No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria.
Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
Aprobación de actas anteriores:
Intervención de CCOO Ensino
Na acta do 12 de novembro, na nosa intervención en rogos e preguntas faltaría:
- Demandamos que se axilice o trámite para a incorporación en nómina do primeiro trienios ou sexenios, xa que se están a producir importantes atrasos.
O DIRECTOR XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS INFORMA DE QUE SE ESTÁ POÑENDO EN MARCHA UN PROCEDEMENTO QUE PRETENDE TER RESOLTAS ESTAS INCIDENCIAS NO PRAZO DUN MES OU MES E MEDIO. - Urximos á negociación dunha nova orde de permisos e licenzas, polas modificacións introducidas polo RDL 5/2023.
Apróbanse por unanimidade as actas das mesas celebradas os días 12 e 25 de novembro de 2024 e o 17 de decembro.
Borrador de Decreto da Oferta Pública de Emprego (2025)
Prazas debulladas:
- Xubilacións: 1101
- Excedencias: 26
- Falecementos: 25
- Reingreso: 22
- Total da taxa de reposición: 1130 + 20 % adicional = 1356 prazas
Acumúlanse 78 prazas da quenda de discapacidade ata o máximo legal do 12 %.
*********************************************************
Dúas novidades na instancia das oposicións:
- Consentimento expreso sobre a autorización da consulta de antecedentes penais por delitos sexuais; agora non virá marcado por defecto que SI.
- Quenda de discapacidade, haberá que marcar o tipo.
Intervención de CCOO Ensino
Debemos comezar a nosa intervención denunciando un ano máis o pouco respecto que ten a Consellería de Educación e, por extensión a Xunta de Galicia, cara as mesas de negociación coa representación legal dos traballadores/as, e en concreto cara a esta Mesa Sectorial de persoal docente non universitario.
Resulta incomprensible que a oferta, obxecto de “negociación” neste punto da orde do día xa fora aprobada polo Consello da Xunta e difundida a medios de comunicación tres semanas antes da celebración desta mesa. Non entendemos como, se xa estaba perfilada a oferta, a Administración espera tres semanas para traer o decreto de oferta e o borrador de convocatoria á Mesa, previa rolda de prensa, contribuíndo innecesariamente á incertidume das persoas opositoras.
Sobre todo, rexeitamos esta forma de proceder de “feitos consumados” na negociación das condicións laborais, facendo públicos á prensa como definitivos aspectos que aínda non pasaron polos órganos pertinentes de negociación.
Como dixeramos hai aproximadamente un ano, con motivo da oferta de emprego público de 2024, esta oferta de 2025 volve a ser unha “ocasión perdida” de convocar unha verdadeira oferta de emprego público que permita repor realmente as xubilacións producidas no profesorado galego.
A pesar da convocatoria, tal e como recolle o preámbulo, dun 120 por cento das xubilacións producidas en 2024, co que estaríamos de acordo polo carácter prioritario do sector educativo, quedarían as de 2022 por convocar, debido a que no 2023 leváronse a cabo procesos de estabilización que non incluíron reposición de profesorado, e que xa denunciamos o ano pasado.
CCOO segue a esixir, como xa fixo en reclamación presentada ante a Dirección Xeral en decembro de 2023, que a Consellería debe artellar os mecanismos lexislativos precisos, en cooperación co Ministerio de Educación, para convocar as prazas de reposición do exercicio 2022. En caso contrario, asistimos á redución de postos de traballo de funcionarios/as de carreira e un incremento innecesario das taxas de temporalidade, afastándose do obxectivo marcado do 5 % no “Acordo de persoal docente interino e substituto”.
De feito, a Administración na rolda de prensa na que anuncia que especialidades e prazas se convocan previa “negociación” admite que estamos arredor dun 9%.
