No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria. Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
APROBACIÓN SE PROCEDE DA ACTA DO 10 DE SETEMBRO
Observacións
Aprobada por unanimidade.
PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCA CONCURSO DE TRASLADOS ENTRE PERSOAL FUNCIONARIO DOCENTE
Intervención de CCOO Ensino
CCOO valora positivamente a maior parte dos cambios recollidos no RD 677/2024 que modifica o Concurso de Traslados, e que, por suposto, se inclúen neste Proxecto de Orde, pero consideramos que, por desgraza, chega demasiado tarde, xa que CCOO foi a única organización a nivel estatal que encabezou mobilizacións, hai exactamente un ano, polas desigualdades na participación dos diferentes colectivos no concurso anterior, solicitando que se artellaran mecanismos urxentes para evitar tal desigualdade.
De ahí que valoremos positivamente o incremento de puntuación no apartado 1.1 de antigüidade no centro, que premia a permanencia no mesmo centro con destino definitivo, favorecendo a establidade das plantillas e a continuidade de traballo no mesmo centro, así como compensar ao persoal en expectativa de destino, que non ten culpa de que tarden anos en adxudicarlle un destino definitivo.
Consideramos, por tanto, que o baremo, desta forma, queda máis equilibrado, ainda que hai restan cuestións mellorables, como eliminar o límite de puntuación de 10 puntos ao desempeño de cargos de titor/a e de coordinación docente ou as titorizacións de funcionariado en prácticas.
Porén, lamentamos que non se incluíra no RD a posibilidade de blindar, de forma máis contundente, que se oferten no concurso de traslados a totalidade de vacantes que se inclúen nas ofertas de emprego público, así como as ofertadas nos procesos de estabilización. Con independencia disto, queremos de novo deixar constancia da necesidade de ofertar o máximo número de vacantes posibles para seguir paliando, na medida do posible, a duración do tempo de provisionalidade.
Da mesma forma, solicitamos que se acometa unha negociación centralizada das vacantes con criterios obxectivos similares a como se realizou en 2018. Durante a negociación das prazas obxecto de estabilización, a Consellería recoñeceu a estruturalidade dunha parte importante delas (sobre todo as definidas pola D.A. 6.ª da Lei 20/21), pola que deberían ser obxecto de provisión nos concursos de traslados seguintes.
Esiximos que no corpo de mestres se sigan ofertando todas as vacantes que figuran nos catálogos que están en vigor e seguir facilitando as do primeiro ciclo da ESO para que sexa efectiva a mobilidade entre os, xa poucos, mestres que teñen destino neste ciclo.
Denunciamos, como xa fixeramos o ano pasado, que as inspeccións están a incumprir os catálogos negándose a dotar aos centros de prazas de EP cando nel hai especialistas con horarios reducidos.
Da mesma forma, solicitamos, sabendo que a Orde de normas procedementais deixa moi pouca marxe de manobra, que se estableza unha moratoria na puntuación do subapartado de Competencia Dixital Docente, xa que o proceso de acreditación da mesma, non está completado en moitas comunidades autónomas e considerando que este é un concurso estatal, cos agravios comparativos de puntuación que poden producirse.
Finalmente, solicitamos que a Administración aclare se vai proceder este ano á convocatoria dos concursos específicos de Adultos e de Orientación do corpo de mestres.
CONFIRMAN QUE PRÓXIMAMENTE TRAERÁN POR MESA SECTORIAL O CONCURSO DE TRASLADOS DE ORIENTACIÓN DO CORPO DE MESTRES
ESTÁN A REVISAR AS VACANTES EN CENTROS ESPECÍFICOS DE ADULTOS PARA CONSIDERAR SE CONVOCARÍAN CONCURSO DE ADULTOS
Emendas ao articulado
Base 2: esiximos que as vacantes provisionais se publiquen simultaneamente nas datas de presentación de solicitudes de participación e, as vacantes definitivas, antes ou simultaneamente coa publicación da resolución provisional do concurso.
