Na reunión do 9 de maio, o Ministerio de Educación, FP e Deportes presentou o último borrador coas achegas que decidiu incluír, e expresou o seu desexo de que a modificación do RD estea no BOE a principios de xullo para que poida aplicarse sen problemas no concurso de traslados do curso que vén.
CCOO insistiu nas cuestións que non se incluíron, especialmente na necesidade de asegurar que se convoquen todas as vacantes, garantindo que estean todas as prazas das ofertas de emprego público e das asignacións de efectivos de inicio de curso. Esta é a medida máis eficaz para que todo o mundo obteña sen problemas destino definitivo desde o principio.
Tamén que o primeiro criterio de desprazamento para todos os corpos sexa como o do corpo de mestras e mestres, menor antigüidade con destino definitivo no centro. Por outra banda, hai outras cuestións do baremo que deberían ser modificadas, sobre todo que a puntuación do apartado 1.1.3 non se perda, que a formación permanente non teña límite dentro do apartado de formación e perfeccionamento, e que se dea máis puntuación cando se levan moitos anos en expectativa de destino.
Ademais, volvemos expoñer o problema dos diferentes ritmos das comunidades autónomas na acreditación da competencia dixital e que, por tanto, é unha cuestión que debe atrasarse ata que todo o profesorado estea en igualdade de condicións.
Agora o documento sairá a audiencia e información pública, e irá ao Consello Escolar do Estado, onde CCOO de novo presentará emendas.
Desde o sindicato queremos agradecer toda a participación e a gran cantidade de achegas recibidas. Seguiremos tentando mellorar o documento no que resta da súa tramitación.
O Ministerio informou que traerá no seu momento á mesa as normas procedimentais para a súa concreción. Ademais, manifestou que irá presentando á Mesa Sectorial o resto de reais decretos que ten pendentes de tramitación. Neste sentido, desde o sindicato insistimos na modificación pendente do RD de requisitos mínimos dos centros, para o que, en CCOO, temos propostas fundamentais.
No apartado de rogos e preguntas, CCOO volveu esixir o inicio das negociacións para mellorar e homologar as condicións laborais do profesorado, comezando por que se reduza o seu horario lectivo con carácter obrigatorio para todo o Estado, que todo o profesorado estea no A1 e a suba de nivel de complemento de destino, amais de negociar un Estatuto Docente.
ASINA XA A PETICIÓN AO MINISTERIO E Á CONFERENCIA SECTORIAL DE EDUCACIÓN