En canto á oferta de emprego, e a pesar de que CCOO sempre defendeu a eliminación da taxa de reposición e segue a facelo, somos conscientes que a oferta do 120 % da taxa de reposición é o máximo que se permite legalmente na actualidade en sectores prioritarios, como o sector educativo, ao non ter nova lei de orzamentos e rexirnos aínda pola do exercicio 2023. Pero é certo que parece descompensada a oferta no corpo de mestres, xa que só se convocan segundo o borrador do decreto 401 prazas, cando as xubilacións de 2024 superaron esta cifra, o que se traduciría aplicando o 120 por cento, en máis de 100 prazas a maiores neste corpo polas nosas contas.
Solicitamos a convocatoria de prazas na totalidade de corpos docentes, xa que houbo xubilacións en todos eles e este ano no decreto de oferta non aparece oferta nos corpos de profesorado de escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, nin en artes plásticas e deseño.
DECIDIUSE NON CONVOCAR NO CORPO DE EOI ATA PODER ASENTAR NUN DESTINO Á MAIOR PARTE DO PROFESORADO QUE ACCEDEU POR ESTABILIZACIÓN.
NOS CORPOS DE MÚSICA E ARTES ESCÉNICAS E ARTES PLÁSTICAS E DESEÑO NON SE CONVOCAN PRAZAS Á ESPERA DO DESENVOLVEMENTO DA LEI DE ENSINANZAS ARTÍSTICAS.
Por outro lado, solicitamos que se considere a convocatoria de procedemento de A1 a A1 de corpo de Profesores de Ensino Secundario a EOI, e máis este ano que non se convocan prazas do corpo de Profesores de EOI.
En canto á novidade deste decreto de oferta de diferenciar dentro da reserva para persoas con discapacidade, unha reserva para persoas con discapacidade intelectual polo menos do 2 por cento, somos conscientes de que o Estatuto Básico do Empregado Público obriga a tal reserva no seu artigo 59.
Pero tamén é certo, como levamos denunciando nos últimos anos, que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, aprobado pola totalidade de grupos parlamentarios en 2017, establece unha reserva mínima do 2% do emprego público para as mulleres vítimas de violencia machista, polo que solicitamos que se cumpra e se proceda a tal reserva.
REXEITADO
Borrador de Decreto da convocatoria de Oposicións (2025):
Intervención de CCOO Ensino
En canto á oferta de prazas, volvemos a remarcar que estamos de novo ante unha ocasión perdida de convocar unha oferta de emprego público que realmente permita a reposición da totalidade de xubilacións dos últimos anos e manter ao mesmo tempo as taxas de interinidade nun nivel próximo ao que marca como obxectivo o “Acordo de persoal docente interino e substituto”.
No relativo á distribución de prazas por especialidades queremos realizar dúas reflexións principais:
- En primeiro lugar, como xa remarcamos no punto anterior, hai unha evidente descompensación de oferta no corpo de mestres, con 426 prazas, cando o 120 por cento das xubilacións superarían case en 100 prazas esa cifra.
- Por outro lado, parece este ano exigua a oferta en especialidades que se ocupan da atención á diversidade, nomeadamente Pedagoxía Terapeútica e Audición e Linguaxe, en consonancia coa redución de efectivos nesas especialidades ás que asistimos nos últimos cursos, aspecto este que nos preocupa enormemente.
Reclamamos que haxa unha coherencia entre as prazas convocadas e as vacantes de concurso de traslados que se oferte nos próximos anos. Non ten moito sentido que gran parte do persoal que accede se vexa abocado a permanecer unha gran cantidade de cursos en situación de expectativa de destino, como xa ocorreu no pasado.
Como cada ano, volvemos a esixir á Administración que asegure que se leva a cabo un verdadeiro concurso oposición en todos os corpos e especialidades. En anteriores procesos, só superaron a fase de oposición un número de aspirantes igual ou menor ao de prazas convocadas. Ou directamente xa non supera a primeira proba máis que un número testemuñal, quedando desertas xa na primeira proba unha gran cantidade de vacantes, como pasou neste útimo proceso en Informática con 22 prazas desertas de 50 convocadas (44 %), ou en Sistemas e Aplicacions Informáticas 49 de 65 prazas desertas (75%), ou, por exemplo, en 2022 tamén coa especialidade de Informática na que 36 de 43 prazas (83 %) quedaron desertas no primeiro exame. Pedimos á Dirección Xeral que reúna previamente as presidencias dos tribunais e insistan na obriga de cumprir a lei e, polo tanto, de non efectuar “cribas artificiosas” en función do número de prazas dispoñibles no tribunal. Lembramos que hai sentenzas neste sentido.
