Criticamos a falta de diálogo e reclamamos melloras salariais, de conciliación e de dereitos para o persoal educativo.
CCOO Ensino advertiu da ausencia de negociación real por parte da Xunta na Mesa Xeral de Emprego Público celebrada o 16 de outubro, na que se tratou o anteproxecto da Lei de medidas fiscais e administrativas para o exercicio 2026. Denunciamos que a documentación chegase poucas horas antes da reunión, o que impide un diálogo social efectivo.
“Non se pode falar de negociación cando se entrega un documento o mesmo día da Mesa Xeral. O diálogo require tempo, transparencia e vontade de acordo”, subliñou a Secretaria Xeral de CCOO Ensino, Noelia Sánchez Vaamonde
As principais reclamacións de CCOO Ensino foron:
Melloras salariais e condicións laborais
- Incremento retributivo real para todo o persoal público galego que dignifique o emprego público e que o faga atractivo.
- Redución da xornada laboral a 35 horas semanais.
- Reactivación completa do Fondo de Acción Social, cunha dotación orzamentaria suficiente para a recuperación das axudas eliminadas nos últimos anos. Trátase dunha ferramenta esencial para apoiar a conciliación, a saúde laboral e a igualdade de oportunidades do persoal da Administración galega.
Conciliación e igualdade
- O anteproxecto mantén sen cambios o permiso por nacemento para a nai biolóxica nas 22 semanas e, aínda que amplía en tres semanas o permiso da outra persoa proxenitora, non incrementa en paralelo o da nai biolóxica, o que xera unha situación de desigualdade. Por iso, CCOO Ensino reclamou que se amplíe tamén o permiso da nai biolóxica, garantindo un equilibrio real entre ambos permisos e evitando discriminacións por razón de xénero.
- O novo permiso de 8 semanas para o coidado de fillos e fillas menores de oito anos carece de retribución, o que “converte un dereito en papel mollado” e perpetúa desigualdades, xa que só poderán exercelo quen poida prescindir do seu salario.
- Recoñecemento de 35 semanas retribuídas para familias monoparentais.
Persoal docente
- Cumprimento íntegro do Acordo do profesorado interino que recoñece o dereito ao cobro do verán para o persoal substituto con máis de cinco meses e medio de servizo (acordo que leva en vigor desde o ano 1995 e que a día de hoxe está asinado por CCOO, ANPE, UGT e CSIF).
- Cumprimento íntegro do Acordo de medidas de mellora asinado con CCOO, ANPE e UGT, actualmente xudicializado pola súa modificación unilateral na Lei de Medidas do ano pasado.
Persoal de apoio educativo (PAE)
O persoal de apoio educativo precisa dignificación, estabilidade e recoñecemento profesional, non máis anos de invisibilidade institucional.
- Recuperación dos tres días de asuntos propios eliminados pola Lei 1/2012.
- Xubilación da xubilación especial aos 64 anos para o persoal laboral.
- Actualización das RPTs e reclasificación profesional:
- Cociñeiros/as e coidadores/as no subgrupo C1, conforme ás súas funcións e ás sentenzas existentes.
- No servizo de limpeza, transformación das prazas a media xornada en xornadas completas con salarios dignos.
Ensino concertado
- Galicia segue sendo a única comunidade que bloquea melloras salariais no ensino concertado, como a Paga Extraordinaria por Antigüidade (PEA) e os pagos por antigüidade. Limítase ao aboamento das direccións e xefaturas de estudos, excluíndo as xefaturas de departamento.
- Reclamamos a eliminación das disposicións adicionais que supoñan o veto dos pagos acordados coa Consellería no acordo de abril do 2008.
Ensino universitario
- Reclamación dun financiamento suficiente para o sistema universitario público galego.
- Pago íntegro de todos os compoñentes do complemento específico do PDI funcionario.
CCOO Ensino reitera a súa disposición ao diálogo real e efectivo, que sirva para avanzar nos dereitos do persoal público, non para consolidar a súa perda progresiva.
