Toda a información sobre a reunión de constitución da comisión negociadora do plan de igualdade

Dende CCOO Ensino aplaudimos que, tras solicitar sistematicamente nas mesas sectoriais dos últimos anos o inicio da negociación do plan de igualdade de persoal docente da Consellería de Educación, esta se decidira por fin a constituír a comisión negociadora.

Iso si, chegamos demasiado tarde. A obriga de que as Administracións públicas conten cun plan de igualdade recollíase xa na disposición adicional sétima do Real decreto lexislativo 5/2015 polo que se aproba o Estatuto Básico do Empregado Público, e xa antes no artigo 64 da Lei orgánica 3/2007 de igualdade de trato para homes e mulleres.

Sobre o borrador do documento que nos proporciona a Administración, temos que empezar dicindo que sería máis axeitado falar de «plan de igualdade» que de «plan de igualdade de oportunidades». (ACEPTADO)

CCOO Ensino realizou alegacións en canto ás funcións da Comisión Negociadora, nas materias obxecto de negociación e nos contidos do Plan de Igualdade para adecuar todos estes apartados aos reais decretos 901/2020 e 902/2020. Estas alegacións quedaron pendentes de aprobación de cara a unha futura reunión.

Finalmente, no relativo ao prazo para convocar sesións ordinarias, este debería ser máis amplo ca os cinco días que se inclúen no borrador. Polo menos, sete días e sempre de forma acordada entre Administración e parte sindical. (ACEPTADO)

Dende CCOO Ensino solicitamos que tras esta primeira reunión de constitución, esta comisión comece os seus traballos á maior brevidade posible e acometa a recopilación de datos para a elaboración do diagnóstico de partida. Seremos convocados a inicios do curso 24/25 para a seguinte reunión de análise dos datos e elaboración do diagnóstico de partida.

Documentación relacionada:

Primeiro borrador do Regulamento da Comisión Negociadora do Plan de Igualdade