Actualización 24 de outubro: A data prevista de publicación no DOG da convocatoria do Concurso xeral de traslados (CXT) é o 7 de novembro, polo que o prazo de presentación de solicitudes será do 10 ao 28 de novembro.
No día de hoxe, 21 de outubro, celebrouse a mesa sectorial docente non universitaria.
Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
Orde do concurso xeral de traslados 2025/26
Intervención de CCOO Ensino
- Prevese que o concurso de traslados se publique en DOG o dia 4 de novembro. O prazo comezaría o 5 de novembro e remataría o día 25.
- Solicitamos unha negociación centralizada das vacantes con criterios obxectivos, tal e como se fixo en 2018.
Nos próximos días compartirán connosco unha relación de prazas estruturais. - Esiximos, no corpo de mestres/as, que se oferten todas as vacantes dos catálogos vixentes e que se manteñan as do primeiro ciclo da ESO, para garantir a mobilidade do profesorado do corpo de mestres/as.
- Solicitamos a apertura dunha negociación para actualizar o catálogo dos centros educativos, incrementando o número de prazas de Pedagoxía Terapéutica (PT), Audición e Linguaxe (AL) e persoal de atención á diversidade, como se fixo en 2017 coas prazas de PT nas catro provincias e máis recentemente coas prazas itinerantes de PT e AL.
Recollen a nosa petición. Din que estamos nun proceso de cambio. Din que é certo que as NEE incrementáronse. É certo que hai moitas prazas provisionais. Vano revisar con calma e farán as cousas con sentido común. - Denunciamos que a Administración está a amortizar prazas de PT creadas na etapa da anterior Conselleira aproveitando as xubilacións, o que supón un retroceso na atención á diversidade.
- Esiximos reforzar os departamentos de orientación para que as ratios se axusten ás recomendacións da UNESCO: 1 orientador/a por cada 250 alumnos/as.
- Demandamos que se oferten vacantes de Audición e Linguaxe na secundaria, nos centros que cada ano demostran a súa estruturalidade.
- Denunciamos que as inspeccións están a incumprir os catálogos, especialmente en Educación Infantil, asignando profesorado segundo o número de alumnado e non por unidades.
- Pedimos á Administración que aclare se convocará este ano o concurso específico de Adultos.
Hai moi poucas prazas. Dúas en Primaria e catorce en Secundaria. Non o van convocar este ano. O curso que vén si o convocarán, incluíndo as prazas deste ano.
Emendas ao articulado:
- Base 2: pedimos que as vacantes provisionais se publiquen xunto coa apertura de solicitudes e que as vacantes definitivas o fagan antes ou xunto coa resolución provisional.
- Base 11: insistimos na necesidade de incorporar prazas de AL en secundaria e incluílas nos catálogos dos IES e CPI, xa que o alumnado con necesidades de fala e audición tamén cursa ESO.
- Base 12:
- Solicitamos que tamén se inclúan as seccións bilingües (non só os centros plurilingües) como prazas con requisito de B2.
- Reclamamos corrixir a incongruencia lingüística: o requisito de galego exíxese ao corpo 593 e non ao 594, a pesar de teren especialidades similares.
- Bases 29 e 31: propoñemos fixar datas orientativas para as resolucións provisional e definitiva do concurso.
Sobre o baremo:
É un concurso estable, que leva moitos anos e, por tanto, non van facer modificacións ao baremo, excepto as coordinacións.
- 1.1.3. Demandamos que non se perda a puntuación por especial dificultade ao cambiar de destino e que se recoñeza de oficio o tempo traballado neses centros.
- 3. Solicitamos que o premio extraordinario de mestrado se valore igual que os de doutoramento, grao ou outras titulacións.
- 4.1. Pedimos que se recoñeza o labor das persoas responsables de centros de menos de tres unidades como funcións de dirección.
- 4.3. Esiximos que se inclúan coordinacións como Edixgal ou Polos Creativos entre as funcións puntuables.
Revisarano para engadilas. - Apartado 4. Reclamamos que o profesorado substituto que exerza cargos (titorías, xefaturas, coordinacións) reciba tamén puntuación e complemento económico.
- Apartado 4. Propoñemos que, cando se exerzan varios cargos nun curso, se puntúen todos, ou polo menos se compatibilice a titoría con outras coordinacións.
- Demandamos que se baremen publicacións sen depósito legal e que se garanta transparencia nas decisións da comisión avaliadora.
- 6.2. Reiteramos a urxencia de clarificar a puntuación das actividades de innovación, especificando o valor da participación, coordinación e impartición.