Con carácter previo ás emendas concretas artigo por artigo queremos realizar unha serie de consideracións de carácter xeral sobre a actuación dos tribunais e o desenvolvemento dos procesos selectivos:
- Demandamos un número suficiente de tribunais de forma que as ratios aspirantes/tribunais sexan baixas para que poida pasar á segunda proba todas as persoas aspirantes que superen a primeira proba, sen argumentar problemas de datas para non facelo.
- Solicitamos que se melloren os criterios de selección dos/as presidentes/as dos tribunais. Xa que actualmente a súa selección non obedece a criterios de preparación nin capacidade. Debería asegurarse unha formación suficiente previa á constitución dos tribunais.
- Da mesma forma, esiximos que a constitución dos tribunais sexa coa suficiente antelación para asegurar unha axeitada coordinación entre os membros dos tribunais, máis considerando que o sorteo dos vogais é o 10 de abril segundo a convocatoria e os tribunais adoitan a constituirse a inicios do mes de xuño.
- Demandamos que todos os tribunais estean formados por profesorado da especialidade en todos os casos e non “só cando sexa posible”.
- Deberían eximirse da obrigatoriedade de actuar á totalidade dos membros dos equipos directivos, xa que no mes de xullo desenvolven no seu centro labores de peche do curso actual e preparación do curso seguinte. En todo caso, debería asegurarse que varios membros dun mesmo equipo directivo non coincidan á vez actuando no mesmo proceso selectivo.
- Deberían poder acollerse á suplencia os e as docentes que se atopen desfrutando do permiso de lactancia.
- Consideramos igualmente que o cargo de responsable de centro de menos de tres unidades debe considerarse análogo ao de director/a para poder voluntariamente non actuar en caso de saír no sorteo.
- Deberase publicar, como xa se fixo nos anos anteriores, na web da Consellería, a composición final dos mesmos e non só nos lugares de celebración das probas.
- Demandamos que se asegure que a adaptación de tempo e medios para quen a solicite se resolva por parte dos tribunais co tempo suficiente, para que a persoa opositora coñeza as condicións ás que se debe enfrontar no desenvolvemento das probas.
- As datas e lugares de celebración das probas deben ser publicitados con suficiente antelación para que os opositores poidan organizarse, e non xurdan problemas como en anos anteriores pola escasa antelación á celebración das probas.
O PROCESO DE CONCURSO OPOSICIÓN INICIARASE O SÁBADO 21 DE XUÑO DE 2025 - Entendemos que cada vez se fai máis necesaria a constitución de comisións de selección para garantir a igualdade de condicións de partida dos aspirantes. Desta forma os temas e o exercicio práctico da primeira parte da proba deben ser os mesmos para todos os tribunais de cada especialidade, aínda que as prazas estean repartidas, garantiríanse as mesmas condicións de ingreso para todas as persoas aspirantes e ao mesmo tempo as mesmas condicións para o acceso ás listas de interinidades, polo tanto, a proba debe ser a mesma en todos os tribunais da mesma especialidade.
- Relacionado con isto último, deben establecerse protocolos de actuación comúns para que cada tribunal non actúe de modo arbitrario sobre todo en tribunais da mesma especialidade.
- Esiximos que os tribunais deberan publicar con antelación ao acto de presentación unhas normas claras sobre o formato das probas escritas.
- Solicitamos, como xa pasou nos procesos selectivos celebrados na pandemia, que se aseguren mecanismos de comunicación co tribunal de forma bidireccional, para así facilitar a achega de documentación xustificativa ou reclamacións por parte dos aspirantes.
REXEITADO - Solicitamos que a publicación das notas de cada proba se faga diariamente.
- Esiximos que se elimine a función de valoración de méritos dos aspirantes polos tribunais. Esta función debería recaer na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. En todo caso, os méritos que figuran no expediente persoal, non só os servizos, senón tamén titulacións e formación, deberían ser xa valorados de oficio e evitar así de novo a súa achega polos aspirantes.
