CCOO reclama que se emprendan as reformas necesarias para garantir o acceso ao servizo público universitario e o cumprimento da LOSU.
Axiña se cumprirán dous anos desde a entrada en vigor da Lei orgánica do sistema universitario (LOSU). CCOO foi moi crítico coa dita norma desde o principio xa que, aínda que moitos dos obxectivos ou finalidades pretendidas e reflectidas no preámbulo eran reivindicacións do noso sindicato —como a redución da temporalidade e precariedade dos cadros de persoal—, as disposicións que o proseguían eran pouco ambiciosas na articulación deses obxectivos.
Pois ben, neste tempo avanzouse moi pouco na implantación efectiva da lei. O Ministerio di que son as Administracións rexionais as que teñen que impulsar o desenvolvemento da nova normativa. Os Gobernos autonómicos solicítanlle ao Ministerio aclaracións, recursos ou novos desenvolvementos normativos. En definitiva, seguimos igual, pasan os meses e eses desenvolvementos non avanzan.
Só se pode desatacar a realización do programa de axudas María Goyri de financiamento para a incorporación de profesorado axudante doutor ás universidades públicas españolas, e non sen críticas tanto da Conferencia de Reitores como dos Gobernos rexionais pola súa insuficiencia.
Porén, outras cuestións fundamentais da LOSU están paralizadas:
- Comisión para o desenvolvemento do plan de incremento do gasto público ata alcanzar o 1 % do PIB en 2030. Desde a súa constitución o 20 de novembro de 2024, esta comisión só se reuniu unha vez máis e aprazouse a terceira, polo que permanece nunha fase de diagnóstico sine die.
- Desenvolvemento do Estatuto do Persoal Docente e Investigador. Estamos fóra da legalidade, pois a LOSU marcaba un prazo de seis meses para que o proxecto de lei entrase para a súa discusión no Congreso dos Deputados. As reunións para a negociación dunha proposta de Estatuto do PDI foron escasas e neste momento están paralizadas.
- Desenvolvemento das novas figuras docentes e carreira académica. Malia que ANECA avanza na elaboración de criterios para a acreditación de novas figuras laborais, para a modificación dalgúns complementos retributivos como o sexenio de investigación e a reapertura doutros como o de transferencia, desde o Goberno semella que non hai présa en implantar todas estas medidas.
Sobre este último punto, CCOO enviou propostas de mellora ao documento marco de transferencia no que está traballando ANECA. Pero todo está «á espera». Sen unha vontade clara e decidida de seguir abordando a necesaria renovación e actualización do sistema público de educación superior e das condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras, toda achega, reunión ou negociación é perda de tempo, e os preámbulos das leis quedan en improdutivos brindes ao sol. Desde CCOO esiximos que o Goberno colla as rendas da política universitaria e articule as reformas necesarias para alcanzar o sistema universitario público de calidade que merecemos.

