Toda a información da reunión da mesa tripartita de ensino concertado

Hoxe, xoves, 27 de xuño, celebrouse unha reunión da mesa tripartita de ensino concertado. Como xa é habitual, a vontade negociadora da Administración segue a ser inexistente. A mesa redúcese a un mero trámite onde se presentan borradores que en ningún caso van ser obxecto de negociación. O único que nos queda ás organizacións sindicais é asinar ou non asinar as propostas da Consellería que, a vista de todos, son pechadas e sen posibilidade de mellora.

Na xuntanza tratouse o acordo de xubilación parcial, o exceso de horas en pagamento delegado e outras cuestións, que se comentan a continuación.

Acordo de xubilación parcial

A Administración presentou un borrador que considera a redución de xornada nos termos que establece a lei, permitindo unha redución entre o 25 % e o 50 % da xornada. Desde CCOO manifestamos e solicitamos que conste en acta que nos parece un acordo insuficiente que non cumpre coas expectativas do sector. Reclamamos que se permita unha redución de ata o 75 %. Ademais, consideramos indispensable que a contratación do remudista se realice obrigatoriamente desde a bolsa de recolocación para paliar as posibles perdas de emprego. A Administración estudará todas as alegacións e presentaranos unha proposta definitiva, que será obxecto de sinatura, a finais do mes de xullo, sen posibilidade de máis negociación.

Exceso de horas en pagamento delegado

A Administración asegura que esta cuestión xa foi advertida e que os centros sabían que esta regularización se levaría a cabo no comezo do curso 2024/25, unha vez rematada a moratoria dun ano pactada o pasado agosto sen contar coas organizacións sindicais. Unha vez máis, desde CCOO denunciamos a falta de transparencia e comunicación cos axentes sociais, que foi escandalosa. Non é aceptable que sexan as persoas traballadoras as que sufran as consecuencias dunha situación da que son responsables as patronais e a Administración.

Outras cuestións

Unha vez máis, CCOO solicitou a equiparación salarial real das persoas traballadoras do sector, tal e como recolle a lei. Solicitamos o pagamento dos 45 euros mensuais debidos pola Consellería por causa do incumprimento do acordo de homologación asinado hai máis de quince anos. Así mesmo, instamos á Consellería a que cese no seu empeño de bloquear sistematicamente na lei orzamentaria as partidas para as persoas traballadoras do ensino concertado, unha situación que só sucede en Galicia e que impide que os e as docentes en pagamento delegado cobren a paga de antigüidade recollida no convenio.

En definitiva, pouco debate, nula negociación e escasas melloras para un colectivo que leva anos, demasiados xa, sen celebrar avances significativos nas súas condicións laborais.

Manterémosvos informados sobre o acordo de xubilación parcial.

Con CCOO loitas, con CCOO avanzas