Publícase unha resolución que, agora si, permítelle ao profesorado a tempo parcial percibir o complemento salarial de sexenios asociado á avaliación positiva da súa actividade investigadora sen ter que esperar a prestar servizo na universidade en réxime de dedicación a tempo completo
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades estima o recurso de alzada presentado por CCOO contra a Resolución do 11 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se aproba a convocatoria de avaliación da actividade investigadora (BOE nº 304 de 19 de decembro de 2025).
Como efecto do recurso presentado por CCOO, publícase na páxina web da ANECA a Resolución de 16 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se modifica a Resolución de 11 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se aproba a convocatoria de avaliación da actividade investigadora, para corrixir o apartado 3.1.c, que debe dicir: «O persoal funcionario dos corpos docentes universitarios que presten servizos na Universidade en réxime de dedicación a tempo parcial poderán someter a avaliación a súa actividade investigadora». O documento foi enviado para a súa publicación no BOE.
Tal e como sinalabamos nunha publicación anterior, a Resolución de 11 de novembro era nula por ilegalidade canto ao seu artigo 3.1.c, xa que infrinxe o ordenamento xurídico no seu contido. O precepto recorrido foi declarado nulo pola Sentenza nº 664/2025 de 29 de maio de 2025 do Tribunal Supremo, que declara a nulidade do artigo 5.2 do Real decreto 1086/1989, de 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario. Esta modificación suprime a prohibición de que o profesorado a tempo parcial perciba o complemento de produtividade asociado á avaliación positiva da súa actividade investigadora.
Esta ilegalidade, recoñecida polo TS, é a que agora vén a recoñecerse mediante a nova Resolución de 16 de xaneiro, que estima o recurso presentado por CCOO. Non podemos entender como os xestores públicos insisten en manter criterios que lesionan os dereitos laborais e profesionais do seu profesorado, mesmo a sabendas da ilegalidade de moitas das súas formulacións. Apostar pola xudicialización das relacións laborais non só lesiona os dereitos do colectivo do PDI, senón que cuestiona a calidade do propio sistema público universitario.
Estamos ante un novo paso do proceso de reclamación deste dereito que CCOO iniciou no ano 2016 esixindo que se recoñeza:
- O dereito de todo o PDI á avaliación da actividade investigadora, con independencia de que a súa relación coa universidade sexa funcionarial ou laboral, permanente ou temporal, ou que a súa dedicación sexa a tempo completo e parcial.
- E, en caso de avaliación positiva, a percibir o correspondente complemento salarial. O complemento pola avaliación da actividade investigadora («sexenios») é un complemento de actividade e, se esta se realiza, o recoñecemento ten que ser pleno para todos os efectos.
Ás sentenzas do Tribunal Supremo que CCOO foi gañando nestes anos, recoñecendo este dereito no ámbito laboral, únese agora o recoñecemento para o PDI funcionario.
Esta nova Resolución do 16 de xaneiro relativa á avaliación da actividade investigadora do PDI funcionario a tempo parcial debe ter o seu reflexo en cada universidade en convocatorias específicas para o PDI laboral que, segundo informa ANECA, se publicarán con posterioridade a esta resolución, fixándose o prazo de presentación entre o 9 de febreiro e o 2 de marzo de 2026. E naquelas que xa se publicaron, debería supoñer a rectificación dos criterios de exclusión do PDIL a tempo parcial se así o facían.
CCOO continuará adiante con todas as accións sindicais e legais necesarias para garantir que este dereito se aplique de forma efectiva no conxunto das universidades públicas.
Desde CCOO seguiremos traballando para o recoñecemento profesional e salarial do conxunto da actividade de todo o profesorado universitario.
