O Goberno comprométese con CCOO a cumprir integramente o Acordo Marco e a negociar un novo acordo que garanta o poder adquisitivo e as condicións laborais das empregadas e os empregados públicos

A Área Pública de CCOO, primeiro sindicato das Administracións públicas, reúnese coa nova secretaria de Estado de Función Pública, Clara Mapelli, para retomar decontado o desenvolvemento do Acordo Marco para unha Administración do século XXI e, posteriormente, iniciar unha nova mesa de diálogo social que inclúa, entre outras materias, a negociación dun novo acordo na función pública que garanta o poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos, a mellora das condicións de traballo, así como a transformación dixital das administracións e sector público empresarial.

Nova relacionada: O Goberno do Estado despreza a máis de cinco millóns de empregadas e empregados públicos. – CCOO Ensino 29/12/2023.

No encontro que se mantivo onte, 24 de xaneiro de 2024, o sindicato insistiu en respectar o Acordo Marco para unha Administración do século XXI aínda vixente; entre outros, os incrementos pactados para 2024 e a parte variable do 0,5 % de 2023, cando se coñeza o dato de que se superou o obxectivo do 2,1 do PIB en 2023.

Aos devanditos incrementos retributivos hai que lles sumar os temas pendentes do Acordo Marco, como son a recuperación da xubilación parcial para o persoal funcionario ou o carácter de mínimos dos permisos, a implantación das 35 horas e o teletraballo no ámbito da Administración do Estado, a carreira profesional, así como a implantación do grupo B e a adaptación ao Marco Español e marco europeo das cualificacións do novo cadro de clasificación profesional.

Igualmente, CCOO lembrou os compromisos co sector público institucional, a necesidade de ter unha mesa específica para iso, que, respectando a negociación colectiva en cada ámbito, poida axudar a desbloquear ou solucionar os distintos conflitos que temos ou que se puideren dar, como, nestes momentos, a situación das empresas de augas —nalgúns casos con salarios por debaixo do SMI—, Renfe ou Adif, con claros incumprimentos.

Así mesmo, a organización sindical incide en que de maneira inmediata se retomen as distintas mesas de negociación no ámbito da Administración do Estado e local para, entre outras cousas, poder acometer a negociación da Lei de Función Pública, incluídas as materias do RDL 6/2023, a negociación de temas específicos pendentes do servizo exterior, SEPE ou Xustiza.

CCOO trasladou tamén a preocupación pola demora na resolución dos procesos de estabilización no emprego público, a necesidade de acometer a recuperación de emprego público e o rexuvenecemento dos cadros de persoal.

Xa que logo, desde o sindicato considérase necesaria a convocatoria urxente da comisión de seguimento do Acordo do plan de choque, así como todo o que ha de trasladarse aos PXE 2024, onde teimamos na necesidade de mellora de clases pasivas, complementos de residencias, entre outras materias de grande alcance.