Para evitar o fracaso e o abandono escolar, así como a alta taxa de repetición de curso
Para o sindicato non abonda un plan puntual e cun orzamento conxuntural para incrementar lixeiramente os reforzos en Lingua e Matemáticas. Por iso propón unha baixada de ratios asociada ás necesidades de aprendizaxe en cada grupo, máis rede de orientación e máis apoios para a atención á diversidade, así como que os investimentos do Goberno teñan carácter finalista e que se lexisle para asegurar tamén o investimento das comunidades autónomas.
Na Comisión Permanente do Consello Escolar do Estado, reunida esta mañá, o presidente e a ministra fixéronse eco da petición básica de CCOO: que exista un control finalista dos fondos que se destinen a este programa, cuxo importe económico aínda non está pechado e que será “ambicioso”, seguramente recollido nunha partida orzamentaria.
Outro anuncio importante foi que este plan se estenderá ao alumnado de Bacharelato e ciclos formativos de Grao Básico, ao que CCOO pediu que se faga extensible tamén ao alumnado dos ciclos formativos de Grao Medio, que é onde se encontra a maior porcentaxe de alumnado que engrosa o abandono escolar temperán.
CCOO recordoulle ao presidente do Goberno as súas peticións de baixada de ratios, a actualización do decreto de 2010 de requisitos mínimos dos centros, entre outras cuestións, e a urxencia de negociar nas mesas sectoriais melloras nas condicións laborais do profesorado e unha lei de estatuto docente.
O sindicato reafirma a idea de que o esforzo de mellora do sistema educativo debe ser estrutural e compartido entre as diferentes administracións, Goberno e comunidades autónomas. O incremento de investimento e recursos asociado a un plan non é mala noticia, pero non é en absoluto suficiente. Desde CCOO recórdase tamén que aquelas medidas que incidan en cadros de persoal ou condicións laborais do profesorado deben pasar pola Mesa Sectorial docente e ser obxecto de negociación.
As propostas básicas do sindicato nestes aspectos son moi claras e concretas:
- Que todo o alumnado con necesidades específicas de aprendizaxe (necesidades especiais, dificultades de aprendizaxe, desvantaxe social ou compensación educativa, etc.) conten dobre para os efectos de ratio dos grupos en todas as etapas e ensinanzas. É importante destacar que a educación pública escolariza arredor do 75 % deste alumnado. Para esta medida, CCOO estima, no seu informe de inicio de curso, que se necesitan 34 717 docentes máis, cun custo aproximado de 1458 millóns de euros.
- Que o alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe tamén estea asociado a recursos especialistas adicionais nos centros, como o está o de necesidades educativas especiais, nunha ratio máxima de doce estudantes por cada docente especialista en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía terapéutica. Para iso cumpriría un incremento destes perfís de 21 177 efectivos, cun custo aproximado de 889 millóns de euros.
- Incrementar o número de profesionais da rede de Orientación, nos seus dous perfís de Orientación e Servizos á Comunidade, para unha adecuada avaliación e seguimento de calquera necesidade ou dificultade. Para iso fan falta 10 026 profesionais adicionais, cun custo aproximado de 421 millóns de euros.
Por suposto, para asumir todos estes custos anuais é necesario un claro incremento de investimento tamén das comunidades autónomas, e o Goberno debe lexislar (como é a súa competencia) para asegurar estas medidas en todo o territorio. Hai que recordar que, aínda que o Ministerio de Educación multiplicou por sete as transferencias ás comunidades autónomas entre 2017 e 2021, o 90 % do investimento educativo depende dos orzamentos das autonomías (en 2017 era o 95 %), pois teñen transferidas as competencias educativas e de xestión de persoal.
Todo isto co fin último de conseguir o éxito educativo de todo o alumnado, superando as disfuncións que presenta o noso sistema, que se concretan no excesivo fracaso e abandono escolar temperán, así como nunhas taxas moi altas de repetición de curso na educación obrigatoria e unha Formación Profesional deficitaria.