ESTANSE REVISANDO AS PRAZAS QUE SE LEVAN CUBRINDO CON INTERINIDADES OS DOUS OU TRES ÚLTIMOS ANOS, COA INTENCIÓN DE OFERTALAS TODAS (AGÁS CAUSAS XUSTIFICADAS)
PROCURARÁN PUBLICAR AS VACANTES DEFINITIVAS COA RESOLUCIÓN PROVISIONAL, O QUE RESULTARÁ IMPOSIBLE SERÁ PUBLICAR AS VACANTES PROVISIONAIS CO INICIO DO PROCEDEMENTO
Base 11: que se oferten neste concurso vacantes da especialidade de Audición e Linguaxe nas ensinanzas de secundaria (código 597061), xa que, ano tras ano, no CADP aparecen vacantes desta especialidade nos mesmos centros demostrando así a súa estruturalidade. CCOO reclama que se incorporen prazas dese perfil nos catálogos dos IES e CPI porque actualmente non existen e non poden dotarse de forma definitiva.
NON SE CONTEMPLA OFERTAR ESTAS VACANTES
Base 12: incluír expresamente os centros con sección bilingüe como posibles prazas nas que hai que acreditar a posesión dun B2 en lingua estranxeira para poder ser destinados a elas. Na orde só se nomean de forma expresa os centros plurilingües, pero podería ser necesario e recomendable cubrir de forma definitiva prazas en seccións bilingües que son estruturais.
No punto 2, corrixir unha incongruencia posto que non se esixe a posesión da certificación de lingua galega a persoal que aspire a prazas do corpo de profesores de música e artes escénicas (corpo 594), pero si ao corpo de catedráticos de música e artes escénicas (corpo 593).
Con respecto ao baremo somos conscientes que moitas cuestións son inamovibles por derivar de normativa básica. Aínda así, queremos deixar constancia do noso desacordo con algunhas delas.
Apartado 1.1.3: xa dixemos anteriormente que a puntuación xerada nun posto de especial dificultade non se debería perder con cada cambio de destino definitivo. Igualmente solicitamos que se asegure que as persoas participantes que tiveron destino provisional, ou teñen o seu destino definitivo nestes centros vexan recoñecidos, tales servizos de oficio.
TENTARÁN INFORMATIZAR O PROCESO OU OFRECER, CANDO MENOS, UNHAS INSTRUCIÓNS CLARAS SOBRE COMO SOLICITAR A VALORACIÓN
Apartado 3: falta por incluír como baremable o premio extraordinario nos mestrados. Deberan ter a mesma consideración que os de doutoramento, grao e outras titulacións.
ESTUDARÁN SE METER NO APARTADO 3.1. A BAREMACIÓN DE MÚLTIPLES PREMIOS EXTRAORDINARIOS, XA QUE A DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA SÓ FALA DO CASO DE MÚLTIPLES TITULACIÓNS
Apartado 4.1 (“servizos como director/a de centro”): deben incluírse os servizos prestados como responsables de centros de menos de tres unidades, xa que as persoas responsables realizan as mesmas funcións que outros directores/as, recaendo sobre estes cargos a totalidade de coordinacións e dinamizacións (lingua galega, extraescolares, etc).
Apartado 4.3 (outras funcións docentes): seguen obviándose postos de coordinacións e dinamizacións como a coordinación de Edixgal ou, a máis recente, Dinamización de Polos Creativos.
Deben puntuarse os cargos e coordinacións que desempeña o profesorado substituto, ademais de percibir o correspondente complemento económico, no caso de habelo. A situación é aínda máis inxusta, se cabe, en canto a titorías e xefaturas de departamento unipersoal ou xefaturas de departamento de orientación. Urxe pór fin a esta situación, a todas luces, inxusta.
