Radon no sector educativo: formación sindical e urxencia na prevención da saúde laboral

CCOO Ensino celebrou onte, 4 de febreiro de 2026, en Santiago de Compostela unha xornada de formación interna dirixida ás delegadas e delegados sindicais baixo o título “Radon no sector educativo: explicacións e actuacións”, co obxectivo de reforzar o coñecemento e as ferramentas sindicais necesarias para afrontar un problema de saúde laboral de primeira orde nos centros educativos galegos.

Descarga a Guía de CCOO para previr as exposicións ao gas radon nos centros de traballo

A xornada, desenvolvida ao longo de toda a mañá, permitiu abordar de maneira rigorosa e práctica que é o gas radon, como se mide, cales son os seus efectos sobre a saúde e cal é o marco legal que obriga ás administracións públicas a actuar para previr riscos laborais. Trátase dun gas radioactivo de orixe natural, especialmente presente en Galicia, que pode acumularse no interior dos edificios e incrementar de maneira significativa os riscos para a saúde das persoas traballadoras.

Este encontro formativo estivo concibido especificamente para dotar ás delegadas e delegados de CCOO da información necesaria para desenvolver o seu labor sindical nos centros educativos, responder ás dúbidas do profesorado e do persoal laboral e exercer unha acción sindical eficaz en defensa da saúde laboral.

Formación para unha acción sindical informada

Durante a xornada analizáronse tanto os aspectos científicos e técnicos do radon como as obrigas legais das administracións educativas e as posibilidades de actuación sindical. A prevención non pode quedar nun plano teórico: require planificación, medicións reais nos centros educativos e a adopción de medidas correctoras cando se superan os niveis recomendados.

Desde CCOO Ensino insistimos en que a formación sindical é unha peza clave para garantir que os dereitos en materia de saúde laboral non queden só recollidos na normativa, senón que se apliquen de forma efectiva nos centros de traballo.

Comités de saúde laboral: unha débeda pendente

No marco desta xornada, CCOO Ensino volveu denunciar a situación inaceptable dos comités de seguridade e saúde laboral do persoal educativo en Galicia. A día de hoxe, a situación é moi desigual segundo a provincia:

  • Ourense conta cun comité que funciona con normalidade.
  • A Coruña e Pontevedra teñen os comités constituídos, pero sen actividade efectiva.
  • Lugo nin sequera ten constituído o comité provincial.

Esta realidade supón un incumprimento claro das obrigas en materia de prevención de riscos laborais e dificulta enormemente a planificación, seguimento e avaliación das medidas necesarias para protexer a saúde do persoal educativo. Desde CCOO Ensino esiximos a constitución inmediata e a posta en funcionamento real dos comités nas catro provincias, con calendario de reunións e capacidade efectiva de actuación.

Urxencia na prevención do radon nos centros educativos

Unha vez aprobados os orzamentos autonómicos, CCOO Ensino demanda á Consellería de Educación a posta en marcha inmediata das medidas de saúde laboral que, segundo nos trasladan, levan tempo preparadas a nivel técnico e administrativo e estaban pendentes unicamente de dotación económica para a súa execución.

No caso concreto do gas radon, esta urxencia é especialmente relevante. As medicións de trazas que duran tres meses deben realizarse entre o 1 de outubro e o 31 de maio, tal e como establecen as Instrucións IS-47 do Consejo de Seguridad Nuclear. Isto débese a que neste período a menor ventilación dos edificios provoca que as concentracións deste gas sexan máis elevadas. Perder esta xanela temporal supón atrasar un ano enteiro a detección de situacións de risco, prolongando innecesariamente a exposición do persoal educativo e do alumnado.

Compromiso sindical coa saúde laboral

Desde CCOO Ensino reiteramos que a prevención non pode agardar. A saúde laboral do profesorado e do conxunto do persoal educativo debe ser unha prioridade real para a Administración, con recursos suficientes, planificación rigorosa e diálogo social efectivo.

CCOO Ensino continuará esixindo o cumprimento da normativa vixente, a activación dos órganos de participación sindical e a adopción sen máis demora das medidas necesarias para garantir centros educativos seguros. A formación sindical, a presión institucional e a información ás persoas traballadoras seguirán sendo eixos centrais da nosa acción sindical neste ámbito.