CCOO, UGT e USO, ante a catástrofe provocada pola DANA na provincia de Valencia o pasado 29 de outubro, acordaron convocar un paro de 10 minutos ás 12 horas para o vindeiro venres, 8 de novembro, en todos os centros de traballo do Estado.
As organizacións sindicais xa lle trasladaron esta convocatoria á patronal CEOE, que a comparte.
Con este paro, quérese facilitar que os traballadores e traballadoras poidan expresar ás familias o seu pesar e condolencias polas persoas falecidas. Tamén amosar o apoio a quen perdeu o seu patrimonio, ve incerteza sobre o seu emprego ou a viabilidade dos negocios e empresas que se viron comprometidas.
En segundo lugar, con esta acción quérese instar a mobilización dos recursos públicos necesarios para a protección dos empregos, a actividade económica, o coidado e o aloxamento das persoas afectadas.
Nestes momentos é imprescindible actuar con unidade no propósito compartido de contribuír á reconstrución dos danos, a reparación das vítimas e o progreso da nosa sociedade baixo os principios democráticos do noso Estado de dereito.