Toda a información da xuntanza coa Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación

O día 20 de xuño de 2024 celebrouse, a petición de CCOO unha xuntanza coa Secretaría Xeral Técnica (SXT) da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, para a mais de saudar ao secretario e desexarlle acertos nesta nova andaina, trasladarlle as distintas propostas que xa temos exposto anteriormente, así como algunhas novas, que afectan aos distintos colectivos desa Consellería. As cuestións tratadas foron:

1. Apertura mesa negociación persoal non docente

Neste punto formulamos as seguintes cuestións:

  • Renovar o acordo do persoal funcionario non docente que data do ano 2008.
  • Negociar unha profunda modificación da RPT da Consellería e a súa actualización.
  • Negociar un acordo para o persoal laboral funcionarizado sobre a seguinte base:
  • Reclasificación do persoal de cociña (para non perder calidade na prestación do servizo).
  • Reducir os rateos do persoal de limpeza, moi por encima do que se esixe incluso no ámbito privado.
  • Resolver a problemática do persoal Coidador (categoría III-99).

2. Persoal GAIN

Ademais de recordar todo o histórico arredor deste colectivo e a plena vixencia do Acordo subscrito, centrámonos en dúas cuestións:

  • Transmitir a inquedanza por parte do persoal de Gain respecto da situación creada cos decretos de estrutura.
  • Defender a aplicación do Acordo de integración/funcionarización para todo o persoal a estabilizarse de Gain.

A resposta dos responsables da Consellería, en síntese, foi:

  • Están negociando os acordos de traspaso con Economía e Industria.
  • Un requisito fundamental de obrigado cumprimento que puxo enriba da mesa dende o inicio Educación é o seguinte: nos acordos de traspaso debe quedar claro que o acordo de integración/funcionarización debe aplicarse a todo o persoal que está no proceso de estabilización de Gain e debe aplicárselle en toda a súa extensión a todo o persoal.
  • Transmitiunos que Economía e Industria, tal como se nos trasladou na xuntanza que tivemos co seu secretario xeral técnico o día 10 de xuño, aceptou completamente este requisito e o mesmo forma parte dos borradores nos que están traballando.
  • Para Educación é imprescindible que se respecten todos os dereitos e acordos de aplicación para todo o persoal que está estabilizándose en Gain. É un compromiso de Educación que así quedará plasmado por escrito nos acordos de traspaso.
  • Esperan ter rematados os acordos de traspaso entre finais deste mes e comezos do que vén a máis tardar.
  • A visión de Educación é que a estabilización debería facerse integramente por parte de Gain, e unha vez completada a estabilización despois xa se deberían lanzar primeiramente o proceso de integración (como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia) e despois o de funcionarización. Eles consideran que o mellor sería facer estes pasos como procesos comúns para todo o persoal que está estabilizándose en Gain, con independencia de que algún persoal nese momento xa estea a prestar servizo en Economía e Industria. O proceso exacto de como se vai a facer é algo que aínda non está acordado e no que ademais ten que formar parte a Dirección Xeral de Emprego Público.

En relación ao anterior, desde CCOO:

  • Pedímoslle, ao igual que na outra xuntanza, garantía por escrito deses compromisos. O secretario xeral díxonos que os acordos de traspaso son documentos internos da Xunta, pero que á vista da nosa insistencia verían con Economía e Industria e tamén con Emprego Público que fórmula empregar para facelos públicos: cunha xuntanza das dúas Consellerías coas organizacións sindicais, ou a través da mesa xeral de empregados públicos de Emprego Público coas organizacións sindicais, ou a fórmula vexan como máis axeitada. Tamén se comprometeu a que o persoal de Gain recibirá os acordos de traspaso e nos mesmos figurarán explicitamente os compromisos que nos indicou.
  • Recordámoslles que os prazos do Acordo de integración/funcionarización estanse incumprindo por parte da Administración, refrescámosllelos para que fosen conscientes deles. O secretario xeral técnico preguntounos en que punto se estaba na estabilización e comprometeuse a ver de que xeito podía axilizar prazos para remate de estabilización, posterior integración e funcionarización.

A sensación que se percibía na xuntanza é que na Secretaría Xeral Técnica de Educación están nun contacto moi fluído coa Dirección de Gain e que están a traballar conxuntamente para minimizar o impacto dos decretos de estrutura no persoal de Gain.

Como nesta xuntanza tratábase dunha presentación de cortesía, para continuar mantendo unha boa interlocución co secretario xeral, a exposición de algúns temas concretos, non exclúe en absoluto abordar no futuro, a problemática que poidan ter outros colectivos desta mesma Consellería, aos que lle dedicaremos os mesmos esforzos para trasladar as súas reivindicacións e convertelas en acordos positivos.