Aboamento de trienios a persoal laboral que se funcionariza

Os trienios devengados como persoal laboral serán aboados na contía na que foron perfeccionados aínda que logo se adquirise a condición de persoal funcionario.

A Dirección Xeral de Emprego Público vén de remitir no día de hoxe ás organizacións sindicais unha nota informativa na que aclara que vai suceder de agora en diante aos efectos do cobro de trienios, con aquel persoal laboral que logo adquiriu a condición de persoal funcionario.

Ata agora o que facía a Administración era recomputar a contía dos trienios de laborais a “prezo” de funcionarios. Isto, nalgúns casos era beneficioso (Grupos A e A2 fundamentalmente) pero prexudicaba a traballadores e traballadoras dos grupos máis baixos que vían como as contías dos seus trienios acumulados como laborais pasaban a ter unha contía inferior ao adquirir a condición de funcionario.

Estas decisións foron recorridas por CCOO e polos propios traballadores afectados nos tribunais de xustiza obtendo sentenzas favorables (mesmo en casación ante o Tribunal Supremo) no sentido de recoñecer que as persoas que teñan trienios perfeccionados e recoñecidos como laborais antes da entrada en vigor da reforma da Lei 70/1978, (entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2021) terán dereito a seguir cobrando eses trienios coa mesma contía na que os perfeccionaron como laborais, aínda que logo adquirisen a condición de persoal funcionario.

Por outra banda a nota informativa emitida por Emprego Público non establece claramente cal será o procedemento para que os trienios acumulados como laborais se sigan pagando na mesma contía. O que si parece deducirse é que terá mediar solicitude do interesado/a reclamando o dereito e que a Administración contestará estimando a solicitude. Concretamente a nota di o seguinte:

“En cumprimento da normativa, iniciarase a emisión das resolucións oportunas para o recoñecemento do dito dereito ás persoas que o teñan solicitado ou soliciten posteriormente. Tal resolución fundamentalmente establecerá:

Recoñéceselle o dereito a percibir o aboamento dos trienios perfeccionados con vencementos anteriores á entrada en vigor da modificación da Lei 70/1978, do 26 de decembro, coa mesma contía económica que percibía como persoal laboral da Xunta de Galicia”

En consecuencia, desde CCOO reclamaremos á Dirección de Emprego Público que concrete cal será o procedemento e o modelo de solicitude que debe utilizarse (PR 004 ou outro específico para o caso) e que nos informe de cales son os prazos de solicitude (entendemos que debe ser permanentemente aberto) e/ou resolución.

Ante esta situación, e se consideras que estás afectado/a por este procedemento, ponte en contacto cos delegados e delegadas de CCOO para realizar o trámite de solicitude ante a Administración.

Finalmente, cómpre destacar que esta previsión non afecta ao persoal laboral funcionarizado como consecuencia do Acordo de Concertación (xa sexa pola vía da funcionarización ou da promoción específica do persoal laboral) dado que nel xa se recoñecía que manterían integramente a contía dos trienios que viñan cobrando como laborais; e mesmo do primeiro que perfeccionen despois da súa funcionarización.

Desde CCOO facemos unha valoración moi positiva desta decisión porque ven a corroborar que o que se estaba facendo ata agora non se axustaba a Dereito e porque a nosa acción sindical e xudicial dese finalmente os seus froitos no sentido de restituír unha situación a todas luces inxusta e discriminatoria.

Nota explicativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal enviada aos sindicatos.