FSIE: o monicreque da patronal

Tras abandeirar a prórroga do VII Convenio Colectivo coa intención de non ter que negociar e mostrar así as súas carencias e incapacidade para lograr avances significativos para as persoas traballadoras do sector, FSIE intenta desviar a atención da súa incompetencia atacando a CCOO, ao tempo que pretende erixirse como gran defensor de quen traballa na escola concertada. Nada máis lonxe da realidade. Remitímonos aos feitos coa seguinte comparativa, na que se aprecia que as únicas melloras laborais no sector nas últimas décadas se producen pola influencia de CCOO nos ámbitos de negociación nos que non está presente FSIE.

A mimetización de FSIE coas organizacións patronais alcanza o seu punto álxido cando esta organización sindical se somete á vontade daquelas ao prorrogar o VII Convenio Colectivo, pasando a ser unha mera marioneta de quen unicamente mira polos intereses das titularidades dos centros. Convértese así nun lastre para os intereses das persoas traballadoras.
De feito, é naqueles territorios onde FSIE non ten presenza ou esta é residual onde producen melloras notables mediante acordos autonómicos.

Inxectar máis diñeiro na escola concertada sen ningún tipo de control das Administracións públicas, como propoñen FSIE e as patronais, non vai ter repercusión ningunha nas persoas traballadoras, no alumnado nin nas familias. Xa pasou nalgunha comunidade autónoma na que, despois de incrementar as partidas que se destinan aos centros concertados en máis dun 40 %, todo seguiu igual. Quen se beneficia realmente?

Por este motivo, desde CCOO sempre esiximos que se supervise o destino dos fondos públicos que reciben os centros concertados en beneficio da comunidade educativa, á vez que propuxemos medidas que permiten mellorar notablemente as condicións laborais, así como garantir a gratuidade real do ensino: incorporación do PAS e do persoal complementario ao pagamento delegado; equiparación real do persoal docente ao seu homólogo do ensino público; supresión das cotas “voluntarias” ás familias ou regulación real do prezo dos comedores escolares, libros de texto e actividades extraescolares para que deixen de ser un negocio lucrativo en moitos centros.

CCOO sempre se puxo do lado das persoas traballadoras do ensino concertado, sen defender os intereses patronais. Todo o contrario de FSIE, que parece estar máis pendente de seguir as directrices de quen lles franquea as portas nos centros de traballo que de quen di representar. Neste sentido, CCOO seguirá apostando pola mellora das condicións de traballo no sector do ensino concertado, sen renunciar ao modelo educativo gratuíto, de calidade, inclusivo, mixto, non segregador, equitativo, coeducativo e participativo que historicamente vimos defendendo.