- Consideramos que non debe puntuarse como mérito diferenciado o traballo en postos da Administración Educativa, xa valorado por antigüidade.
- 6.6. Pedimos que se puntuén titorizacións de títulos anteriores a Graos/Mestrados equivalentes e valoramos positivamente a eliminación da incompatibilidade co apartado 4.
- Disposición complementaria terceira. Solicitamos que se aclare expresamente que o Mestrado do Profesorado pode puntuarse en corpos onde non é requisito (mestres, música, artes…).
Orde do concurso específico de orientación de primaria 2025/26
Intervención de CCOO Ensino
- O prazo comezará inmediatamente despois de rematar o prazo do CXT.
- Denunciamos que se adxudican vacantes a persoas sen titulación adecuada. Ata 23 vacantes definitivas adxudicadas nos útimos cinco concursos a mestres/as sen titulación. Reclamamos facer obrigatorias as titulacións que recolle o artigo 4 do Decreto 120/1998.
O Decreto 120/1998 establece que a titulación ten carácter preferente, mais non obrigatorio. Non o van cambiar. - Reclamamos tamén actualizar o decreto anterior, incorporando novas titulacións como o Mestrado en Psicopedagoxía.
- Demandamos redefinir a rede de orientación (última de 2009), xa que existen desequilibrios provinciais e debe actualizarse antes do concurso.
- Do mesmo xeito ca no CXT, esiximos reforzar os departamentos de orientación para que as ratios se axusten ás recomendacións da UNESCO: 1 orientador/a por cada 250 alumnos/as.
- Esiximos que os centros adscritos aos centros base se publiquen previamente, e que se permita a renuncia se cambian as condicións de traballo.
Sobre o baremo (reiteramos criterios do concurso xeral):
- É un concurso estable, que leva moitos anos e, por tanto, non van facer modificacións ao baremo, excepto as coordinacións.
- 1.1.3. Non perder puntuación por especial dificultade e recoñecemento de oficio dos servizos.
- Apartado 3. Incluír o premio extraordinario de mestrado.
- 4.1. Recoñecer os servizos prestados como responsable de centros de menos de tres unidades.
- 4.3. Valorar coordinacións como Edixgal e Polos Creativos.
Vano revisar, igual ca no CXT. - Apartado 4. Puntuación e complemento para substitutos/as que exerzan cargos.
- Apartado 4. Acumular puntuación por varios cargos no mesmo curso.
- Baremación de publicacións sen depósito legal e transparencia nas decisións.
- 6.2. Clarificación da puntuación en innovación educativa.
- Non diferenciar méritos de postos na Administración Educativa.
- 6.6. Puntuación para titorizacións anteriores equivalentes a graos/mestrados.
Rolda final de intervencións
Intervención de CCOO Ensino
- Manifestamos o noso rexeitamento pola celebración do Consello da Xunta no IES Celanova, que interrompeu a actividade lectiva; só debería facerse en día non lectivo.
- Esiximos que se cumpra a base 19 do Acordo de interinos/as, garantindo o dereito do persoal substituto a cobrar o verán tras cinco meses e medio de servizo.
- Reclamamos que o persoal substituto perciba complemento e puntuación por cargos como xefaturas ou coordinacións.
- Demandamos que, tras as modificacións estatais do Estatuto Básico do Empregado Público, se actualice a Orde de permisos e licenzas, sen cambios dende 2016.
- Solicitamos ampliar o permiso por nai biolóxica de 22 a 25 semanas, das cales dúas se poidan gozar antes de que o fillo/a cumpra 8 anos.
- Pedimos convocar, se fose necesario, o procedemento para a selección de inspectoras e inspectores accidentais, lembrando que as bases se negociaron nesta mesa o curso pasado.
Este ano non se dá a situación excepcional que se deu o ano pasado e, por tanto, non o convocarán. - Pedimos actualizar os anexos da Orde do 18 de outubro de 2010 sobre centros de especial dificultade xa que, dende a última actualización en 2017, varios centros accederon á categoría de unitarias, sen poder beneficiarse de tal cualificación (Triacastela, Sarreaus, A Veiga, etc.).
Están de acordo, pero non concretan. - Solicitamos recoñecer as aulas hospitalarias como postos de especial dificultade, polos seus condicionantes pedagóxicos e laborais singulares.
- Esiximos que se recalcule de oficio a antigüidade, os trienios e os sexenios tras o recoñecemento dos períodos de vacacións xerados con cada substitución, derivados de sentenzas favorables, evitando que as persoas traballadoras teñan que recorrer xudicialmente.