- No actual borrador elimínase a posibilidade de reclamar ante o tribunal nos dous días seguintes. Debe recollerse tal posibilidade e así mesmo, demandamos que se debe explicitar na convocatoria de modo claro o procedemento de reclamación da nota perante os tribunais, así como a posibilidade de gravación das probas orais, para dar as máximas garantías ao persoal opositor.
REXEITADO POR DIFICULTADES TÉCNICAS E DE CUSTODIA DAS GRAVACIÓNS - Valoramos positivamente a obrigatoriedade de publicar por parte dos tribunais os enunciados, solucións e modelos de corrección e, de ser o caso, dos propios exercicios. Demandamos que se implementen os mecanismos necesarios desde a Dirección Xeral para que a totalidade de tribunais cumpran con tal obrigación.
- Finalmente, en canto á actuación dos tribunais, levamos varios anos asistindo a retrasos, ao noso xuízo inxustificados, no abono das compensacións económicas e gastos de manutención e desprazamento por membros de moitos tribunais. Tal retraso chega a superar o propio ano fiscal na que se desenvolveron as probas cos prexuízos que pode ocasionar ás persoas que actuaron como membros de tribunais. Este ano non é unha excepción e coa mensualidade de xaneiro aínda moitos tribunais de diversos corpos e especialidades non recibiron os abonos económicos. Consideramos este retraso como intolerable e demandamos que se establezan as medidas necesarias para que non suceda no futuro.
Indo artigo por artigo, temos as seguintes emendas concretas:
- Base 1.5: Non aparece explicitado, como si aparecía nas anteriores convocatorias, en que localidade ou localidades actuaría o tribunal Nº1 de cada especialidade. En todo caso, volvemos a solicitar que se habilite a posibilidade de que as persoas con discapacidade do corpo de mestres, poidan, como no caso de acceso A2 a A1 concurrir á localidade de exame da súa elección. Estes aspirantes contan en moitos casos con dificultades de mobilidade ou dependen doutras persoas para poder desprazarse, polo que deberían ter as máximas facilidades para poder concurrir en igualdade de condicións.
INCORPORARANO AO DOCUMENTO - Base 2.4: En caso de persoal ao que se lle recoñeza con efectos retroactivos un grado de discapacidade igual ou superior ao 33% con posterioridade ao proceso de matriculación debería permitirse a súa incorporación ao turno de reserva para persoas con discapacidade, sempre que os efectos do recoñecemento sexan anteriores ao último día de entrega de solicitudes.
- Base 3.8: Demandamos a gratuidade da matrícula para os demandantes de emprego que non estean a cobrar prestación ou subsidio en lugar dunha bonificación de só o 50 % e que este requisito, ao igual que o resto, se considere a final do prazo de presentación de solicitudes.
- Base 7.11: Demandamos que se recolla expresamente na convocatoria que poidan solicitar a adaptación de tempo e medios persoais que non conte con discpacidade recoñecida, pero si con outras patoloxías ou trastornos que en virtude dos informes médicos presentados, fagan recomendable tal adaptación.
- Bases 8 e 9: As persoas opositoras que teñan superado a proba de coñecemento de castelán e/ou galego en convocatorias anteriores deben estar exentos de realizala, e máis considerando a gran criba de aspirantes que supuxo en concreto o exame previo de galego nos anteriores procedementos selectivos, na que soamente 36 aspirantes de 270 foron calificados de apto. Case o 90 por cen dos aspirantes non superaron a proba e non puideron presentarse ao concurso oposición, moitos deles que superaran as probas en anos anteriores demostrando daquela ese coñecemento. De aí que non entendamos que non se consideren como exentos de volver a realizarla.
REXEITADO, A LEXISLACIÓN É A QUE É - Base 10.1: faltaría por detallar, que si figuraba o ano pasado, a data a partir da cal se poderían iniciar as probas. Non entendemos que a Dirección Xeral non poida xa dar esa data, para así reducir a incertidume en persoal participante no proceso.
