CCOO levamos desde o ano 2016 reclamando o dereito á avaliación da actividade investigadora do PDI, con independencia de que a súa relación coa universidade sexa funcionarial ou laboral, permanente ou temporal, ou que a súa dedicación sexa a tempo completo e parcial; e, en caso de avaliación positiva, a percibir o correspondente complemento salarial de sexenios.
O complemento pola avaliación da actividade investigadora (“sexenios”) é un complemento de actividade (no RD fálase de “produtividade”) e, se esta se realiza, o recoñecemento ten que ser pleno para todos os efectos. En particular, non se pode excluír o profesorado a tempo parcial. Porén, atopámonos con que as universidades públicas veñen aplicando criterios absolutamente dispares: desde aquelas que negan o dereito á avaliación da súa actividade investigadora ao PDIL a tempo parcial (algunhas incluso negan o dereito ao conxunto do PDIL), pasando polas que permiten a avaliación, pero negan os dereitos salariais e chegando ata as que recoñecen a plenitude de dereitos ao PDIL a tempo parcial.
Neste contexto, desde CCOO entendemos que se produciron tres feitos claves que desmontan de vez a discriminación inxustificada aplicada polas universidades ao seu profesorado a tempo parcial en convocatorias anteriores:
- A Sentenza nº 664/2025 de 29 de maio de 2025 do Tribunal Supremo que declara a nulidade do artigo 5.2 do Real decreto 1086/1989, de 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario. Esta modificación suprime a prohibición de que o profesorado a tempo parcial perciba o complemento de produtividade asociado á avaliación positiva da súa actividade investigadora.
- Este criterio reflectiuse na Resolución de 16 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se modifica a Resolución de 11 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se aproba a convocatoria de avaliación da actividade investigadora, para corrixir o apartado 3.1.c, que debe dicir: “O persoal funcionario dos corpos docentes universitarios que preste servizos na Universidade en réxime de dedicación a tempo parcial poderá someter a avaliación a súa actividade investigadora“ (BOE 24 de xaneiro de 2026). Esta resolución responde ao recurso presentado por CCOO contra a resolución do 16 de xaneiro.
- As sentenzas da Sala do Social do Tribunal Supremo (sentenzas nº 70/2023 da Sala do Social do TS de 25 de xaneiro de 2023 –Madrid– e 510/2024 da Sala do Social do TS de 20 de marzo de 2024 –Andalucía–), que lle recoñecen ao PDIL laboral temporal o dereito a someter a actividade investigadora realizada cada seis anos a unha avaliación e, en caso de superala favorablemente, a percibir un complemento por méritos investigadores nos mesmos termos ca o persoal docente e investigador permanente.
Polo tanto:
- se o RD 1086/1989, que era “a grande escusa” utilizada polas universidades para negar o dereito ao recoñecemento salarial dos sexenios recoñecidos, foi modificado e xa permite este recoñecemento;
- se o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a ANECA recoñecen o dereito á avaliación da actividade investigadora a todo o PDI, a tempo completo e parcial, e a percibir o complemento salarial correspondente en caso de avaliación positiva;
- se nos convenios que veñen asinando ANECA e as universidades públicas inclúen a todo o PDIL, con independencia da natureza do vínculo laboral,
Xa non hai xustificación para que as universidades públicas sigan discriminando o PDIL a tempo parcial nas convocatorias específicas de avaliación da actividade investigadora que as universidades publicaron ou publicarán en breve para o PDIL e recoñezan dunha vez:
- O dereito de todo o PDI á avaliación da actividade investigadora, con independencia de que a súa relación coa universidade sexa funcionarial ou laboral, permanente ou temporal, ou que a súa dedicación sexa a tempo completo y parcial.
- E, en caso de avaliación positiva, a percibir o correspondente complemento salarial.
E estes criterios deben reflectirse en cada universidade nas convocatorias específicas para o PDI laboral que se publicarán nos próximos días (o prazo de presentación entre o 9 de febreiro e o 2 de marzo de 2026). Naquelas que xa se publicaron, isto debería supoñer a rectificación dos criterios de exclusión do PDIL a tempo parcial se así o recolleron. Xa basta de escusas.
CCOO seguirá adiante con todas as accións sindicais e legais necesarias para garantir que este dereito se aplique de forma efectiva en todas as universidades públicas.Desde CCOO seguiremos traballando para o recoñecemento profesional e salarial do conxunto da actividade de todo o profesorado universitario.