Apartado 5: debería establecerse unha moratoria na puntuación no apartado de Competencia Dixital Docente, xa que moitas comunidades autónomas non teñen aínda comezado o proceso de acreditación, polo que constituiría un agravio comparativo puntualo considerando que se trata dun concurso estatal. No caso de que finalmente sexa baremada a CDD neste concurso, solicitamos que se habilite a posibilidade de ser actualizada no prazo no que se actualiza o expediente persoal, xa que, como indica a Disposición complementaria primeira, os méritos serán recoñecidos ata o último día de presentación das solicitudes.
Actualmente Galicia é a comunidade con máis profesorado acreditado, sobrepasando as 32 000 persoas:
- A1 – 1538 persoas
- A2 – 6423 persoas
- B1 – 8507 persoas
- B2 – 11493 persoas
- C1 – 4069 persoas
Apartado 6.1 (publicacións): é incomprensible que non se puntúen publicacións sen depósito legal. Da mesma forma, esiximos máis transparencia por parte da comisión avaliadora que lle permita coñecer ás persoas interesadas os motivos da non baremación dalgunha das súas publicacións.
Apartado 6.2 (premios e proxectos de investigación ou innovación): urxe detallar, de forma clara, a puntuación que se obtén pola participación, coordinación e impartición en cada actividade de innovación educativa. Non se especifica nin no baremo da orde, nin nas instrucións que adoita sacar a Consellería.
Apartado 6.4: volvemos a insistir, como xa fixemos nos últimos anos, en que non ten sentido nun concurso de traslados valorar como un mérito diferenciado ter estado destinado en postos da Administración Educativa, xa que xa se puntúa a antigüidade no apartado 1.1 e 1.2., así como tamén en varios cargos do apartado 4.
Apartado 6.6: deberían puntuarse as titorizacións de títulos anteriores á entrada en vixencia de Graos e Mestrados sempre que sexan equivalentes. Non compartimos, pero somos conscientes de que o RD non deixa marxe de manobra, que as titorizacións de funcionarios/as prácticas só se puntúen dende o curso 2023/24 e non anteriormente. VALORAMOS POSITIVAMENTE QUE SE ELIMINARA A INCOMPATIBILIDADE DESTE APARTADO CON RESPECTO AO APARTADO 4, EMENDA QUE LEVAMOS XA VARIAS VECES NOS ÚLTIMOS ANOS A ESTA MESA.
Disposición Complementaria Terceira: deberíase aclarar de forma expresa que o Mestrado do Profesorado en Educación Secundaria pode ser puntuado en caso de participantes de corpos onde non é requisito para o acceso ao mesmo, por exemplo mestres, música e artes escénicas ou artes plásticas e deseño.
Aclaracións e modificacións remitidas pola Consellería (28/10/2024)
Apartado 3.1.4 do baremo de docentes (2.1.4 do baremo de inspectores):
3.1.4. Por obter premio extraordinario no doutoramento, na licenciatura ou grao ou, no caso das ensinanzas artísticas superiores, por obter un premio extraordinario no grao ou, no caso das titulacións outorgadas polos conservatorios e escolas que impartan ensinanzas artísticas superiores, pola mención honorífica no grao superior.
Despois de tratar este tema co Ministerio a conclusión é que ao non estar especificado neste apartado como nos anteriores “POR CADA”, unicamente se vai puntuar un premio extaordinario.
Vixésimo sexta. Comisión de Avaliación
1. Para avaliar os méritos alegados polas persoas concursantes, a que se refire ás epígrafes 4.1 do anexo XVIII e 6.1 e 6.3 do anexo XVII da presente orde, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional designará unha Comisión de Avaliación, composta polas seguintes persoas:
Presidencia: unha persoa funcionaria do corpo de inspectores de educación ou do corpo de inspectores ao servizo da Administración educativa, designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
Vogais:
- Unha persoa funcionaria do corpo de inspectores de educación ou do corpo de inspectores ao servizo da Administración educativa.
- Dúas persoas funcionarias do corpo de catedráticos de ensino secundario ou do corpo de profesores de ensino secundario.