O PROCEDEMENTO DE CONCURSO OPOSICIÓN INICIARASE O SÁBADO 21 DE XUÑO DE 2025 - Base 10.2: Solicitamos unha nova redacción para que quede totalmente clara a orde de actuación dos aspirantes das diversas quendas, xa que rexistramos nas últimas convocatorias erros na orde de citación de aspirantes.
INSISTIRÁN AOS TRIBUNAIS SOBRE A ORDE DE ACTUACIÓN - Base 10.3: Solicitamos que se debería substituír 24 h por 48 h no tempo mínimo de antelación de chamamento para persoal opositor, xa que cun chamamento con tanta premura non se favorece o desprazamento dos opositores que poden estar nun tribunal lonxe do seu enderezo habitual.
- Na base 11.3 volvemos a instar a que se consideren de oficio a totalidade de méritos que figuren no expediente persoal das persoas aspirantes, e non soamente os relativos a experiencia para a Consellería de Educación. Tamén nesta base, consideramos escaso e que se debe incrementar o prazo de tres días a cinco días hábiles para reclamar as puntuacións da fase de concurso.
- Base 16: Non están detalladas as especialidades nas que se require proba práctica no exame de acceso a subgrupo superior.
É UN ERRO, FALTA POR DETALLAR - Base 18: Os criterios de avaliación da proba de desempate, no caso de ser necesaria a súa realización, deben ser públicos.
- Base 20.1: Solicitamos incrementar a 3 días o prazo para solicitar destino provisional as persoas aprobadas.
REXEITADO POR CUESTIÓN DE PRAZOS MOI AXUSTADOS - Base 20.7: Consideramos que debe recollerse que en caso de non formular opción pola percepción da remuneración se lle aplicarán as retribucións que favorezan máis á persoa traballadora.
- Base 24.6: Consideramos que habería que detallar nos procedementos de adquisición de novas especialidades en que debería incidir máis o persoal aspirante: en aspectos científicos, didácticos, ou nunha combinación dos dous. Xa que existen dúbidas entre os/as aspirantes de como deben orientar o exame.
EN CANTO AO BAREMO RECLAMAMOS:
- Que sexan puntuados no apartado 2.2 máis dun doutourado ou mestrado oficial, en caso de que a persoa aspirante presente máis dun título.
- Que deben puntuarse tamén outros premios extraordinarios como o de grao ou mestrado oficial, aínda que somos conscientes de que non está contemplado no RD 276/2007.
- Que se valore tamén o B2 como equivalente a nivel avanzado no apartado 2.4 e 2.5, como viña puntuándose en anteriores procesos, xa que polo Real Decreto 1041/2017 e polo Decreto 81/2018 tales niveis son equivalentes ao nivel avanzado.
NON ACEPTADO - Que se computen os niveis de lingua galega de B2 e C1 en apartado 2.4, como viñan puntuándose en concursos oposicións de anos anteriores, sempre que o requisito de posesión de CELGA 4 sexa xustificado doutra forma; xa que o nivel C1 é equivalente a CELGA 4 pola orde que recolle os certificados CELGA, pero a posesión do CELGA 4 non implica en ningún o caso o recoñecemento dun nivel C1 do Consello de Europa.
REXEITADO. O C1 É REQUISITO E POLO TANTO NON SE BAREMARÁ - Que se inclúan as linguas cooficiais tamén no apartado 2.5, non só estranxeiras, tal e como está, o C1 en catalán ou euskera expedido por unha universidade non valería en ningún epígrafe.
- En todo caso, consideramos, como xa dixemos nas alegacións ao articulado, que méritos que figuran no expediente persoal, non só os servizos, senón tamén titulacións e formación, deberían ser xa valorados de oficio e evitar así de novo a súa achega polas persoas aspirantes.
EN CANTO ÁS PROBAS PRÁCTICAS, CONSIDERAMOS:
- Débense dar a coñecer os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das probas prácticas coa maior antelación posible, non esperar á semana previa ou ao acto de presentación como xa se fixo nalgunhas especialidades.
- Necesidade de expresar a duración máxima da proba práctica naquelas especialidades nas que non está reflectida, por exemplo en Música.
