Protocolo para erradicar a discriminación e o acoso ás persoas LGTBI+ e á diversidade familiar nas administracións públicas

A Área Pública de CCOO, como primeiro sindicato das Administracións públicas, presenta un documento clave para a protección e prevención da discriminación e o acoso ás persoas LGTBI+ e á diversidade familiar. Un protocolo con base nos valores sindicais de solidariedade, xustiza social, igualdade, saúde e seguridade no traballo, e no compromiso firme de CCOO polo avance e desenvolvemento dos dereitos das persoas LGTBI+ e da diversidade familiar.

Un segmento da poboación en situación de vulnerabilidade que, de forma constante, sofre o ataque a través dos discursos de odio, ademais das condutas LGTBI+fóbicas en todas as súas formas e graos: desde as condutas sutís imbricadas en aspectos culturais e sociais, ata as condutas directas e claramente aversivas e violentas. Así, desde as organizacións da sociedade civil que traballan os dereitos humanos das persoas en situación de vulnerabilidade e os sindicatos máis representativos, coa presenza de CCOO, solicítaselles aos partidos políticos o compromiso para acordar un Pacto de Estado contra os Discursos de Odio na lexislatura que andamos. Cabe recordar que, en abril de 2020, a Dirección Xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGTBI do Ministerio de Igualdade levou a cabo un Estudio exploratorio sobre la inserción sociolaboral de las personas trans. Entre as súas principais conclusións destaca a estimación, entre as persoas trans, dunha taxa de paro do 46,5 %, moi superior á da media da poboación española.

Doutra banda, a enquisa publicada pola Federación Estatal LGTBI+ en maio de 2023, baixo o título Estado LGTBI+ 2023, calcula que nos cinco anos anteriores se presentaron polo menos 56 000 denuncias por agresións destas características en España. O 29 % das persoas LGTBI+ sufriron acoso; o 27,5 %, discriminación; e o 8,6 %, agresións físicas ou verbais. A maioría delas dirixidas a persoas trans, en particular, mulleres. Tamén se determina, de feito, que só unha de cada dez persoas LGTBI+ é visible cos seus superiores no traballo, unha de cada catro ante as compañeiras/os/es de traballo e só un 6,6 % ante a clientela ou persoas usuarias dos seus servizos.

Os ámbitos de traballo públicos non son alleos a que estas condutas que se observan na sociedade se trasladen e se reproduzan dentro da relación entre as persoas traballadoras ou na relación entre as persoas usuarias e o persoal empregado público. As situacións de discriminación e acoso LGTBI+fóbicos, que poden sucederse de forma puntual ou prolongada no tempo, teñen consecuencias de carácter múltiple sobre o benestar, a esfera emocional, a saúde mental e mesmo a integridade física das persoas sobre as que se exercen, razón pola que a proposta ten un marcado carácter preventivo, amais do carácter protector e da acción sindical directa na súa contra. As persoas LGTBI+ e a diversidade familiar necesitan de espazos seguros e libres de LGTBI+fobia para poder expresarse verbo das súas realidades persoais e colectivas con plenitude, dignidade, igualdade e liberdade. O protocolo, polo tanto, convértese nunha ferramenta útil para o noso activo sindical na sensibilización sobre estas realidades e, fundamentalmente, para a acción sindical directa propositiva en materia de igualdade e de aplicación na negociación colectiva nos ámbitos de traballo.

A Área Pública de CCOO multiplica, desta forma, os seus esforzos no conxunto das Administracións públicas e sectores públicos para construír ambientes seguros e libres de LGTBI+fobia nos que se respecte a diversidade afectivo-sexual, de xénero e familiar, reafirmando, xa que logo, o seu compromiso en materia de diversidade sexual e de xénero, promovendo o desenvolvemento das políticas de igualdade e as medidas encamiñadas á aplicación e cumprimento dos dereitos das persoas LGTBI+ e a diversidade familiar e, por tanto, contribuíndo ao avance do conxunto da sociedade.

Protocolo contra a discriminación e o acoso por razón de orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero, características sexuais e diversidade familiar nas Administracións públicas e sectores públicos