26 de abril, Día da Visibilidade Lesbia

Traballadoras. Lesbianas. Visibles.

CCOO reivindica a visibilidade lesbia, unha sociedade libre de discriminacións e ambientes laborais seguros onde tamén as mulleres lesbianas poidan manifestarse e exercer os seus dereitos con total liberdade, para o que é fundamental introducir as medidas LGTBI+ nos convenios colectivos.

Muller e lesbiana. Orgullo e visibilidade. É moito o camiño percorrido tanto en termos normativos como sociais e sindicais. Polo tanto, este 26 de abril, Día da Visibilidade Lesbia, en CCOO oufanámonos de sermos Traballadoras, Lesbianas e Visibles, e reclamamos a ocupación plena e visible dos nosos espazos. Ao tempo, e malia os avances, cómpre recoñecer que este binomio segue sendo en moitos casos sinónimo de dobre discriminación, de situacións de acoso, de medo e de renuncia para moitas compañeiras.

Moitas seguen a sufrir agresións nas rúas. Moitas séguense topando con trabas burocráticas. Moitas séntense discriminadas. Moitas son discriminadas no traballo.

Segundo o informe Estado del Odio. Estado LGTBI+ 2024, da FELGTBI+, o 38 % das lesbianas foron vítimas dalgún acto de acoso nos últimos cinco anos. De feito, son o segundo colectivo que sofre máis actos de odio por detrás das persoas trans. E a actual campaña internacional en contra da diversidade e a súa expresión só vén empeorar esta situación.

No ámbito laboral, CCOO consideramos fundamental impulsar a negociación das medidas LGTBI+ derivadas da Lei 4/2023 para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI e, en concreto, do recente Real decreto 1026/2024. Para iso, as persoas negociadoras contan coa Guía para no perderse en el Real Decreto 1026/2024 por el que se desarrolla el conjunto planificado de las medidas para la igualdad y no discriminación de las personas LGTBI en las empresas, editada pola Secretaría Confederal de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo de CCOO.

«En CCOO estamos comprometidas nesta tarefa. É fundamental levar á negociación colectiva estas medidas para evitar discriminacións, así como é fundamental a negociación de protocolos contra o acoso ás persoas LGTBI+», declara Carolina Vidal, secretaria confederal de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo de CCOO.

Finalmente, CCOO considera fundamental e urxente a aprobación dun Pacto Estatal contra los Discursos de Odio hacia los grupos en situación de vulnerabilidad e o desenvolvemento da Estratexia Estatal para a Igualdade de trato e non discriminación das persoas LGTBI+. «Precisamente agora máis ca nunca é o momento de dar un paso á fronte para protexer a todas as persoas do colectivo, esperamos que as dereitas non se deixen levar polas retóricas do odio e o medo dos ultras, e que esta estratexia poida ser aprobada e as medidas desenvolvidas en todos os territorios do Estado».