Na xuntanza, CCOO reiterámoslle á plataforma cidadá o noso apoio á manifestación convocada para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, baixo o lema «Lingua vital, xa!».
Na reunión participaron, por parte de CCOO, Xesús Castro, secretario de Institucional do Sindicato Nacional de Galicia e Ero Sante, secretario de Comunicación da Federación de Ensino. Por parte de Queremos Galego, o seu portavoz, Marcos Maceira, e a activista Sara Seco.
Durante o encontro, ambas as dúas organizacións coincidimos na necesidade de redobrar os esforzos na defensa da lingua galega, especialmente no ámbito educativo. Desde CCOO trasladamos o noso apoio explícito á mobilización, igual que fixemos coa do pasado mes de febreiro, e faremos un chamamento á nosa afiliación para participar.
A reunión tamén serviu para intercambiar análises sobre a situación actual da lingua, marcada —segundo sinalaron— por unha política institucional insuficiente e por retrocesos no uso do galego en contornas chave. Tanto CCOO como Queremos Galego apelamos á mobilización social como ferramenta fundamental para garantir o futuro da lingua.
Saída ás 12 horas da Alameda compostelá
A manifestación terá lugar o venres 17 de maio, con saída ás 12:00 horas da Alameda de Santiago de Compostela. Na páxina web de Queremos Galego facilítase máis información, así como materiais de apoio e difusión desta convocatoria.
