Desde CCOO rexeitamos a creación dunha nova universidade privada en Galicia e lamentamos o apoio da alcaldesa da Coruña a esta iniciativa. Para Comisións Obreiras, a postura de Inés Rey é incoherente coa liña política expresada polo seu partido á fronte do Goberno de España, que aposta por limitar estas institucións.
O pasado 30 de abril, a rexedora participou nun acto institucional no Pazo de María Pita para dar a benvida aos impulsores do novo centro universitario, promovido por Cesuga baixo o nome de Universidade Emilia Pardo Bazán. O propio Concello emitiu convites para unha «recepción oficial» que, na práctica, foi un acto público de apoio, con xantar incluído no propio pazo.
Consideramos especialmente grave que a alcaldesa empregue os recursos e o prestixio institucional do Concello da Coruña para impulsar un proxecto empresarial privado, en detrimento das universidades públicas que vertebran o sistema educativo galego.
Lembramos que Galicia conta con tres universidades públicas que reiteradamente reclaman un mellor financiamento para realizaren axeitadamente o seu labor docente e investigador. En lugar de pedir o reforzamento do sistema público, o Concello da Coruña está alentando un modelo universitario onde habería tres institucións públicas e dúas privadas.
Polo tanto, a actuación da alcaldesa non só é contraditoria coa liña do seu propio partido no Goberno central, senón que resulta indecente por canto implica poñer unha institución pública ao servizo de intereses mercantís, en lugar de defender o ben común e o dereito a unha educación superior pública, de calidade e accesible.
Por outra banda, CCOO sinala que un centro privado non pode considerarse un «proxecto de cidade», como proclamou a rexedora. Primeiro, porque a educación superior non pode entenderse como un produto máis do mercado. Segundo, porque a Universidade da Coruña trascende o límite municipal: é unha institución con preto de 14.000 alumnas e alumnos que estudan nunha vintena de centros, repartidos entre os campus da Coruña e de Ferrol.
As institucións públicas teñen o deber de defender o ensino público como garante da igualdade de oportunidades, non de amparar iniciativas que responden a intereses empresariais.
Desde CCOO apoiamos endurecer os criterios
A nivel estatal, en CCOO apoiamos a decisión do Goberno de España de endurecer os requisitos para a creación de novas universidades privadas. Esta medida busca garantir a calidade académica e evitar a proliferación de centros que priorizan o beneficio económico sobre a excelencia educativa. Inclúe obrigas como contar cun mínimo de alumnado e de titulacións, así como unha capacidade de aloxamento equivalente ao 10% das prazas ofertadas.
CCOO consideramos que estas medidas son necesarias para evitar a creación de «chiringuitos educativos» que comprometen a calidade do sistema universitario español. Destacamos que, nos últimos anos, houbo unha proliferación de universidades privadas autorizadas por gobernos autonómicos sen cumprir os requisitos mínimos de calidade, o que afecta negativamente á reputación das titulacións e ao prestixio das institucións académicas.
