da recuperación económica, mellore os dereitos e permita rexuvenecer cadros de persoal. De non se abordar todos estes asuntos con urxencia, convocaremos mobilizacións no sector público para defender os nosos dereitos.