O Ministerio retoma a negociación cunha proposta que incorpora algunhas demandas de CCOO, pero que segue sendo insuficiente ante un sistema educativo tensado e un profesorado exhausto. Esiximos medidas máis ambiciosas e aplicables de inmediato para reducir ratios, garantir unha xornada homoxénea e mellorar as condicións laborais do persoal docente.
O Ministerio retoma o camiño negociador e presenta unha proposta que mellora lixeiramente e concreta a que realizou inicialmente, asumindo unha parte das propostas de CCOO; ademais, volve citarnos o xoves 16 para seguirmos negociando. Polo momento, o impacto da proposta actual segue quedando curto. Un sistema educativo tensado e un profesorado exhausto necesitan unha proposta máis ambiciosa.
Canto ás ratios, aínda que se propón que todo o alumnado con necesidades educativas conte dobre, non se ten en conta o resto do alumnado con necesidades específicas e o que presenta necesidades de compensación educativa, fican fóra —é dicir, non contan para os efectos de baixada de ratio e dotación de apoios—; isto, en cifras, traduciríase en que non se tería en conta a máis de 800 000 alumnas e alumnos.
Deben considerarse tamén as peculiaridades da escola rural e pór en marcha actuacións específicas. A medida de reducir as ratios en virtude das necesidades é fundamental para CCOO e, ademais, é a que se expón na proposta do Ministerio como de aplicación inmediata para o vindeiro curso 2026-2027 en todas as etapas.
A redución xeneralizada de ratios ten un calendario de aplicación que se prolonga cinco cursos, non se inicia o curso que vén, postérgase tamén para as ensinanzas que non son primaria e secundaria, e déixase fóra das melloras a FP. A redución de ratios nos ciclos formativos de grao medio e superior é imprescindible para conseguir unha formación de calidade e acabar co abandono escolar temperán.
En relación coa xornada, queremos un horario que permita atender a diversidade da aula e unha atención personalizada. Para conseguilo, cómpre que sexa máis garantista porque existe gran variedade de regulacións autonómicas, polo que é importante que o Ministerio determine a máximos que é o que se considera un período lectivo para que non se produzan desaxustes e a implementación sexa homoxénea e real en todo o Estado.
Por suposto, debe eliminarse calquera excepcionalidade que permita superar os períodos máximos. É necesario tamén definir en normativa estatal reducións adicionais, como a de maiores de 55 anos. Concretar ben a redución de horario lectivo e asegurar que se dote os centros do persoal necesario é fundamental, pois tamén sería de aplicación inmediata a todo o sistema para o inicio do próximo curso 2026-2027.
É urxente que se empecen a traballar os restantes temas para mellorar as condicións laborais e o recoñecemento do profesorado: A1 e suba de nivel para todos os corpos docentes, xubilación docente, desburocratización, saúde laboral, formación e ingreso, entre outros.
A tantas veces repetida lexislatura do profesorado debe ser real, se verdadeiramente é unha aposta do Goberno, e debe reflectirse nas súas propostas, na negociación e na acción lexislativa para que desde o profesorado creamos nesa aposta.
