Toda a información da Comisión Tripartita da concertada do 15 de novembro de 2024

Tras a reunión da Comisión Tripartita de Ensino Privado Concertado de Galicia mantida o pasado venres, día 15, na que se abordaron tres cuestións fundamentais que afectan moi directamente ás persoas traballadoras do ensino concertado de Galicia, dende CCOO facemos unha valoración crítica coa Dirección Xeral de Centros e RRHH da Consellería de Educación, fundamentalmente polo xa habitual inmobilismo e a escasa consideración aos que nos ten acostumados.


Como única nova positiva recollemos a actualización salarial, froito do acordo asinado por CCOO no ámbito estatal, con efectos do 1 de xaneiro de 2024: as contías de pagamento delegado do persoal docente dos centros concertados increméntanse un 2 % con respecto ás vixentes o 31 de decembro de 2023. Deste xeito, a nómina de novembro xa se verá incrementada nun 2 % e os atrasos de xaneiro a outubro serán aboados no mes de decembro.

O resto de temas desta Comisión non deixan lugar a dúbidas acerca da posición que a Consellería vén mantendo dende o ano 2012, unha vez máis, e xa son doce exercicios: a Lei de orzamentos de Galicia recolle no seu artigo 57 o bloqueo da paga de antigüidade (PEA). Este bloqueo explícito só sucede en Galicia, e dende CCOO vimos reclamando con insistencia cada ano unha solución. Algunhas das CCAA optaron por substituír a PEA polo pagamento de sexenios como fórmula alternativa, pero a nosa Consellería continúa ignorando ano tras ano o colectivo de docentes da concertada. En todo caso, é conveniente facer memoria: esta situación vén derivada da modificación do convenio colectivo no que as patronais, co amparo dos sindicatos afíns, asociaron o pagamento da PEA a orzamentos da Administración pública; de feito, recordemos que o PAS si cobra a PEA ao non estar en pagamento delegado. Tampouco están polo labor de eliminar a disposición adicional doce, na que se bloquea o pagamento de 45 euros relativos ao acordo asinado con esta Consellería no 2008.

Con respecto ao Acordo de Xubilación Parcial, a Dirección Xeral ofreceu unha exigua información. Segundo as estimacións oficiais, contará con algo máis de cinco millóns de euros. Este curso beneficia a 61 docentes de toda Galicia. A patronal amosouse disposta a asumir os gastos derivados das horas fóra de concerto dos docentes que imparten horas en bacharelato, pero a Consellería mantense firme en excluír do acordo este colectivo, tal e como manifestou no momento da negociación ao rexeitar as emendas oportunas para solucionar esta cuestión.

Por último, puidemos contrastar e constatar unha información relevante acerca da CDD (Competencia Dixital Docente), cuestión que neste curso suscita inquedanza entre as persoas traballadoras da concertada. Temos constancia de que dende as direccións de moitos centros se traslada aos cadros docentes que é de obrigado cumprimento realizar os cursos que capaciten para a obtención desta competencia, nalgúns casos coa ameaza explícita do risco de perder o concerto educativo. Pois ben, interpelada a Dirección Xeral a instancias de CCOO, esta respondeu con claridade que non é obrigatorio para o exercicio da docencia obter esa CDD, en ningún caso, nin se se espera que o sexa no futuro.