No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria. Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
PROXECTO DE ORDE DO CONCURSO DE ORIENTACIÓN DE PRIMARIA
Intervención de CCOO Ensino
- Queremos destacar que, ano tras ano, hai neste concurso a posibilidade de adxudicar vacantes de xefatura de departamento de orientación en centros de infantil e primaria a persoas sen a titulación adecuada. Isto dificulta o correcto desenvolvemento do labor orientador, coma tal, nas probas diagnósticas. Nos últimos catro concursos detectamos ata 17 vacantes adxudicadas a mestres/as sen titulación axeitada.
- Consideramos imprescindible esixir como requisito, e non só como dereito preferente, as titulacións recollidas no artigo 4 do Decreto 120/1998 para poder ser adxudicado/a neste concurso. De ser necesario, debería modificarse o Decreto 120/1998 para establecer a obrigatoriedade da titulación. Resulta incoherente esixir a titulación para substitutos/as e interinos/as e non para quen ocupa o posto de xeito definitivo.
- Moitas titulacións mencionadas no artigo 4 do Decreto 120/1998 xa non están vixentes (como a Licenciatura en Filosofía e Letras ou Psicopedagoxía). Propoñemos actualizar esta lista, incluíndo novas titulacións como o Mestrado en Psicopedagoxía, que, xunto coa titulación de mestre/a, habilitaría para o desempeño das funcións.
- Pedimos abordar a reconfiguración da rede de Orientación, que non se actualiza desde 2009. Isto provocou desequilibrios nas provincias, polo que solicitamos unha actualización antes do concurso de traslados, tal como se fai noutros concursos similares.
Comprométense a analizar a nosa petición.
- Non consideramos aceptable que na base 2.ª se indique que o anexo II recolle os centros que, previsiblemente, estarán adscritos ao centro base. Estes centros deberían coñecerse con antelación. Ademais, solicitamos que, de modificarse os centros adscritos a unha praza, se lle dea ao docente a opción de escoller ser suprimido, mesmo se non se modifica o centro base, xa que entendemos que se produce unha modificación substancial das condicións de traballo.
En relación co baremo, aínda que somos conscientes de que moitos aspectos están regulados por normativa básica e son inamovibles, queremos expresar o noso desacordo con varios puntos.
- No apartado 1.1.3, sobre postos de especial dificultade, consideramos que a puntuación xerada nestes postos non debería perderse ao cambiar de destino definitivo. Ademais, solicitamos que se recoñezan de oficio os servizos prestados en destinos provisionais ou definitivos en centros de especial dificultade.
- No apartado 3, notamos a ausencia de valoración para os premios extraordinarios nos mestrados, que deberían ter a mesma consideración ca os premios de doutoramento, grao e outras titulacións.
- No apartado 4:
- No punto 4.1, referente aos servizos como director/a de centro, deben incluírse os servizos prestados como responsables de centros con menos de tres unidades, dado que estas persoas asumen as mesmas funcións que os directores/as, incluíndo a totalidade de coordinacións e dinamizacións (lingua galega, extraescolares, etc.).
- No punto 4.3, sobre outras funcións docentes, observamos que seguen excluíndose postos de coordinación e dinamización como o de coordinador Edixgal ou a recente Dinamización de Polos Creativos.
Vano revisar.
- Tamén consideramos que deben puntuarse os cargos e coordinacións desempeñadas polo profesorado substituto. Esta situación resulta especialmente inxusta nas titorías e xefaturas de departamento unipersoal ou de orientación, xa que o substituto debe asumir estas funcións sen recibir puntuación nin complemento económico, a pesar de cumprir coas obrigas.
- Canto ao apartado de publicacións, levamos anos denunciando que é incomprensible que non se puntúen aquelas que non teñen depósito legal. Ademais, pedimos máis transparencia por parte da comisión avaliadora para que as persoas interesadas poidan coñecer os motivos da non baremación dalgunhas publicacións.
- Reiteramos, coma nos últimos anos, a urxencia de detallar claramente a puntuación que se obtén pola participación, coordinación e impartición en actividades de innovación educativa no apartado 6.2. Actualmente, a Consellería non especifica esta información no baremo da orde nin nas súas instrucións. Por experiencia, sabemos que cada participación conta con 0,15 puntos, independentemente da duración ou responsabilidade da actividade (coordinación ou impartición).
- Consideramos incoherente valorar como mérito diferenciado que se ocupasen postos na Administración educativa, xa que a antigüidade xa se puntúa nos apartados 1.1 e 1.2, así como en varios cargos do apartado 4.
- No apartado 6.6, solicitamos que se puntúen as titorizacións de títulos previos á implantación de graos e mestrados, sempre que sexan equivalentes. Non compartimos, pero entendemos, que o real decreto limite esta posibilidade, facendo que só se puntúen as titorizacións de funcionarios/as en prácticas a partir do curso 2023/24.
- Por último, no Anexo III de vacantes, faltaría incluír vacantes por xubilación no CRA Antía Cal, no CRA de Dodro, no CEIP de Agolada, no CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso e no IES A Sangriña. Tamén faltaría incluír unha segunda vacante de orientación no CEIP de Prácticas de Ourense.
