Reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral

Onte, 24 de abril de 2025, participamos dende CCOO Ensino nunha nova reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional cos seguintes puntos da orde do día:

Vixilancia da saúde e epidemioloxía:

  • En canto a este punto, temos que criticar que na campaña de vixilancia da saúde deste curso para persoal docente e non docente a escaseza de datas dispoñibles para as revisións médicas nalgunha provincia para conseguir data para a revisión médica (ex: Pontevedra).
    RECOÑECEN QUE CO INCREMENTO DE DEMANDA COA DIFUSIÓN DA CAMPAÑA TIVERON PROBLEMAS COA DISPOÑIBILIDADE DE CITAS QUE SE RESOLVERON POSTERIORMENTE, DE FORMA QUE NINGUNHA PERSOA QUE QUIXO SOLICITAR A CITA NON A CONSEGUIU.
  • Tamén temos que reclamar que en seguintes campañas o prazo sexa máis amplo, xa que só dura 20 días hábiles cando o resto do persoal laboral e funcionario da Xunta de Galicia ten un mes de prazo.
    ESTUDARÁN A AMPLIACIÓN DE PRAZO PARA FUTURAS CAMPAÑAS.
  • Para incrementar a difusión, solicitamos de novo que se difunda dende a propia Consellería por correo electrónico e non soamente a través da dirección do centro.
    VAN ESTUDIALO PERO VEN PROBLEMAS TÉCNICOS PARA QUE CHEGUE Á TOTALIDADE DO PERSOAL. PREFIREN QUE SE REALIZE A PARTIR DA DIRECCIÓN DO CENTRO.

Sinistralidade. Informes AT e EF:

  • Temos que destacar que contrasta moito a diferenza entre os datos dos informes relativos a persoal interino e laboral fronte á pobreza de datos estatísticos relativos a persoal de MUFACE (funcionarios de carreira e prácticas), xa que soamente recolle tipoloxía de accidente, tipo de centro e sexo.
    Parece escaso o número de accidentes de traballo rexistrados: 115 en 2024 para persoal docente funcionario de carreira ou prácticas e arredor de 140 para persoal non docente e interino para un cadro de persoal de CASE 40.000 traballadores/as. A clave para nós é a difusión. Moitos traballadores/as, por non dicir que moitos equipos directivos, descoñecen como tramitar un accidente laboral, polo que pedimos ao comité que faga unha campaña de difusión aos centros de como se debe actuar en caso de accidente laboral (con infografías explicativas) para cada tipo de persoal.
    ESTUDARÁN MELLORAR A DIFUSIÓN.

Formación en materia de PRL:

  • En canto á formación, solicitamos dende CCOO que haxa unha oferta ampla, variada, adaptada ao diferente tipo de persoal (docente e non docente), que sexa homologada en todos os casos, e desta forma puntuable para sexenios, concurso de traslados e oposicións, para así facela máis atractiva.
    A inmensa maioría de actividades de formación impartidas pola propia Consellería para persoal docente son Plans de Formación Permanente do Profesorado levados a cabo polos propios centros educativos baixo a modalidade de cursos ou grupos de traballo.
    Por outro lado, os cursos levados a cabo polo servizo de prevención alleo (Cualtis na maioría dos casos) son de escasa duración, só 3 horas, o que impide que poidan estar homologadas tales actividades por incumprir os mínimos que recolle a Orde do 14 de maio de 2013. Solicitamos que se oferten cursos de duración que permita a súa homologación, mínimo 8 horas, e que se estableza un convenio de colaboración coas entidades que as imparten para poder así fixar a súa homologación.
    Debe mellorarse, como no caso da campaña de vixilancia da saúde ou de accidentes de traballo, a difusión aos traballadores/as a través de correo electrónico, xa que en moitas ocasións a dirección do centro non avisa aos traballadores de tal oferta nin dos prazos.
    A CONSELLERÍA ESTÁ A TRABALLAR PARA QUE O SERVIZO DE PREVENCIÓN ALLEO TEÑA UN CONVENIO CON CUALTIS PARA QUE A FORMACIÓN SEXA HOMOLOGADA.