- Debe especificarse o tipo e contido da proba práctica en especialidades nas que está de forma moi xenérica. Por exemplo, Matemáticas ou Física e Química, contrastando con outras, como a maioría de FP ou mestres onde se detallan cada apartado que pode ser obxecto de exercicio de carácter práctico.
REVISARASE
Actualización do borrador (11/02/2025)
Modificacións incorporadas ao borrador de Decreto da convocatoria de oposicións:
– Artigo 1.4 Localidades tribunais Corpo de Mestres:
Cando se nomeen tribunais en máis dunha provincia, os tribunais números 1 de cada especialidade recaerán nas localidades de A Coruña ou Santiago de Compostela.
– Artigo 13.4 Programacións das especialidades de formación profesional:
No caso das especialidades específicas de formación profesional, os publicados no Diario Oficial de Galicia no momento da publicación desta orde ou, de ser o caso, os aplicables na comunidade autónoma. Non poderá realizarse a programación dos seguintes módulos de formación profesional: módulo de sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo, módulo de dixitalización aplicada aos sectores produtivos, módulo de formación en centros de traballo e módulo do proxecto.
– Base décimo sexta (faltaban as especialidades):
Para as especialidades de Administración e Empresas, Construcións Civís e Edificación, Hostalaría e Turismo, Informática, Organización e Xestión Comercial, Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica, Procesos na Industria Alimentaria, Procesos Diagnósticos, Clínicos e Produtos Ortoprotésicos, Procesos Sanitarios, Procesos e Medios de Comunicación, Sistemas Electrónicos, Sistemas Electrotécnicos e Automáticos, Instalacións Electrotécnicas, Oficina de Proxectos de Construción, Procesos de Xestión Administrativa, Servizos á Comunidade, Sistemas e Aplicacións Informáticas e Equipos Electrónicos a proba estará dividida en dúas partes, unha de contido práctico e outra consistente na exposición oral dun tema coas mesmas características especificadas no paragrafo anterior. As características da parte práctica da proba serán as establecidas no anexo VI da presente convocatoria e levarase a cabo o mesmo día e a mesma hora que o persoal aspirante que se presente polo sistema de ingreso. A valoración da parte práctica da proba será conxunta coa outra parte da proba, a exposición oral.
– Artigo 18.4
Esta relación farase pública na páxina web http://www.edu.xunta.gal/oposicions outorgándose un prazo de dous (2) días hábiles para reclamar contra posibles erros.
Borrador de Decreto de formación permanente do profesorado (2025):
Intervención de CCOO Ensino
- Temos que comezar a nosa intervención rexeitando a forma de proceder da Consellería incluíndo no último momento e case sen antelación un novo punto do día sobre un aspecto tan importante como é a formación do profesorado. Dispoñer de menos de 2 días hábiles para poder facer ese labor de preparación denota a concepción que ten a Administración das mesas de negociación, é dicir, carácter accesorio e de mero trámite, despreciando o labor dos lexítimos representantes do profesorado.
- CCOO considera a formación permanente como un dereito laboral básico do profesorado, que debe adaptarse ás súas necesidades formativas con oferta e recursos suficientes.
- En canto a consideracións previas a analizar o propio decreto, temos que apuntar que con anterioridade á última reorganización interna da Consellería, existía unha rede de formación do profesorado única e altamente valorada polo profesorado galego, sendo un referente a nivel nacional en moitos aspectos.
Porén, coa nova estrutura da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, desgaxouse a parte de formación das Ensinanzas de Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial. Hai que apuntar que esta nova realidade non está a aportar melloras substanciais na formación, senón que xera disfuncións importantes, confusión no conxunto do profesorado, xa que un número significativo de centros comparten ensinanzas de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, e existe profesorado que mesmo comparte docencia nestas ensinanzas.
Ademais, percíbese unha falta de coordinación na planificación da oferta formativa global, xa que ao existir dúas redes de formación, estase a duplicar a oferta de cursos, en moitos casos de temáticas similares ou coincidentes, situación que non se daba anteriormente.
