As persoas seleccionadas deben presentar por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), dirixida á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, a seguinte documentación, que se relaciona na base 19.1 da Orde do 31 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro):
- Certificado médico acreditativo de non padecer ningunha enfermidade nin estar afectado ou afectada por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co exercicio da docencia.
- A persoa aspirante que fixese valer a súa condición de persoa con discapacidade deberá, se non o fixo anteriormente, presentar certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social que acredite tal condición, e tamén terá que presentar certificado dos citados órganos ou da Administración sanitaria, acreditativo da compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.
- Declaración responsable de que non foi separada mediante expediente disciplinario do servizo do corpo a que se pretende ingresar en ningunha Administración pública e de non estar inhabilitada para o exercicio de funcións públicas, conforme o modelo que figura como anexo XII a esta convocatoria, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no procedemento normalizado ED001A como anexo asociado á fase posterior á presentación.
- Certificado de non ter antecedentes por delitos sexuais, só no caso de opoñerse expresamente á consulta de datos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais na solicitude de participación.
Prazo de presentación da documentación: do 26 de agosto ata o 20 de setembro.