Día Escolar da Non Violencia e a Paz

Hoxe, como cada 30 de xaneiro, celebramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, co fin de fomentar nos centros educativos valores como a tolerancia, o entendemento e o respecto mutuo entre persoas, sexa cal sexa a súa procedencia e a súa forma de pensar.

Neste día no que os centros educativos se comprometen como defensores da paz e o entendemento entre as persoas, conmemórase a morte de Mahatma Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte a inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

Actualmente son moitos os conflitos de todo tipo que hai no mundo. As nenas e nenos vense expostos constantemente a información de todo tipo que reflicte unha realidade cada vez máis violenta. Doutra banda, comportamentos como o bullying nas escolas, o ciberacoso ou o maltrato ás persoas máis débiles xeran inseguridade emocional, baixa autoestima e en casos extremos, suicidio en nenas e nenos ou adolescentes por non dispor das ferramentas psicoafectivas axeitadas para afrontar esas situacións.

Coa celebración desta efeméride preténdese inculcar e afianzar valores nas e nos escolares co obxectivo de formar mulleres e homes que prefiran falar en lugar de golpear, conciliar en vez de gritar e unirse en oposición a competir ferozmente unhas persoas contra outras. Isto é o que se coñece como cultura de paz.