- Outro aspecto importante a destacar é a precariedade coa que se está a actuar na rede de formación que afecta ao profesorado de Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial. Situación moi preocupante xa que conta só con 11 asesores/as de FP e 1 persoa asesora de Ensinanzas de Réxime Especial. Debería reflexionarse sobre o anteriormente exposto, xa que é imposible atender, dun xeito adecuado e cos estándares de calidade cos que se traballa na administración, a demanda de formación destes colectivos con só estes recursos humanos, que teñen que sacrificar o seu necesario descanso e a súa conciliación familiar. Por este motivo é preciso retomar o deseño anterior de estrutura de formación que aglutinaba toda a oferta formativa do profesorado galego.
- Indo a enmedas concretas ao articulado, podemos destacar as seguintes:
- Artigo 12: debe concretarse a relación de postos de traballo (RPT) e o mapa de recursos do servizo responsable da formación do profesorado.
NON RESPONDEN
- Artigo 14: debería concretarse un catálogo de persoal asesor dos diferentes Centros de Formación e Recursos así como das súas extensión delegadas.
NON RESPONDEN
- Artigo 18: Consideramos necesario contemplar que as persoas que exerzan a función de Secretaría teñan o recoñecemento a efectos administrativos e económicos. Igual consideración debería ter a responsabilidade da Xefatura de Departamento, xa que as súas funcións inclúen planificar, coordinar reunións de traballo coa dirección e outras asesorías para analizar a execución do plan de formación e deseñar novas propostas formativas.
NA ORDE QUE DESENVOLVA ESTE DECRETO APARECERÁN TODOS ESTES ASPECTOS. - Artigo 19: Solicitamos que se concrete a relación de postos de persoal asesor do Centro Autónomico de Formación e Innovación.
NON RESPONDEN
- Artigo 21: Débese asegurar na redacción do decreto unha liberación horaria lectiva mínima suficiente para desenvolver o seu labor para a persoa cordinadora de formación en cada centro educativo, así como un complemento económico como percibe outros cargos como xefes/as de departamento, dinamizadores de normalización lingüística, etc.
NON RESPONDEN
- Artigo 24: as diferentes avaliacións dos plans de formación mediante as auditorías que recolle o decreto deben concretarse con criterios previos coñecidos, rigorosos e obxectivos, para evitar arbitrariedades. Polo que solicitamos que se concreten ao máximo tales criterios a avaliar.
NON RESPONDEN
- Artigo 12: debe concretarse a relación de postos de traballo (RPT) e o mapa de recursos do servizo responsable da formación do profesorado.
- Disposición transitoria primeira: rexeitamos que a duración de mandatos de dirección de CAFI, CFR e asesorías de formación sexa de catro anos, prorrogables por outros catro, xa que con anterioridade as prazas tiñan unha duración dun ano prorrogable a seis sempre que acadaran avaliación positiva do seu labor. Parécenos un modelo máis axeitado para favorecer a rotación de persoas asesoras e de avaliación das mesmas, sempre que os criterios de avaliación sexan públicos, coñecidos previamente, rigurosos e obxectivos.
A IDEA É QUE HAXA UNHA AVALIACIÓN ANUAL DO DESEMPEÑO DO POSTO
- Disposición transitoria terceira: non comprendemos que se requira unha antigüidade minima de 5 anos como funcionarios/as de carreira para o persoal asesor de formación cando en convocatorias anteriores, a última de xuño de 2024, só se requería un ano de antigüidade como persoal funcionario de carreira. É dicir, multiplicando por cinco os anos requeridos para poder presentarse. En todo caso para tentar cumprir co espírito recollido no preámbulo, os criterios para seleccionar as persoas asesoras deberían ser cualitativos: traxectoria docente, participación en proxectos formativos, acreditar axeitada formación, non soamente meramente cuantitativos, e por suposto deben considerarse como no resto de convocatorias a antigüidade como persoal interino.
A INTENCIÓN É CONTAR O TEMPO COMO PERSOAL INTERINO COMO MÉRITO NO BAREMO.