- Unha persoa funcionaria do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional ou do corpo de profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional.
- Unha persoa funcionaria do corpo de catedráticos ou de profesores de escolas oficiais de idiomas.
- Unha persoa funcionaria do corpo de profesores de música e artes escénicas.
- Unha persoa funcionaria do corpo de profesores ou de mestres de taller de artes plásticas e deseño.
- Dúas persoas funcionarias do corpo de mestres.
Actuará como persoa secretaria da Comisión a persoa vogal con menor antigüidade na función pública docente como persoal funcionario de carreira, agás que a Comisión acorde determinalo doutro xeito.
Os vogais serán designados por sorteo público entre o persoal funcionario de carreira do corpo correspondente con destino definitivo na localidade de Santiago de Compostela, e adecuarase ao criterio de paridade entre muller e home. A participación neste órgano ten carácter obrigatorio. Non obstante, a persoa que exerza a presidencia desta comisión concederá a suplencia a aquelas persoas que a soliciten e actuasen como membros desta comisión nos últimos catro anos, salvo cando non se poida constituír o dito órgano co número suficiente de persoal funcionario do corpo correspondente.
Vixésimo sétima. Criterios de prioridade na adxudicación de destinos
1. Dereito preferente a centro.
- O dereito preferente a centro considerado no artigo 16 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, implica, en canto á obtención de destino, unha prelación respecto ás persoas participantes que exerciten o dereito preferente a localidade e zona educativa.
- Entre varios dereitos preferentes ao mesmo centro, a prelación virá determinada pola orde en que os supostos se relacionan na base décimo quinta da presente convocatoria.
- Se hai dúas ou máis persoas participantes con dereito a centro que participan polo mesmo apartado, a prioridade virá determinada pola maior puntuación total na aplicación do baremo de méritos.
- No caso en que se produzan empates na puntuación total, utilizarase como primeiro criterio de desempate o maior tempo de servizos efectivos como persoal funcionario de carreira no centro.
- De resultar necesario, aplicaranse os demais criterios previstos no punto 3 desta base común.
2. Dereito preferente a localidade ou zona educativa.
Coa finalidade de establecer o dereito á reserva dunha praza da localidade ou zona educativa, establecerase a seguinte prioridade:
- Entre varios dereitos preferentes á mesma localidade, a prelación virá determinada pola orde en que os supostos se relacionan na base común décimo sétima da presente convocatoria.
Vixésimo novena. Resolución provisional do concurso
Unha vez recibidas na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional as actas da Comisión de Avaliación, coas puntuacións asignadas ao persoal concursante, procederase, conforme ás peticións e méritos das persoas participantes, á adxudicación dos destinos e faranse públicos mediante resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (www.edu.xunta.gal/).
A consellería poderá, de oficio, modificar a puntuación provisional, outorgada cando se producise un erro na baremación que supoña unha minoración da mesma. Daráselle un prazo de tres (3) días hábiles á persoa á que se lle modifique a baremación para que formule alegacións.
Trixésima. Reclamacións e renuncias
O persoal concursante poderá presentar reclamacións á resolución provisional por medios electrónicos, mediante o trámite activado para este efecto na Carpeta cidadá, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte á publicación da adxudicación de destinos provisionais na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (www.edu.xunta.gal).
Finalizado o prazo concedido para formular reclamacións, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicará na páxina web www.edu.xunta.gal a resolución pola que se terá por desistido ao persoal aspirante que, no prazo concedido para estes efectos, non tivera formulada reclamación.
Sen prexuízo do parágrafo anterior, o persoal concursante poderá presentar reclamacións á puntuación outorgada, con anterioridade á resolución provisional do concurso, unha vez que se fagan públicas na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Así mesmo, no mesmo prazo de dez (10) días hábiles, poderá presentar renuncia. Esta deberá realizarse na páxina web do concurso (www.edu.xunta.gal/cxt), na lapela habilitada para estes efectos, e presentarse por medios electrónicos mediante o trámite activado para este efecto na carpeta cidadá. A renuncia afectará a todas as peticións e especialidades consignadas na súa solicitude de participación.
