O feminismo, como movemento social e político, evolucionou ao longo dos séculos para loitar pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres; conmemora a loita histórica pola equidade de xénero e visibiliza as demandas pendentes, que son moitas. E, se o panorama político non muda, coa presenza cada vez maior da ultradereita, as demandas irán en aumento, porque poderiamos encontrarnos ante a eliminación das medidas e os dereitos para alcanzar a igualdade real e acabar coas violencias machistas.
Por iso é importante lembrar que o 8M non só é unha celebración, senón tamén un recordatorio de que a igualdade plena aínda non se alcanzou. Neste contexto, a loita obreira e a coeducación emerxen como ferramentas fundamentais para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.
O 8M adquiriu unha relevancia sen precedentes, converténdose nun símbolo de unidade e resistencia que busca denunciar as desigualdades estruturais que afectan ás mulleres. Desde CCOO apostamos polo feminismo sindical como elemento substancial de transformación ante as vellas estruturas e normas patriarcais e ante os novos movementos reaccionarios.
Este feminismo sindical afronta varios retos complexos na súa loita pola igualdade de xénero dentro dos espazos laborais e sindicais. Algúns dos principais desafíos inclúen:
- Representación e liderado: aínda que as mulleres somos unha parte significativa da forza laboral, a nosa representación en posicións de liderado segue sendo baixa. Isto limita a nosa capacidade para influír nas políticas e decisións que afectan directamente ás persoas traballadoras.
- Discriminación e acoso: as mulleres a miúdo nos enfrontamos a situacións de discriminación e acoso no lugar de traballo, incluíndo o acoso sexual. Os sindicatos debemos traballar para crear espazos seguros e libres de discriminación e para asegurar que as mulleres teñamos acceso a mecanismos efectivos de denuncia e reparación.
- Fenda salarial de xénero: as mulleres continuamos gañando menos que os homes polo mesmo traballo. Os sindicatos temos un papel crucial na loita pola igualdade salarial e na promoción de políticas que pechen a fenda salarial de xénero. España non logrará a igualdade salarial entre homes e mulleres ata 2062. A clave é a conciliación laboral, a profesionalización dos coidados e o pulo do acceso das nenas e mozas ás carreiras profesionais steam.
- Conciliación da vida laboral e familiar: as mulleres asumimos a miúdo unha carga desproporcionada de responsabilidades de coidados, o que limita a nosa participación no mercado laboral e en actividades sindicais. Os sindicatos debemos avogar por políticas que apoien a conciliación, como o acceso a escolas infantís, permisos parentais equitativos, horarios flexibles e a promoción da tan remota e ansiada corresponsabilidade.
- Violencia de xénero: a violencia de xénero, tanto no fogar coma no lugar de traballo, é un problema grave que afecta a moitas mulleres. CCOO desempeña un papel clave na sensibilización, prevención e apoio ás vítimas de violencia de xénero.
- Interseccionalidade: as mulleres non somos un grupo homoxéneo, e as experiencias de discriminación e desigualdade poden variar significativamente segundo factores como a raza, a clase, a identidade ou a orientación, a discapacidade e a idade. Debemos adoptar un enfoque interseccional para abordar as múltiples formas de opresión ás que nos enfrontamos as mulleres.
- Resistencia ao cambio: nalgúns casos, as estruturas e culturas empresariais e sindicais tradicionais son resistentes ao cambio e á inclusión de perspectivas feministas. Isto pode dificultar que se apliquen políticas e prácticas que promovan a igualdade de xénero.
- Formación e sensibilización: é crucial promover a formación e sensibilización sobre cuestións de xénero tanto de líderes como das persoas que formamos parte das estruturas dunha empresa, organización, etc. Isto axuda a cambiar actitudes e comportamentos e a promover unha cultura de igualdade.
- Participación activa: fomentar a participación activa das mulleres en todos os espazos é esencial para asegurar que as nosas voces sexan escoitadas e que as nosas necesidades sexan atendidas. Isto esixe a creación de espazos seguros e de apoio, así como a promoción de mulleres para roles de liderado.
- Políticas públicas: debemos traballar en colaboración con gobernos e outras organizacións para influír en políticas públicas que fomenten a igualdade de xénero nos ámbitos laboral e social.
Afrontar estes retos require un compromiso continuo e unha acción concertada por parte dos sindicatos, as persoas traballadoras e a sociedade en xeral. O feminismo sindical non só busca mellorar as condicións laborais das mulleres, senón tamén transformar as estruturas de poder para crear un mundo máis xusto e equitativo.
Neste escenario, a coeducación preséntase como unha estratexia clave para erradicar os estereotipos de xénero desde a infancia. A coeducación vai alén da educación mixta, xa que implica un enfoque pedagóxico que promove a igualdade, cuestiona os roles tradicionais de xénero e fomenta o respecto á diversidade. A través da coeducación, procuramos que as novas xeracións medren nun ambiente onde se valoren por igual as súas capacidades e se lles brinden as mesmas oportunidades, sen limitacións impostas polo seu xénero.
O feminismo e o 8M son movementos imprescindibles para avanzar cara a unha sociedade máis xusta. Porén, o seu impacto só será duradeiro se se complementa con accións concretas, como a práctica da coeducación en todos os niveis educativos. Só así poderemos garantir un futuro máis equitativo e humano.
A Federación de Ensino de CCOO foi pioneira na defensa da coeducación e o feminismo no ámbito educativo, impulsando a igualdade de xénero nas aulas, promovendo a eliminación de estereotipos sexistas e a construción dunha escola inclusiva e respectuosa coa diversidade.
O sindicato desempeñou un papel fundamental na elaboración de leis educativas, coeducativas, de igualdade así como na formación do profesorado en materia de coeducación e violencias machistas.
CCOO considera que a coeducación é a ferramenta clave para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. Por iso continuamos traballando para que a igualdade de xénero sexa unha realidade en todos os centros educativos e socioeducativos onde menores, mozos e mozas pasan boa parte da súa vida e necesitan referentes. Non obstante, somos conscientes de que para iso debemos dotar os centros de medios materiais e, sobre todo, humanos. Persoal con crédito horario e formación específica para poder levar o feminismo e a igualdade de xeito transversal a todas e cada unha das actividades académicas e complementarias que se leven a cabo.
Porque só en conxunto somos máis fortes, arriscadas, alegres e combativas para, desde a sororidade, acabar coa orde patriarcal e con todas as violencias machistas, as múltiples discriminacións laborais e a falta de autonomía e liberdade. Seguiremos apostando por este feminismo sindical que nos fará mulleres máis autónomas, felices e independentes.
#8M #FeminismoSindical #NinUnhaMenos #CCOO #OFeminismoSindicalTransforma