VALORARÁN AS PROPOSTAS DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS PARA REVISAR O REQUISITO DE MÍNIMO DE ANOS COMO PERSOAL FUNCIONARIO DE CARREIRA.
- Deberían recollerse mecanismos de substitución das persoas asesoras en caso de permisos de certa duración e sobre todo en caso de situación de incapacidade temporal.
- Na disposición derradeira segunda hai un erro nas diposicións transitorias ás que fai referencia: entendemos que deberían facer referencia ao punto número 4 da disposición trnasitoria primeira e 3c e 9 na disposición transitoria terceira.
É UN ERRO E SERÁ CORRIXIDO
A ADMINISTRACIÓN AMÓSASE ABERTA A ESTUDAR CANTAS APORTACIÓNS LLE FAGAN CHEGAR AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS
Rogos e preguntas:
Intervención de CCOO Ensino
- Na última reunión da Comisión negociadora do Plan de Igualdade de persoal docente, a Administración comprometeuse a remitir os datos requeridos polas organizacións sindicais para realizar o diagnóstico de partida e convocar unha nova reunión a inicios do mes de xaneiro. Tales datos aínda non foron remitidos, nin tampouco foron convocadas as organizacións sindicais. O tempo apremia e a final de xuño ten que estar aprobado o Plan de Igualdade.
ESTASE TRABALLANDO NESTE TEMA TODO O RÁPIDO QUE PODE A CONSELLERÍA - En tres mesas sectoriais anteriores, levamos reclamando solución para o retraso inxustificado de incorporación en nómina do primeiro trienio e sexenio, que acadan en determinados casos máis dun ano de retraso. A paciencia ten un límite e xa só nos queda empezar con recursos xudiciais para que o profesorado poida cobrar a totalidade de complementos aos que ten dereito.
O DIRECTOR XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS INFORMA DE QUE SE ESTÁ POÑENDO EN MARCHA UN PROCEDEMENTO QUE PRETENDE TER RESOLTAS ESTAS INCIDENCIAS NO PRAZO DUN MES OU MES E MEDIO. - Demandamos, en cumprimento de numerosas sentenzas, que deben aboarse as subas salariais e trienios e sexenios perfeccionados ás persoas que se atopen en situación de IT e non soamente o 100 por cento do mes anterior a pasar á situación de baixa.
- En canto ao Concurso Xeral de Traslados, queremos facer dúas reguntas: primeiro, cando se ten previsto publicar as vacantes provisionais e segundo, considerando que as instancias serán públicas ata o 7 de febreiro, se tras a resolución provisional, volverán a estar expostas, para que as persoas aspirantes poidan ver as renuncias e teñan así toda a información para tomar a decisión de renunciar ou non ao concurso. Tamén queremos denunciar que a listaxe de prazas estruturais que nos proporcionou a Dirección Xeral foi remitida demasiado tarde, cando xa estaban moi avanzadas as negociacións de vacantes das xuntas de persoal cos departamentos territoriais. Por certo, relacionado con isto, non se nos remitiron as prazas estruturais de ensinanzas de réxime especial, tal e comos se comprometera a Administración.
REMITIRÁN HOXE ESA LISTAXE
- Demandamos información de cando ten previsto a Administración iniciar na mesa sectorial a negocación de actualización da orde de permisos e licenzas de persoal docente.
- Da mesma forma, preguntamos cando ten previsto a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos o informar do baremo común das diferentes prazas de asesorías, convenio, atención preferente, como nos asegurou en mesas anteriores.
MANTEÑEN A INTENCIÓN DE FACELO - Queremos trasladar un rogo dirixido á Dirección Xeral de Formación Profesional, solicitando que traian canto antes a Mesa Sectorial o borrador do decreto da nova FP que ía pasar xa a inicio de curso. Non é comprensible que co primeiro curso implantado xa, aínda non pasara ese decreto por Mesa.
- Solicitamos que se axilice a implementación da nova Lei de Ensinanzas Artísticas que afecta ao regulamento dos corpos de profesorado dos conservatorios. Sobre todo para solucionar a alta porcentaxe de interinidade que agora hai nos conservatorios superiores de Galicia, chegando case ao 50 %.