RESOLUCIÓN POLA QUE SE CONVOCA PROCEDEMENTO PARA CUBRIR CON CARÁCTER PROVISIONAL POSTOS DE TRABALLO DE INSPECCIÓN EDUCATIVA DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA
Debate Administración-Organizacións sindicais
Logo da exposición do contido da resolución por parte da Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, ábrese unha rolda de palabra das organizacións sindicais na que todas piden a retirada desta resolución e expresan as distintas problemáticas claramente apreciables no documento:
- Discrecionalidade por parte da Administración tanto á hora de nomear presidencia como vogais da comisión de avaliación do proceso, directamente pola DXCCRRHH.
- Posible demora excesiva na resolución do procedemento, xa que dependerá do número de persoas que finalmente se presenten.
- Unha proba que consiste na presentación e defensa dun proxecto sen incluír unha rúbrica e sen posibilidade dunha exposición pública.
- Ausencia de seguridade xurídica posto que non se inclúe a porcentaxe do 7 % reservado a persoas con discapacidade.
- Falta da lista de vacantes que se ofertarían, cando menos, aquelas que se coñecen perfectamente a día de hoxe por ter ser necesarias para cubrir comisións de servizos especiais.
A DX toma posteriormente a palabra para indicar o interese da Administración en cubrir as necesidades accidentais, aínda que recoñecen que este ano van tarde. Teñen a intención de establecer este procedemento con carácter permanente para cursos posteriores, cos criterios que se puidesen establecer no seu momento para a confección de listas ou reordenación das persoas.
Non pretenden dilatar a convocatoria de concursos-oposicións para a Inspección e, por este motivo, eliminouse entre os dous borradores a posibilidade da renovación da comisión.
Había dúas posibles opcións, acoder ás listas de persoas que se presentaron ao último concurso-oposición ou facer un procedemento como o amosado no documento. Deciden optar pola segunda opción porque, segundo a DX, é na última proba do concurso-oposición onde realmente se amosa a capacidade para resolver incidencias habituais que se dan nos centros. Ademais, neste procedemento considérase un mérito o feito de ter superado probas do concurso-oposición á Inspección.
Finalmente intervén o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos indicando que a Administración ten a capacidade de regular e que, como tal, manteñen o borrador de resolución e que informarán ás organizacións sindicais antes da publicación para que poidamos facer aportacións se así se considera oportuno.
ROGOS E PREGUNTAS
Asuntos varios
- Reclamamos que TODAS as interinidades de vacantes MEGA teñan data de remate o 31 de agosto.
AS PRAZAS MEGA NON RESPONDEN A PRAZAS ESTRUTURAIS, SENÓN QUE SON PARA REFORZAR A ATENCIÓN Á DIVERSIDADE. ADEMAIS, DEIXÓUSELLES AOS CENTROS AUTONOMÍA Á HORA DE SOLICITAR PROFESORADO DAS ESPECIALIDADES QUE MELLOR LLES CUBRÍA AS NECESIDADES
- Denunciamos a escaseza de datas para as revisións médicas da campaña de vixiancia da saúde para persoal dos centros educativos públicos, xa que nalgunha provincia só quedan datas en maio e xuño, a oito e nove meses vista e case dous anos desde o último recoñecemento. Nalgunha provincia, como no caso de Pontevedra, desde a semana pasada xa non había ocos dispoñibles, algo que consideramos intolerable polo que esiximos que se habiliten máis datas para poder realizala.
