Publicadas as instrucións para a avaliación de diagnóstico de Primaria e ESO no curso 23-24

Vén de publicarse no DOG no día de hoxe, venres 23 de febreiro de 2024, unha resolución pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico de educación primaria e educación secundaria obrigatoria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2023/24.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, prevé nos seus artigos 21 e 29 a realización dunha avaliación de diagnóstico de carácter censual, nos niveis de cuarto curso de educación primaria e segundo curso de educación secundaria obrigatoria, que se deberá levar a cabo en todos os centros educativos e terá como marco de referencia o establecido no seu artigo 144.

O Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, determinan nos artigos 23 e 27, respectivamente, a realización deste proceso avaliativo.

A Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, establece os parámetros xerais polos cales se rexerá a devandita avaliación e prevé, na súa disposición derradeira primeira, que a persoa titular do órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo ditará cantas resolucións sexan necesarias para a concreción dos seus elementos organizativos.

Aquí podes descargar o documento completo