O 21 de xuño de 2024 tivo lugar a xuntanza da Comisión de Persoal Ordinaria na que se trataron os seguintes puntos da orde do día:
Proposta de anteproxecto de Orde pola que se modifica o Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.
A modificación proposta consiste no seguinte:
- Engadir a escala técnica de mantemento de servizos e a escala técnica de recursos naturais e forestais para a funcionarización de determinadas categorías do grupo III.
- Corrixir a denominación da equivalencia das categorías V10B e V10C para adaptala ao recollido no cadro 4.bis da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
- Permitir que o persoal da categoría 99 (coidador/a a extinguir) do grupo III e da categoría 04 do grupo IV (auxiliar fogar..) que dispoña da titulación habilitante para o acceso á escala de auxiliares de clínica, poida optar pola súa funcionarización na escala auxiliar de coidadores ou a escala de auxiliares de clínica do subgrupo C2.
Non temos nada que obxectar ás dúas primeiras modificacións, pero non podemos compartir a terceira. E non podemos compartila porque esta proposta supón unha fuxida cara adiante por parte da Administración que se desentende do problema principal que é que a funcionarización desta categoría ten que ter unha equivalencia co Subgrupo C1 e non co C2 como pretende a Administración. A proposta da Dirección Xeral de Emprego Público non só non resolve o problema principal, senón que se limita a pór un parche que lle pode arranxar un problema á Administración pero non ás traballadoras afectadas, e ademais a posibilidade ofrecida non é recíproca.
Por outra banda CCOO entende que habería que incluír unha nova equivalencia no Decreto que sería a de IV-31 (legoeiro/a) a Axentes de Estradas (C2) xa que a escala foi creada na Lei de Emprego Público de Galicia precisamente a petición de CCOO para poder funcionarizar a todas aquelas persoas da categoría IV-31 que non puideron participar no proceso de promoción interna específica da AXI á Escala de Axentes de Inspección (C1) por carecer do requisito de titulación e manter aberta unha promoción aberta entre as dúas escalas a futuro.
Por todos estes motivos o sentido do noso voto foi ABSTENCIÓN.
Modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo administrativo da administración xeral (Subgrupo C1), corpo de técnicos de carácter facultativo de administración especial (Grupo B) e no corpo de axudantes de carácter facultativo da administración especial (subgrupo C1); no corpo auxiliar da administración xeral (subgrupo C2) e no corpo de auxiliares de carácter técnico da administración especial (subgrupo C2), da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Este punto foi retirado da orde do día para darlle máis tempo á negociación e corrixir determinadas eivas que traía a proposta da administración (fundamentalmente a presenza de demasiados complementos de funcionarización en relación a outras RPTS de funcionarización anteriormente aprobadas).
Proposta de modificación da RPT da extinta consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
O sentido do voto de CCOO foi EN CONTRA. Aínda que esta RPT crea novas prazas necesarias para as persoas que superaron os diferentes procesos selectivos faino a costa de amortizar prazas do subgrupo A2.
Estamos a falar de prazas da administración especial, non da xeral: hai moi poucas prazas, do subgrupo A2 en toda Galicia e coa amortización destas tres prazas , as posibilidades de mobilidade e de promoción profesional redúcense ata case desaparecer. O mesmo pasa coa posible promoción do C1 ao A2… creouse a nova escala do C1 de arquivos pero non vai haber prazas que ofertarlles en promoción.
Proposta de modificación da RPT da Axencia Tributaria de Galicia.
O sentido do voto de CCOO foi A FAVOR. Trala mesa de negociación previa entre a ATRIGA e os sindicatos, reconsiderouse a proposta inicial de modificar a forma de provisión, de un dos postos de nivel 28, adscritos aos servizos centrais da ATRIGA, pretendíase cambiar a forma de provisión de CE A LD. Recóllense así parte das alegacións achegadas por esta organización sindical.
Rogos e preguntas
- Previsión datas exames acceso libre e promoción interna
Ante a incógnita dos últimos días e tras desaparecer da web da Xunta o cronograma coas datas dos procesos, na xuntanza de hoxe a directora xeral de emprego publico e administración de persoal (DXEPAP) manifestou que porían todos os medios necesarios para manter as datas previstas ata agora e xa anunciadas en decembro de 2023.
- Toma de posesión como funcionarios dos laborais fixos que participaron nos procesos de promoción específica do persoal laboral
Primeiro hai que funcionarizar os postos e ir rematando cos demais procesos de funcionarización en marcha.
- Toma de posesión enxeñeiros de montes e técnicos forestais
Están analizando os postos? A relación de aspirantes aprobados saíu en setembro do 23.
- Sinatura e publicación do Acordo de condicións de traballo do persoal do SPIF
Non houbo resposta.
- Erros no FIDES (ex. documentación que foi validada no seu momento e agora aparece sen validar)
O FIDES é unha ferramenta nova e é normal que poida dar erros. Cando se detectan tratan de resolvelos o máis axiña posible.
- RPT do Consorcio
Están traballando nela.
- Convocatoria da Comisión de Seguimento do Acordo de Política Social
Están traballando nos criterios e convocarán o antes posible
- Concurso de consumo, arquitectos técnicos e axentes medioambientais
Respecto ao de consumo, que están revisando as solicitudes. Dos outros, sen resposta.