Consulta todas as cifras deste artigo: InfórmaTE Retribucións xaneiro 2024
O Acordo trianual asinado por CCOO está a dar os seus froitos. Tras acadar no ano 2022 unha suba do 3,5 %, concluímos o ano 2023 con outro incremento do 3,5 %: un 2,5 % fixo e dúas subas variables dun 0,5 % cada unha, ligadas ao IPC e ao PIB, respectivamente.
En novembro, xa cobramos o incremento do 0,5 % vinculado ao IPC con carácter retroactivo. Rematamos o ano cumprindo as previsións do PIB nominal previstas no Acordo Marco, o que xera o dereito a un aumento adicional do 0,5 %, que tamén recibiremos de maneira retroactiva desde xaneiro (14 pagas) e que se integrará no salario de 2023 antes de aplicar a suba de 2024.
Outra vez, os representantes do sindicalismo estéril e parasitario erraron nas súas predicións cando afirmaron que CCOO vendía fume, pois o único compromiso firme parecía ser a suba fixa do 2,5 %. Aínda hoxe, seguen sen recoñecer o seu erro, polo que parece razoable pensar se tal actitude non responde máis ben a unha táctica deliberada para desacreditar os logros e avances que CCOO conseguiu.
Cales serán as nosas retribucións en 2024?
Para o ano 2024 temos que considerar a aplicación de dous acordos relevantes:
- Por unha banda, contaremos cun incremento fixo do 2 %, que cobraremos con carácter retroactivo desde xaneiro, máis outro 0,5 % adicional, tamén retroactivo, en función da evolución do IPC. Este aumento vén estipulado polo Acordo Marco para unha Administración do século XXI.
- Por outra parte, teremos un incremento do 10 % no concepto de titoría e outras funcións docentes, así como nos sexenios, grazas ao Acordo de medidas de mellora.
CCOO Ensino traballa por un sindicalismo útil, acadando melloras. Co acordo trianual logramos mitigar a perda de capacidade de compra en 2022 e mantela estable en 2023 e 2024. O incremento salarial dos anos 2022 e 2023 superou finalmente o 7 %.
Porén, a situación actual presenta novos desafíos. No Consello de Ministros do 27 de decembro, aprobouse un Real Decreto Lei que inclúe a revalorización das pensións, do ingreso mínimo vital, do salario mínimo interprofesional e doutras dotacións económicas, pero omite a actualización dos salarios dos empregados públicos. O Goberno pretendía realizar esta actualización coa aprobación dos orzamentos xerais do estado (previsiblemente en abril) e efectuar posteriormente o pago de maneira retroactiva.
Polo momento só se inclúe na nómina a suba correspondente ao Acordo de medidas de mellora asinado coa Xunta de Galicia.
Non obstante, durante un encontro da Área Pública de CCOO coa nova secretaria de estado de Función Pública, mantido o 24 de xaneiro, o Goberno comprometeuse a cumprir integramente o Acordo Marco e a negociar un novo acordo que garanta o poder adquisitivo e as condicións laborais das empregadas e empregados públicos.
Esta nova xera unha certa tranquilidade pero, desde CCOO, mantemos a demanda dun Real Decreto Lei urxente que inclúa, o máis axiña posible, a actualización salarial das empregadas e empregados públicos.