En reunión co secretario de Estado, expresamos o noso malestar pola discriminación do sector

As organizacións sindicais representativas do ensino concertado —FSIE, USO, UGT e CCOO— mantivemos hoxe unha reunión co secretario de Estado de Educación. No encontro, logramos o compromiso de convocar grupos de traballo para o estudo das condicións laborais e análise do custo do posto escolar.

Na reunión, solicitada formalmente o pasado mes de xullo, transmitimos o profundo malestar do sector ante a falta de avances na mellora das condicións laborais e retributivas do persoal dos centros sostidos con fondos públicos.

Durante o encontro denunciamos o atraso na convocatoria, así como a falta de diálogo do Ministerio de Educación cos representantes do ensino concertado, especialmente logo dos recentes anuncios públicos do Goberno sobre redución de ratios e horas lectivas que, de non se aplicar tamén na concertada, suporían unha nova discriminación dos seus profesionais.

Os sindicatos fixemos o recordatorio de que o profesorado do ensino concertado forma parte da prestación do servizo público de educación, imparte o mesmo currículo e atende a mesma diversidade de alumnado, polo que é imprescindible garantir as mesmas condicións laborais, recursos materiais e recoñecemento institucional que na rede pública.

Neste sentido, esiximos a reactivación dos grupos de traballo para o estudo do posto escolar e a mellora das condicións laborais. A ausencia destas reunións de traballo bloquea o avance cara a unha planificación equitativa do sistema e perpetúa unha desigualdade que contradí os principios de equidade e cohesión educativa que proclama a propia lei.

Como resultado da reunión, o secretario de Estado de Educación comprometeuse a convocar os grupos de traballo proximamente, a través do subsecretario competente, garantindo a presenza das organizacións sindicais do sector do ensino concertado. Este compromiso supón un primeiro paso positivo cara ao restablecemento do diálogo institucional e o recoñecemento do ensino concertado como parte integrante do sistema público educativo.

As organizacións asinantes valoramos este compromiso, aínda que insistimos na necesidade de que se concrete en datas e contidos específicos, e reiteramos a nosa disposición a participar activamente na definición de políticas educativas que aseguren a igualdade de condicións e oportunidades para todos os traballadores e traballadoras, con independencia da rede en que presten servicios.