A Área Pública de CCOO demándalle ao Ministerio de Función Pública o cumprimento completo do comprometido no Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, a convocatoria dunha mesa de negociación para asinar un novo acordo plurianual, así como un incremento salarial significativo que permita recuperar o poder adquisitivo perdido.
A Área Pública de CCOO anuncia que se mobilizará o próximo 8 de abril diante do Ministerio de Facenda, en Madrid, para esixir unha suba salarial, o cumprimento completo dos compromisos recollidos no Acordo Marco para unha Administración do Século XXI e a convocatoria dunha nova mesa de negociación para subscribir un novo acordo plurianual no ámbito do público. Así mesmo, o sindicato esixe un aumento salarial significativo en 2025 que permita recuperar o poder adquisitivo perdido no sector público.
O Acordo Marco, subscrito o 19 de outubro de 2021, foi fundamental para impulsar melloras salariais e de dereitos no sector público, pero aínda quedan elementos importantes por cumprir:
- A suba do 0,5 % adicional con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2024.
- A plena implantación do modelo de clasificación profesional conforme o actual Marco Español de Cualificacións Profesionais.
- A negociación das modificacións normativas para o pleno establecemento e desenvolvemento dos plans de igualdade e os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo, consonte a Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
- Garantía de atención presencial dos servizos públicos e un plan específico de dixitalización para as zonas de menor poboación ou en risco de exclusión.
- Creación de emprego neto nas Administracións públicas, redución da temporalidade e rexuvenecemento dos cadros de persoal.
- Dixitalización, captación e retención do talento, promoción interna, formación e carreira profesional.
- Levar a cabo os cambios lexislativos no EBEP e en Seguridade Social, antes do 1 de abril, para que a xubilación parcial sexa unha realidade para todos os colectivos do sector público.
Ademais, é crucial abrir unha nova mesa de negociación para impulsar un novo Acordo Marco que nos coloque na senda da recuperación económica, que mellore os dereitos e que permita rexuvenecer cadros de persoal.
Do mesmo xeito, no contexto actual de crecemento económico, desde CCOO apostamos por unha suba salarial en 2025 para o ámbito público que se aplique de forma inmediata, con efectos retroactivos desde xaneiro deste ano e desvinculada da negociación e, se for o caso, da aprobación dos orzamentos xerais do Estado.

