Resolución do Consello Federal de FECCOO en apoio á loita do 8M

O 8 de marzo celebramos os dereitos conquistados polas mulleres en todos os ámbitos e conmemoramos a longa historia de loitas e sacrificios para conseguilos, ademais de denunciar que aínda nos queda un camiño que percorrer para poder alcanzar un obxectivo irrenunciable para CCOO: a igualdade real e efectiva de mulleres e homes.

Por que o 8M? O 8 de marzo de 1875 varios centenares de mulleres dunha fábrica téxtil de Nova York protestaron e manifestáronse pola desigualdade salarial respecto aos seus compañeiros. As protestas desencadearon unha brutal represión da policía, que rematou asasinando a 120 traballadoras.

É necesario facer balance dos pasos que fomos logrando e dos riscos de retroceso ante os que estamos expostas. 2023 foi un ano complicado (guerras, transicións económicas, emerxencias climáticas…) que, se non se abordan con perspectiva de xénero, conducirán a ampliar as repercusións negativas nas mulleres, agravando aínda máis as situacións de desigualdade estrutural, principalmente nalgúns grupos de mulleres especialmente vulnerables.

Avanzamos e reducimos os factores que actúan de forma importante nas mulleres creando esta desigualdade, sindicalmente CCOO incidiu de maneira directa nestes factores, aínda que nos queda un longo camiño. Avanzamos en:

A suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI)

O SMI pasou dos 736 euros ao mes en 2018 aos 1 134 euros brutos en 14 pagas en 2024; un incremento de máis do 46 %. Esta suba beneficia máis ás mulleres ao ser nós as que temos as peores condicións laborais e salariais. A suba do SMI incidirá en 1 082 350 mulleres, un 17 % do total de asalariadas.

A negociación de plans de igualdade

Melloramos, e moito, a vida das mulleres traballadoras negociando Plans de Igualdade que racionalizan a xornada e introducen medidas que favorecen a corresponsabilidade e igualdade. Este ano rexistráronse case 5 000 plans de igualdade no REGCON e actualmente hai 10 729 plans de igualdade en activo. Con todo, un 66 % das máis de 31 400 empresas que deberían ter plan de igualdade non o teñen.

A reforma das pensións

Reducir a fenda que existe nas pensións é imprescindible. No caso das pensións de xubilación, a fenda é dun 31,91 %. Un exemplo diso é a cotización ao 100 % ata os 3 anos nos casos de redución de xornada ou excedencia por coidado de familiares e/ou menores.

A redución da fenda salarial

A fenda salarial actual é do 18,6 %.

  • As mulleres supoñen o 75% da poboación asalariada a xornada parcial.
  • As mulleres soportan unha maior taxa de temporalidade (19,6 %) que os homes (15,1 %).
  • As mulleres teñen unha menor inserción laboral e de menor duración que os homes.
  • As mulleres seguen tendo dificultades para os ascensos e promocións a postos de responsabilidade.
  • Os sectores con baixos salarios teñen un maior peso no emprego feminino que no masculino.

A loita contra o acoso sexual

Son obrigatorios os protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo para todas as empresas, pero só teñen protocolos aquelas que teñen plan de igualdade, ao ser unha parte destes.

A reforma laboral

A reforma laboral ten mellorado a contratación indefinida e reducido a temporalidade, conseguindo maior estabilidade do emprego feminino. Nos últimos 12 meses, o número de mulleres sen emprego reduciuse en 23 400 (máis de 21 000 novos contratos laborais a mulleres), a temporalidade diminuíu ata o 13,24 % e creáronse 783 000 empregos. Hai máis mulleres traballando ca nunca. Das 21 246 900 persoas ocupadas, o 46,7 % son mulleres; con todo, o 75 % dos contratos a tempo parcial son femininos.

Pero hai un gran factor de risco que nos axexa, as eleccións autonómicas de 2023 trouxeron consigo un avance da ultradereita en gobernos onde as súas primeiras medidas foron a eliminación das estruturas de igualdade (concellerías, oficinas etc.) e a redución drástica, cando non eliminación, de partidas orzamentarias e programas de coeducación, educación para a igualdade e a diversidade, prevención de violencia de xénero, etc.

Este avance institucional da ultradereita negacionista conleva consecuencias terribles para as mulleres, para moitos colectivos de persoas, para o sindicalismo de clase, para o diálogo social, o cambio climático, a Axenda 2030 e para todo o que significa avanzar nun mundo igualitario, inclusivo, tolerante e sostible.

Para poder seguir avanzando, é prioritario:

  • Incluír na negociación colectiva medidas de igualdade e mellorar os plans de igualdade. Desde CCOO seguiremos denunciando a falta de negociación, reclamando a convocatoria das mesas de negociación e vixiando o seguimento das medidas adoptadas, asegurándonos do seu cumprimento.
  • Seguir traballando para orientar tanto a profesionais, como a sindicalistas e ás vítimas a través do Observatorio de acoso sexual e por razón de sexo.
  • Mellorar as políticas activas de emprego centrándonos en grupos de mulleres con dificultades específicas (mozas, mulleres con discapacidade…).
  • Adoptar políticas con perspectiva de xénero en todos os ámbitos. O compromiso sindical para acabar con esta fenda nas pensións é vital. Por iso, seguiremos loitando por reducir a parcialidade e mellorar as condicións laborais. Un espazo primordial será a materia de coidados en sectores que afectan especialmente á Federación de Ensino (discapacidade, lecer e tempo libre, escolas infantís 0-3 anos…) e desde FECCOO propoñemos un pacto integral e estatal de coidados.
  • Impulsar unha educación baseada na coeducación e a igualdade. Desde FECCOO incidiremos na necesidade de concienciar á sociedade sobre a necesidade de seguir avanzando por unha sociedade cada vez máis xusta e igualitaria. Os centros educativos e de traballo socioeducativos, que non están exentos da realidade de desigualdade e necesidade de avanzar en igualdade de oportunidades, deben ser espazos onde de forma continuada, e non só en datas sinaladas, se traballe con proxectos educativos baseados na coeducación e a igualdade de oportunidades.

Consulta a resolución do Consello Federal de FECCOO en apoio á loita do 8M