Memoria e Programación da avaliación de riscos:

  • Valoramos positivamente dende CCOO a realización das pertinentes avaliacións de riscos na totalidade dos centros educativos e que remataron o curso pasado. Aínda que hai que recordar que tal proceso comezou cunha denuncia interposta en 2020 por CCOO na Inspección de Traballo, que culminou cunha resolución da Inspección de traballo en xaneiro de 2021, na que obrigaba a Consellería a empezar tal avaliación en cada un dos centros educativos, a informar de tal planificación á representación legal dos traballadores/as e a reunir este Comité como mínimo unha vez ao trimestre.
    Este último punto segue a ser incumprido pola Administración de forma flagrante, xa que a última xuntanza foi en outubro de 2023. Hai ano e medio.
  • Estamos conformes con que se vaian realizando cada curso novas avaliacións de riscos nos centros educativos. Parécenos un proceso demasiado lento, 100/120 centros ao ano, xa que desta forma tardaríase ata 10 anos en completar unha nova avaliación de riscos; o proceso debería ser máis áxil. De forma análoga, pedimos que se efectúe avaliación de riscos psicosociais nos centros educativos, xa que da enquisa de avaliación de riscos psicosociais realizada hai case un ano, non temos noticias aínda dos seus resultados.
    CONTESTAN QUE O PROCESO DE AVALIACIÓN É UN PROCESO ABERTO ÁS APORTACIÓNS DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS.

Rolda final de intervencións:

  • Solicitamos que, tras a constitución do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da provincia da Coruña, a Administración constitúa canto antes os comités provinciais que aínda non o fixeron, nomeadamente Lugo e Pontevedra, xa que o de Ourense leva funcionando varios anos.
    Dende CCOO solicitamos que se nos proporcionen, como deciamos no anterior punto da orde do día, os resultados da enquisa de avaliación de riscos psicosociais realizada en maio de 2024.
    OS RESULTADOS DESTA ENQUISA, SEGUNDO A CONSELLERÍA, NON PODEN SER VÁLIDOS POLA ESCASA PARTICIPACIÓN.
    NAS NOVAS AVALIACIÓNS VAISE FACER PRETEST AO PROFESORADO E PERSOAL NON DOCENTE DE AVALIACIÓN DE RISCOS PSICOSOCIAIS.
  • Dende CCOO esiximos a realización de medicións, ou, se se realizaron tales medicións, que nos pasen os resultados das mesmas, en todos os centros educativos ubicados en concellos de actuación prioritaria fronte ao radón, xa obrigatorias por lei dende o ano pasado. Precisamente o CSN acaba de publicar este mes de abril a nova lista de concellos de actuación prioritaria, pendente de publicación no BOE. Polo que é o momento de realizalo. En caso de telas realizadas, solicitamos as medidas de mitigación que se tomaron en cada centro, xa que nos centros educativos hai persoas vulnerables e de especial risco como menores de idade, mulleres embarazadas, etc. Poderíanse aproveitar as avaliacións de riscos que se vaian facendo nos centros para empezar a realizar esas medicións, en caso de que non estean realizadas. ESTÁN ESPERANDO A QUE SE PUBLIQUE NO BOE A INSTRUCIÓN DO CONSELLO DE SEGURIDADE NUCLEAR. NESE MOMENTO REUNIRANNOS PARA INFORMARNOS DAS MEDIDAS QUE ADOPTARÁN.
  • Volvemos denunciar que o proceso de solicitude de licenza por risco durante o embarazo é demasiado longo e restritivo, xa que tarda mínimo entre tres e catro semanas en ser tramitado, e durante o proceso a interesada non pode estar de baixa, cando en moitas ocasións limítase a unha chamada por parte do servizo de prevención alleo á dirección do centro. Por experiencia, no caso de persoal docente, só están a recoñecer como “non aptas” ao persoal docente que traballe en centros específicos de educación especial.
    CONTESTAN QUE ESTÁN A TRABALLAR CO SERVIZO DE PREVENCIÓN ALLEO PARA QUE A PERSOA POIDA ESTAR DE BAIXA DURANTE O TRÁMITE DE SOLICITUDE DE LICENZA POR RISCO DURANTE O EMBARAZO.
  • Demandamos información sobre o estado de centros que poden poñer en risco a seguridade de alumnado e profesorado, nomeadamente o CEIP Plurilingüe da Pontenova e o CEIP Celso Emilio Ferreiro (Vigo), e solicitamos que se faga a avaliación de riscos nestes centros de novo tendo en conta o seu estado actual.
    TOMAN NOTA E REVISARÁN PARA FACELO.
  • Volvemos esixir que se respecte a temporalización das reunións por trimestre como instou a Inspección de Traballo na súa resolución de xaneiro de 2021.
    RECOÑECEN QUE TIVERON ATRASOS NA CONVOCATORIA DESTA REUNIÓN E TENTARÁN CONVOCALA UNHA VEZ POR TRIMESTRE.