Toda a información sobre a reunión da mesa negociadora do Convenio de ensino privado sen concerto

O 8 de maio celebrouse unha nova reunión da mesa negociadora do convenio colectivo. Nesta ocasión, as organizacións patronais debían responder á extensa exposición que fixemos na reunión anterior sobre as nosas propostas de mellora das condicións de traballo en materia de xornada, vacacións e incrementos salariais.

A resposta ás nosas demandas foi, unha vez máis, moi decepcionante. En efecto, viñeron dicirnos que non van asumir ningunha das nosas propostas de mellora en xornada ou vacacións e limitáronse a propoñer que o texto do convenio siga como está, coa única excepción de aplicar as obrigadas adaptacións ás novas lexislacións en materia de permisos, excedencias ou redución da xornada de traballo por coidado de familiar.

Isto implica que, amais de non aceptaren melloras en xornada ou vacacións, tampouco están dispostos a aceptar modificacións nos outros apartados do convenio, sen sequera coñecer aínda cales van ser as nosas demandas.

Por outra parte, mantivéronse na súa proposta orixinal de revisións salariais, pero matizando agora que a suba para 2024 se aplicará unicamente desde o día do asinamento do acordo para o novo convenio, sen posibilidade de aplicar ningún tipo de retroactividade. Propoñen: un 2,75 % para 2024, desde o asinamento do convenio, un 2,75 % para 2025 e un 2 % para 2026.

Mentres que CCOO deixou ben claro que non aceptamos eses incrementos e que nos ratificamos nos propostos na anterior reunión (6 % para 2024, 5 % para 2025 e 5 % para 2026), e que non subscribiremos ningún acordo que non conteña melloras nas condicións de traballo, sobre todo no relativo á enorme sobrecarga de traballo que permite o actual convenio, outras organizacións sindicais deixaron entrever que non teñen intención de dar a batalla, someténdose desde o principio ás teses das patronais de asinar un convenio de mínimos e trasladar a comisións de traballo os eixes nucleares deste proceso negociador: a regulación laboral dos docentes de Formación Profesional e a xornada de traballo.

Esta idea non a comparte en absoluto CCOO, ao considerar que a negociación colectiva vai moito máis alá do mero asinamento dunhas revisións salariais e que o momento para mellorar o conxunto de condicións laborais é agora e non unha vez asinado o convenio. O texto caduco e obsoleto do actual marco regulador das condicións de traballo ten que actualizarse consonte as necesidades das persoas traballadoras, incorporando melloras substanciais que permitan acabar coa parcialidade, a sobrecarga de traballo e a imposibilidade de conciliar coa vida familiar.

A actitude compracente dalgúns sindicatos non fai máis que debilitar a loita sindical, perpetuando a situación de desequilibrio que hai neste sector entre os grandes beneficios empresariais e os dereitos das persoas traballadoras. Polos seus actos os coñeceremos e non tardaremos demasiado en velo.