HAI UN GRAN INCREMENTO DE SOLICITUDES DE RECOÑECEMENTO MÉDICO (MÁIS DE 2 000 PETICIÓNS A MAIORES DAS DO ANO PASADO). ESTASE TRABALLANDO COA EMPRESA ADXUDICATARIA PARA HABILITAR NOVAS CITAS CO FIN DE QUE NON QUEDE NINGUNHA PERSOA TRABALLADORA SEN REALIZAR A REVISIÓN
- Solicitamos a convocatoria urxente do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral, para que se nos proporcionen datos e resultados da Enquisa de Riscos Psicosociais que se proporcionou en maio ao persoal dos centros educativos. Recordamos que, grazas á denuncia presentada por CCOO Ensino en 2020 diante da Inspección de Traballo, é preceptiva a súa reunión polo menos unha vez por trimestre e xa hai case un ano da última reunión ordinaria.
- Solicitamos información sobre cando ten previsto a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convocar ás organizacións sindicais para a nova reunión da Comisión Negociadora do Plan de Igualdade da Consellería de Educación.
REANUDARASE O PROCEDEMENTO EN CANTO SE TEÑAN TODOS OS DATOS
- Denunciamos a situación vivida por aspirantes que non foron seleccionados/as para realizar Licenzas por Formación no curso 2024/25, que se lles deu cita para asistir a unha revisión dos seus proxectos nas últimas semanas no CAFI. Alí non había ningún asesor/a que lles explicase que aspectos podían mellorar do mesmo, soamente unha persoa de persoal administrativo que lles ensinou as cualificacións da rúbrica sen ningunha explicación e non podendo facer ningunha copia. É dicir, de todo menos unha revisión.
- Esiximos novamente, como xa fixemos en multiples ocasións nesta Mesa, que se recoñezan as aulas hopitalarias como postos de especial dificultade. O persoal destinado nelas atende a alumnado desde os 4 aos 16 anos , en condicións análogas a unha unitaria, pero non ven recoñecida a súa labor a efectos administrativos. Tampouco poden acceder a cargos como titorías, dinamizacións ou coordinacións polo que ademais de non ver recoñecida a súa actividade enfróntanse a unha eiva en canto a participación en diferentes concursos, como o concurso de traslados.
- Volvemos a instar a que a Consellería recoñeza ao persoal substituto o dereito a percibir complememto por exercer cargos como xefe de departamento, normalización lingüistica, etc, ademais da puntuación correspondente, como xa dixemos anteriormente para o concurso de traslados. A situación é verdadeiramente flagrante en caso de coordinacións que teñen que realizar sí ou si a persoa substituta, como as xefaturas de departamento unipersoal ou as xefaturas de departamento de orientación.
- Ao estar próxima a negociación dos orzamentos autonómicos, esiximos novamente á Consellería que cumpra coa base 19 do Acordo de interinos que recolle o dereito do persoal substituto que leve cinco meses e medio de servizos a “cobrar o verán”, recollido a instancia de CCOO no último texto refundido do Acordo publicado por Resolución de 2 de maio de 2023.
- Demandamos a apertura urxente de listas de determinadas especialidades:
- Grego
- Latín
- Portugués
- Equipos Electrónicos
- Hostelería e Turismo
- Informática
- Instalación e mantemento de equipos térmicos e fluídos
- Oficina de proxectos de construción
- Organización e proxectos de fabricación mecánica
- Sistemas e Aplicacións Informáticas
- Sistemas Electrónicos
- Instalacións Electrotécnicas
- Sistemas Electrotécnicos e Automáticos do corpo de PES ou
- Mecanizado e Mantemento de Máquinas
- Soldadura
- Gran parte das especialidades de catedráticos e profesores de música e artes escénicas.
Nalgunhas destas especialidades hai vacantes sen cubrir dende setembro, no caso da especialidade de Informática. Consta unha substitución que se prevé longa dende o 9 de setembro, con todas as implicacións que ten isto para un centro.
NOS PRÓXIMOS DÍAS COMUNICARÁN AS LISTAXES QUE SE VAN ABRIR, XA QUE ESTÁN PENDENTES NALGUNHA DELAS DAS TITULACIÓNS QUE PERMITIRÁN O ACCESO