Primeiros pasos tras aprobar a oposición

Neste artigo atoparás información útil sobre os trámites que debes realizar unha vez aprobada a oposición. O noso obxectivo é ofrecerche información clara para que poidas afrontar con confianza esta nova etapa.

Tes información máis detallada neste titorial en PDF.

Pedir destino para o curso 2024/25

Tes que solicitar destino para o curso que vén, como funcionario/a en prácticas. Isto faise participando no CADP (Concurso de adxudicación de destinos provisionais), en https://www.edu.xunta.gal/cadp/, no prazo de dous días hábiles desde a publicación da lista de persoas aprobadas do teu tribunal.

É preciso dispor dun usuario corporativo @edu.xunta.gal. Se non o tes xa, debes solicitalo á UAC (Unidade de atención a centros), no teléfono 881 99 77 01.

Que documentos terei que entregar?

Xa con máis tranquilidade, no prazo de 20 días hábiles após a publicación no DOG das listas de persoas aprobadas, que adoita publicarse na segunda quincena de agosto, deberás presentar por medios electrónicos e dirixido á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos os seguintes documentos:

  • informe médico,
  • declaración responsable,
  • certificado de non ter antecedentes por delitos sexuais (só no caso de terte oposto á consulta).

Como fago a toma de posesión?

A toma de posesión faise en setembro no centro no que obteñas destino. Desde o centro remitirán a documentación á Xefatura Territorial correspondente.

Darte de alta como mutualista de MUFACE

MUFACE (Mutualidade de funcionarios civís do Estado) é a mutua en que están obrigatoriamente incluídos todos os funcionarios e funcionarias de carreira. A súa función principal é prestar asistencia sanitaria e social ás persoas adscritas.

Hai que darse de alta tras a toma de posesión no centro e tras recibir o nomeamento como funcionario/a en prácticas.

Recibirás un correo electrónico de MUFACE con instrucións para darte de alta, para o que necesitarás acceso Cl@ve.

Como mutualista, podes elixir entre prestación sanitaria co SERGAS ou con algún dos seguros privados concertados con MUFACE: DKV, ASISA ou Adeslas. Cada ano, no mes de xaneiro poderás cambiar de entidade.

Realiza a fase de prácticas

É tutelada, dura catro meses e ten como obxectivo principal avaliar as capacidades didácticas das persoas aspirantes á docencia.

Durante a fase de prácticas, é necesario realizar:

  • Un informe memoria final.
  • Un curso de formación de lingua galega de 20 horas de duración.
  • Un curso de formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.
  • Unhas xornadas formativas de coñecemento da administración educativa galega.

A avaliación final expresarase nos termos «apto» ou «non apto». No caso de non superar a fase de prácticas, situación moi infrecuente, pódese repetir o vindeiro curso.

Por causa xustificada, pódese solicitar o aprazamento da fase de prácticas á Dirección Xeral de Recursos Humanos.


Por último, no elemento «Ensino público» do menú superior, podes atopar moita máis información de utilidade para esta nova etapa.