O 6 de febreiro de 2025 tivo lugar a xuntanza da Comisión de persoal ordinaria na que se trataron os seguintes puntos:
Proposta de Modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
O voto de CCOO foi EN CONTRA, motivando o sentido do voto nos seguintes argumentos:
Rexeitamos a amortización de postos pola destrución de emprego público que supoñen: pretenden amortizar 28 postos coa escusa, xa demasiado frecuente de que están vacantes. Amortizar postos porque “non existe a necesidade” é moi sinxelo, pero, unha vez que xurde a creación deses postos non se fai coa mesma rapidez. Entre as prazas que se amortizan destacamos, por exemplo, un/unha técnico de arquivos e bibliotecas, un/unha médico psiquiatra, un/unha intérprete de linguaxe de signos, un médico, varios postos de limpador/a…
Solicitamos unha vez máis a creación do Arquivo Central da Consellería para dar cumprimento á Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, que esixe a creación en cada consellería dun arquivo central, coa conseguinte creación, como mínimo, dun posto de técnico de arquivos A1.
Das 28 amortizacións propostas, 17 prestan servizo nos Centros de Ensino, vacantes por deixadez e a conta de sobrecarga de traballo do persoal: non se teñen en conta as rateos legais.
Levamos moito tempo demandando unha mesa de negociación de condicións laborais para o persoal non docente (as actuais datan de 1994). Despois da negociación coa Consellería de Medio Rural e logo co Política Social, parece que xa tocaba con Educación.
Proposta de modificación da relación de postos de traballo do proceso de funcionarización e clasificación de postos de Administración especial da Administración xeral da comunidade autónoma de Galicia
O voto de CCOO foi A FAVOR, xa que se trata do cumprimento das sentenzas que obrigan a esta funcionarización e clasificación de postos.
Por outra parte, CCOO puxo en coñecemento da Administración a existencia doutras sentenzas no mesmo sentido e a Directora Xeral comprometeuse, unha vez lle sexan remitidas a examinalas polo miúdo para dar cumprimento das mesmas tal e como sucedeu coas prazas achegadas nesta RPT.
