A modificación parcial da relación de postos de traballo (RPT) na Consellería de Educación, aínda que se limita a aspectos concretos, acomete tanto a supresión de certos postos como a creación doutros novos, algúns dos cales xa están incorporados nos centros de traballo, incluíndo o persoal coidador. Esta actualización asegura que todas as traballadoras e traballadores perciban un salario idéntico, corrixindo así desigualdades salariais que se mantiveron durante anos noutras modificacións da RPT.
Por outra banda, desde CCOO Ensino seguimos demandando atención a diversas carencias históricas:
Levamos anos solicitando unha negociación en profundidade da RPT do persoal non docente, co obxectivo de alcanzar un acordo que actualice as ratios e aborde outras cuestións de relevancia. As ratios actuais están obsoletas e desaxustadas e, nalgúns casos, sen revisión desde 1994. Un exemplo claro disto é que se asigna unha única persoa de limpeza para encargarse de cada 1800 metros cadrados de superficie do centro educativo. En ocasións son espazos complexos con mobiliario e azulexados, unha situación que se agrava nos CIFP por mor da atención á formación non regrada, INEM, empresa, etc. Ademais, mentres existe asignación orzamentaria para outros postos como docentes e persoal subalterno, o persoal de limpeza non recibe adoito ningunha gratificación por estas actividades non planificadas. Canto á cociña, un único traballador/a pode chegar a atender ata 75 comensais, responsabilizándose non só da cociña, senón tamén da limpeza e atención no comedor, áreas dependentes do persoal da Xunta de Galicia. Os acordos vixentes non reflicten a realidade dos centros educativos hoxe en día.
Denunciamos a precariedade que implica a contratación a media xornada, que impide a compatibilidade con outros empregos dentro da Xunta, e agora, nos procesos de estabilización vixentes, só se recoñece o 50 % do tempo traballado para a puntuación. Solicitamos que se revise esta situación para pasar a xornada completa.
Demandamos tamén un aumento de persoal nos centros que experimentaron ampliacións e a actualización constante da RPT. A Dirección Xeral de Función Pública (DXFP) comprometeuse a iniciar, nos meses posteriores ás eleccións autonómicas, a negociación dun novo acordo para o persoal non docente de educación, despois de ter negociado o acordo de Política social e do Servizo de extinción de incendios.
Ademais, cabe destacar que a Consellería recoñeceu parte das nosas peticións de creación de novos postos de traballo. En conclusión, tendo en conta esta atención parcial e o compromiso adquirido pola DXFP, o noso voto na Comisión de Persoal foi de ABSTENCIÓN.