Reunións cos distintos grupos parlamentarios

As organizacións sindicais asinantes do “Acordo sobre medidas que melloran o sistema educativo e as condicións laborais” reunímonos cos distintos grupos parlamentarios.

O pasado 22 de xaneiro de 2024, reunímonos as tres organizacións sindicais asinantes do acordo, CCOO, ANPE e UGT-SP, cos diferentes grupos políticos do Parlamento de Galicia (PP, PSOE e BNG) para dar traslado da necesidade de desenvolvemento de dito acordo para acadar a recuperación total dos dereitos perdidos dos traballadores e traballadoras do ensino.

En cada xuntanza, explicamos aos representantes de cada grupo parlamentario os tres puntos básicos e fundamentais para o profesorado galego:

  • A redución das RATIOS, que comezan a aplicarse este mesmo curso nos procesos de admisión. En 4º de Educación Infantil a ratio será de 20 alumnos/as, e no resto dos niveis de Educación Infantil e Primaria non se ofertarán novas prazas nas aulas que teñan entre 20 e 25 alumnos/as na actualidade. E nas aulas que neste curso teñan unha ratio inferior a 20, ofertaranse prazas ata un máximo de 20. Deixamos constancia de que o resto de etapas, como Educación Secundaria, teñen que negociarse con anterioridade á implantación do calendario en Educación Primaria, tal e como está plasmado no Acordo.
  • Para o tema da CARGA HORARIA, aclaramos que este é un camiño cara a recuperación dos dereitos que tiñamos, é dicir, 18 horas lectivas en Secundaria e 21 en Primaria. Despois de acordar coa Dirección Xeral de Función Pública a autorización dunha apertura de negociación da adecuación do horario efectivo.
  • No último piar do Acordo, a BUROCRACIA, pedimos que se siga avanzando neste senso; contando con descontos horarios para o persoal docente que teña que desenvolver aquelas tarefas burocráticas obrigatorias e necesarias, que non poidan ser simplificadas ou racionalizadas, para, así, asegurar, un bo funcionamento dos centros educativos.

Todos os grupos parlamentarios coincidiron en que o Acordo era o punto de partida para seguir avanzando na negociación da recuperación das condicións laborais do persoal docente (ratios no resto de etapas, a recuperación do horario lectivo previo á crise, etc).

Para continuar avanzando no desenvolvemento do Acordo precisamos que todas e todos os implicados rememos cara a mesma dirección, que non é outra que a recuperación plena dos dereitos das e dos docentes galegas/os.