CCOO anuncia mobilizacións a nivel estatal se MUFACE non ofrece garantías nin unha resposta clara

O sindicato amosou o seu malestar pola posición da entidade de manter á marxe ás organizacións sindicais e por non ofrecer un plan claro de acción.

Despois da reunión mantida esta mañá co Consello Xeral de MUFACE, na que a entidade quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade respecto aos servizos prestados, CCOO critica que se convocou ás organizacións sindicais a unha reunión ordinaria, case como meras espectadoras, no canto de abordar de maneira exclusiva o futuro da entidade e a garantía de servizo para todas as persoas mutualistas.

Ante a incerteza dun novo concerto sanitario para os próximos anos dos nosos empregados públicos e os seus familiares, CCOO reclamou, na reunión do consello xeral de MUFACE celebrada hoxe, que, debido á gravidade da situación, deberíase abordar de maneira exclusiva o futuro da entidade e a garantía do servizo sanitario para todas as persoas mutualistas.

O sindicato esixe coñecer a situación real sobre a nova licitación e a necesidade dun estudo exhaustivo dos custos sanitarios que supón a atención ás persoas mutualistas, para evitar a futuro a chantaxe que están a realizar as aseguradoras. Coa saúde das persoas non se xoga! Neste sentido, solicitamos coñecer todos os prazos dos que dispoñemos e unhas directrices claras onde, a partir de xaneiro de 2025, as persoas mutualistas non teñan ningún impedimento para a súa atención sanitaria.

CCOO mantén as súas reivindicacións –que se garanta o servizo, a revisión das prestacións ofertadas por MUFACE e que se cumpra cos parámetros de calidade establecidos nos concertos sanitarios– e afirma que está disposto a convocar mobilizacións a nivel estatal se non hai unha resposta clara e un compromiso por parte da entidade mutualista.