Tamén reclamamos a creación dunha segunda vacante de orientación no CEIP de Prácticas de Ourense, xa que a persoa titular da praza de Orientación atópase en comisión de servizos en postos da Administración Educativa dende hai anos. Como resultado, a praza sae cada ano no CADP e é ocupada por unha persoa diferente cada curso, o que dificulta enormemente a continuidade do traballo no centro.
CRA Antía Cal (compartida co CEIP Souto-Donas), CRA de Dodro, CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso.
Ademais das reclamadas, incorpórase unha vacante no CRA de Rianxo.
O CEIP Valle-Inclán pasa a ser centro base, no canto do CPI O sello. O CEIP das Vendas da Barreira cambia, como centro base, co CEIP Raúl Fernández.
Actualización coa listaxe definitiva de vacantes (15/11/2024)
ROGOS E PREGUNTAS
Intervención de CCOO Ensino
- Solicitamos información sobre a posible oferta do Concurso específico de adultos e do Concurso de equipos de orientación específico. Recordamos que a Consellería se comprometera a desenvolver un baremo unificado para todos os concursos específicos (atención preferente, prazas de convenio, prazas de asesores, CFR/CAFI, etc.).
Van mirar de facer un baremo unificado.
- Ademais, demandamos información sobre cando se vai incluír na nómina a suba salarial do 0,5%, con efecto retroactivo dende o 1 de xaneiro de 2024, froito do Acordo marco asinado por CCOO e UGT.
Pagarase cando o aprobe o Goberno central (estiman que a inicios do ano 2025).
- Demandamos que se axilice o trámite para a incorporación en nómina de novos trienios e sexenios, xa que se están a producir importantes atrasos.
Teñen prevista unha reunión con Intervención para axilizar o proceso.
- Urximos á negociación dunha nova orde de permisos e licenzas, polas modificacións introducidas polo RDL 5/2023.
- Reiteramos a solicitude dunha convocatoria urxente do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral para obter os datos e resultados da Enquisa de Riscos Psicosociais realizada en maio ao persoal dos centros educativos. Lembramos que, grazas á denuncia presentada por CCOO Ensino en 2020 ante a Inspección de Traballo, é preceptiva unha reunión trimestral deste comité, e xa pasou case un ano desde a última reunión ordinaria.
- Demandamos información sobre as medicións de radón realizadas nos centros educativos da comunidade, especialmente ante a inminente publicación da resolución técnica do Consello de Seguridade Nuclear conforme ao Real Decreto 1029/2022, dado que a maior parte dos concellos de Galicia estarán incluídos como zonas de actuación preferente, sendo obrigatoria a realización das medicións.
Trasladarán o tema á dirección xeral correspondente.
- Solicitamos unha nova clasificación dos centros educativos que teña en conta non só criterios cuantitativos (número de alumnado), senón tamén cualitativos, considerando os servizos que ofrece o centro (transporte, comedor, etc.). Existen casos de centros con menos alumnado pero que ofrecen máis servizos, o que implica unha maior carga de traballo. A pesar disto, os cargos directivos destes centros reciben unha retribución inferior, polo que é necesario revisar e actualizar esta clasificación para recoñecer adecuadamente o esforzo e as responsabilidades asumidas.
- Denunciamos tamén a situación no IES Rafael Dieste da Coruña, onde se dotou un novo grupo de 1.º da ESO esta semana, un mes despois do inicio do curso, cun total de 10 alumnos/as de incorporación tardía, que podían terse repartido entre diferentes centros da cidade de forma equitativa e equilibrada. O plan inicial da Consellería consistía en incorporar o grupo cun custo mínimo, dotando só un novo docente. Tras as reclamacións do equipo directivo, finalmente asignáronse dous docentes que cubrirán materias agrupadas en ámbitos. Non obstante, isto implicou modificacións nos horarios de varios docentes, dous meses despois de iniciado o curso, o que resulta en situacións inaceptables, como un docente de Filosofía impartindo clases de Educación Física, para a cal non ten nocións (xa non dicimos que sexa especialista). Esta decisión non só reflicte unha falta de consideración pola calidade educativa, senón que tamén podería supor un risco para o alumnado debido á natureza física dos contidos que han impartir.
Este non é un caso illado; xa vimos outras situacións similares este curso, nas que a Consellería permite que a Educación Física sexa asumida por docentes doutras especialidades para completar horario. Lembramos o caso do IES A Cañiza, onde un docente de Tecnoloxía imparte catro horas de Educación Física en 1.º de Bacharelato, ou do CPI da mesma localidade, cun docente de Matemáticas encargado de ata 11 horas de Educación Física na ESO.
Finalmente, apuntamos que, se o plan da Consellería é dotar un centro educativo cunha nova liña de 1.º da ESO, debe facerse cunha planificación adecuada e coa dotación necesaria de profesorado, e non da forma actual, que claramente non contribúe a mellorar a calidade educativa.
A Consellería responde que dotou o centro cos docentes que solicitaron e que a creación da nova liña responde a unha decisión do servizo de inspección da provincia.